Ás veces descoñecemos todo o talento que teñen os nosos veciños de Rianxo. Así que dende aquí nos gusta falar con eles e sacarlles fotos, para que teñades claro as historias que hai detrás de cada un deles. É o caso de Antón Alcalde Rodríguez, que pese á súa mocidade (03/07/1992) non só toca un feixe de instrumentos de percusión e mesmo outros de vento, senón que é un gran compositor. Imos coñecelo un pouco mellor.
Aquí podedes ver o seu currículo, pero basta dicir del que as súas composicións foron interpretadas en países tan afastados como Australia, EE.UU. ou Holanda. Ademais, estivo nominado aos Hollywood Music Awards, un dos galardóns máis prestixiosos do mundo no ámbito da música independente.
– Comezaches a tocar na Banda de Música de Rianxo. Con cantos anos?
– Aos 8 anos.
– Como xorde a paixón pola música?
– Creo que a mellor forma de definilo e, que “xorde de maneira evolutiva”. Dende os dous anos sentía atracción por este arte, e dende entonces foi unha atracción na miña vida que pouco a pouco acabou por absorverme completamente.
– Cantos instrumentos tocas?
– Podemos dicir que o meu instrumento é a percusión, con todo o que iso implica (non só os instrumentos máis coñecidos ou orquestrais como timbais, batería, conxunto de láminas… senón que tamén os instrumentos étnicos de distintas culturas do mundo). Tamén teño nocións de piano (o cal emprego para a composición) e algúns instrumentos étnicos de vento como a Zurna, o Duduk, a Fujara, o Whistle e o Shakuhachi.
– Que formación tes?
– Actualmente teño o título profesional de música na especialidade de percusión. Na rama da composición son completamente autodidacta, aínda que teño que agradecer o apoio incondicional do mestre e amigo Rafael Collazo Moares, que segue cada día facéndome como autor e músico. Agradecer tamén a Andrés Valero, amigo e guía neste mundo.
– A pesar de ser tan novo, tes unha gran bagaxe detrás túa e a día de hoxe incluso es mestre de música en Rianxo. Que lles adoitas aconsellar aos teus alumnos?
– Intento achegalos ao mundo da música e sobre todo intento que o vexan e o sintan desde o meu punto de vista, que se “namoren” desta arte e que a comprendan como a carreira que é, e non como o complemento B que a “sociedade” actual intenta que sexa.
– A día de hoxe o que máis tira de ti é a composición. Como nace en ti a idea de facer composicións propias?
– A composición é algo que todo músico experimenta, isto vén ligado ao propio instrumento. Quen nunca improvisou con el en horas de estudio ou con amigos? Creo que a composición sempre estivo conmigo incluso antes de comezar na música (tiña deseñada unha curiosa forma de escribir a música que imaxinaba en libretas cuadrículadas, jaja). Ao empezar en solfexo aos 8 anos, brindóuseme o piar que me faltaba, como escribir e trasladar ao papel as ideas musicais.
– En que países se tocaron as túas obras?
– España, Portugal, EE.UU, Australia, Holanda, Alemaña, Colombia, Arxentina, Venezuela, Brasil e Canadá (dos que eu teña constancia).
– Tes un feixe de premios ás túas costas. Algún que lembres con especial agarimo?
– Todos supoñen o recoñecemento a un traballo previo, polo que cada un o considero co mesmo agarimo. Quizáis postos a destacar, o primeiro (II Concurso Iberoamericano de Composición) e as dúas nominacións aos premios Hollywood Music in Media Awards)
– En novembro do ano pasado estreouse no Pazo da Ópera a túa obra Os heroes do Orzán. Como foi o proceso creativo, tendo en conta que se centra nun suceso bastante dramático?
– Primeiramente recibín o encargo por parte do Consorcio Galego actuando como intermediario a Banda Municipal de Música de A Coruña, no encargo constaba a temática na que poñer a música, tanto como a instrumentación como a súa duración aproximada. Comezo por buscar o que será o tema central da obra e os secundarios, o cales compoñen o ADN global da mesma. Isto adoita ser o primeiro paso que inicia a creación dunha obra.
No segundo movemento por exemplo, se recurre a música derivada do linguaxe do Jazz para describir o ambiente nocturno da cidade, a festa, o alcohol… O resto de temas secundarios se moven entre tracks de acción para describir o rescate dos tres policías e o estudante, tamén temas dramáticos para a traxedia e a posterior busca dos corpos.
Digamos que o “guión musical” bebe directamente do “guión literario”, o cal, sendo dado previamente no encargo, facilita o proceso creativo enormemente.
– E como lembras a estrea?
– Entre nervios e expectación (como en cada estrea) pero neste caso debo decir que bastante máis nervioso que de costume. A temática dramática da obra supoñía dúas cousas: ou o público aceptaba a música (o cal suporía que esta cumpre co seu cometido para coa temática), ou ben a rexeitaba (e isto levaría a polémica de poñer música a un acontecemento tan tráxico).
– Houbo certa polémica porque esta obra se traduciu ao español en Vilagarcía, para que se entendera mellor. O director tiña o teu permiso, pero cres que o galego ten aínda a etiqueta de lingua de segunda segundo para que cousas?
– Si, o director da banda de Vilagarcía contaba co meu permiso para a tradución da obra, posto que a finalidade do compositor debe ser que a súa música se interprete, sen entrar en políticas linguísticas. A música é unha linguaxe internacional e ela é a que manda e ten o poder dentro da sala de concertos.
– Sobre que temas adoitas escribir?
– Non teño unha temática en concreto, e o feito de estar falando dela dános a entender que a miña música é programática (que non é música pura). Xeralmente adoito centrarme en novelas ou sucesos que teñan unha cronoloxía ou liña esquemática na cal se poida escribir e encaixar o guión musical (tal como se faría na música para a imaxe), sendo esta a linguaxe que emprego na maioría do meu catálogo.
– Cal é a composición que máis che custou como autor?
– Sen dúbida, a máis angustiosa foi o encargo de parte do Festival de Cine “Curtocircuíto”2012 co fin de porlle música a unha curtametraxe do gran Charles Chaplin. A estética do filme ten bastante complexidade, ao non ter diálogos. Polo tanto, a música ten ese rol de nexo entre o público, música-imaxe. Tiven moi pouco tempo de traballo para facer media hora de música sincronizada coas imaxes, o que foi unha loucura. Pero estou moi satisfeito por ese traballo e o seu resultado final.
– E a que máis che enche de orgullo?
– Penso que todo autor se volca en corpo e alma nas súas obras, intentando dar o máximo en cada unha delas. De non ser así, non tería un sentido pórse a escribir. Para min todas as miñas pezas son igual de importantes e síntome orgulloso de cada unha delas.
– En que andas a traballar agora?
– Agora estou rematando o concerto para trombón e banda adicado ao mestre David Pont e teño en mente a orquestra sinfónica e as súas posibilidades sonoras para dous próximos proxectos.
– A que película che gustaría poñerlle banda sonora?
– Jaja, véñenme varios títulos á cabeza, pero a conexión entre música e imaxe vai unida. Se eu puxera a música, non sería o mesmo. Ninguén concebiría Superman sen o tema central de Williams, igual que ninguén máis que Williams faría dun motivo de dúas notas a ameaza inquedante dun tiburón. Polo tanto, os compositores de cinema forman unha parte inseparable do conxunto, aínda que recoñezo que me sinto con gañas e envexa sán de poder ter colaborado con blockbusters.
– Rianxo sempre se dixo que era terra de escritores. Cres que habería que engadir tmaén que é terra de bos músicos?
– Sen a menor dúbida. Antes, coa propia Escola de Música, tiñamos músicos de talento desbordante. E a raíz da propia Escola de Música saíron e están por saír grandes músic@s.
Extra: vídeo en Galica para el Mundo e entrevista en Certo.es
Deixar unha resposta