A igrexa do Araño é do século XVII. Coméntase que no seu día había un templo en Santa Baia, pero despois construiuse a igrexa arriba, onde está agora.
Como anécdota, cabe sinalar que en 1929 caeu a tribuna, que era de madeira, provocando un susto ben grande aos asistentes. Foi cambiada pola actual, unha de albanelaría. Foi tan soada a caída da tribuna, que por Rianxo circulaba un poema que nos comentou Xesús Santos:
Asados ponte firme
que o Araño xa caeu
e Taragoña está temblando,
co susto que lle meteu.
Actualización: grazas a Rabunho Rexeita, temos noticias da época, nas que se ve que houbo numerosos feridos:
Falando propiamente da igrexa, como se indica na web da Deputación da Coruña, na “planta presenta unha soa nave, de planta rectangular, dividida en catro tramo por tres arcos faixóns de medio punto apoiados sobre pilastras. O último tramo corresponde ao presbiterio lixeiramente máis estreito e máis baixo. Toda a nave está cuberta con bóveda de canón. Antes de chegar á ábsida, hai dous pequenos altares laterais embebidas no muro nunha fornela enmarcada por un arco de medio punto”.
Por outra banda, á tribuna accédese “a través dunha escaleira encaixada no muro. Ao exterior, apenas hai xogo de volumes, tan só destaca a sancristía engadida na cabeceira, cunha menor altura e muros construídos en cachotaría. A fachada principal carece de ornamentación, é o muro, liso, cuxo ritmo só rompe por un pequeno van, unha fornela (no lado da torre do campanario) e a porta de entrada (remate con arco de medio punto). No lado dereito da fachada elévase a torre- campanario; de planta cadrada e dividida en tres corpos: o inferior, sinxelo e sen ornamentación; o corpo de campás, formado por catro columnas e catro arcos de medio punto, con remates de pináculos nas súas esquinas. O último corpo está formado por un cupulín sobre tambor de sección octogonal”.
Deixar unha resposta