Grazas ao gran Rabunho Rexeita, descubrimos que pegada aos Pazo dos Calotes (O Araño) había unha fonte preciosa:
Esta foto antiga, cedeulla Consuelo Meira a Rabunho Rexeita e nela podemos ver varias caras a cadanseu lado, ademais dunha figura tamén cunha sorte de rostro, por onde xorde a auga. Non obstante, agora mesmo a fonte non está nin visible nin no mesmo estado.
Como digo, grazas a Rabunho Rexeita coñecemos onde se atopa a fonte. Fomos con el ata o lugar e hai que saltar un muro de pedra duns dous metros de alto. Ao traspasar o muro, non hai máis ca silvas e maleza grande. Ademais, desapareceu un lavadoiro que había no lugar e que usaban os veciños da parroquia. Agora non queda nin rastro.
Coa axuda dun fouciño, fomos limpando un pouco a zona e puidemos ver o estado actual da fonte. Aquí se pode ver ao meu pai dándolle ao fouciño e retirando uns plásticos que había na auga:
Como podemos ver, as caras laterais desapareceron. Ben, soas de seguro que non se foron e no seu sitio puxéronse unhas pedras, así que as roubaron ou as levaron directamente:
De novo, vemos como expolian parte do noso patrimonio, seguramente para decorar un salón ou un xardín. O único que continúa é a parte inferior, que é ben fermosa:
Queremos agradecer, unha vez máis, a Rabunho Rexeita que nos descubra estas cousas que doutro xeito quedarían esquecidas.
Deixar unha resposta