Como sabedes, a escola unitaria da Vacariza (Isorna) igual pecha, co que iso implica para unha zona rural e para os nenos do lugar. Ademais de falar cos pais e cos cativos que estudan no centro, quixemos preguntarlles tamén aos políticos locais a súa opinión.
Así, o alcalde, Adolfo Muíños, sinala que “o Concello de Rianxo apoia as demandas da comunidade educativa do CRA de Rianxo para o mantemento completo da actual rede de escolas unitarias do rural do municipio. Consideramos existe unha demanda importante de escolarización a atender e supón un modelo de educación de proximidade e individualizado positivo para o desenvolvemento integral das crianzas. Mentres exista esta demanda que a respalde débense manter todos os centros abertos pois tamén son centro da vida da aldea e pechalas supón quitarlle un chisco ese alento vital. Son escolas ademais nas que o mantemento xeral está garantido polo propio concello que se encarga das obras anuais, reparacións, os custes correntes de enerxía, limpeza, etc. O esforzo económico que se fai desde o Concello paga a pena”.
Indica ademais que “o Concello a través da Alcaldía ten solicitada unha entrevista, aínda non concedida, coa delegación territorial de Educación da Coruña na que lle trasladará este apoio ao mantemento da Escola da Vacariza, pois consideramos ten garantida unha matrícula a medio prazo suficiente para mantela aberta e seguir con este modelo educativo que son as escolas unitarias e os Colexios Rurais Agrupados. A crise non debe ser coartada para minorar os servizos públicos”.
Tamén quixemos saber a opinión do grupo da oposición e do partido máis votado, do PPdeG. Neste senso, a súa voceira e líder, Vanessa Martínez, explica que “o Partido Popular de Rianxo, sempre vai a estar de acordo cas demandas coherentes do pobo”.
Preguntámoslle se dende a parroquia de Isorna se puxeran en contacto con eles por este tema. Dixo que “ninguén nos comentou nada. Si o fixeron doutros temas desa parroquia, pero non da unitaria. No Concello tampouco nos informaron”. Si coñece o tema, pero dun xeito indirecto, a raíz dunha conversa nunha cafetería “onde se lamentaban da mala sorte de que pechaba por un rapaz que faltaba, pero só o comentaron como unha anécdota”.
Deixar unha resposta