Este é un blog sobre Rianxo e sobre as súas xentes. Así que nos gusta ver cales son os problemas dos veciños e estar ao seu carón. Dese xeito, o día 24 de xuño, coincidindo coa festividade de San Xoán e da festa de fin de curso na escola unitaria da Vacariza, aproveitamos para achegarnos ata Isorna e ver como están os ánimos despois de que se anunciara o peche desta escola.
Atopamos a numerosas persoas entre nais e pais, avós e avoas, e un bo feixe de nenas e nenos que se ofreceron gustosamente a poñerse diante da cámara e dicir unhas palabriñas do que pensan do peche da súa escola.
Despois da foto, tivemos oportunidade de entrevistar a un dos membros da ANPA Irmáns Insua, quen nos contou o seguinte:
-Dende cando leva aberta esta escola unitaria?
– A escola leva aberta dende o ano 1962, ano en que, os veciños da Vacariza cederon os terreos ó concello de Rianxo para que se fixera a escola e o parque que está detrás da mesma. Non foi até 1969 cando se lle dou, tamén de forma gratuíta, unha traída de auga para abastecer as dependencias, que até o momento o facían a través dun pozo que tiñan.
-Cantas nenas e nenos estudan neste centro e entre que idades?
– No ano 2012/13, estudaron nesta escola un total de 7 nenos e nenas. Para o ano 2013/14 cursarían (no caso de non pechar a escola) un total de 6 nenos, cifra que remontaría outra vez para o curso 2015/16 cunha escolarización de 9 nenos. Todos eles comprendidos entre 3 e 7 anos.
-Que é o que quere facer a Consellería de Educación con esta escola, e que motivos alegan?
– O que nos din dende a Consellería é que a van pechar porque, como o número de escolares para o curso 2013/14 baixa das 7 matrículas, xa non resulta viable manter as instalacións abertas, aínda que ó noso parecer o que queren é ter un menor custo en profesorado e mantemento das instalacións educativas.
-Que implicaría este peche? (A onde terían que ir os nenos, como se terían que desprazar, que pasaría co profesorado…?)
– Os nenos e nenas da Vacariza terían que desprazarse ó colexio Castelao en Rianxo, co que terían que coller o autobús ás 8:45 da mañá para voltar á casa no último autobús que sae do colexio tódolos días pola tarde. Chegarían dese xeito ás súas casas máis ou menos ás 16:20 horas. Todo isto en nenos de 3 anos.
En canto ó profesorado desta escola, directamente quedaría sen praza un titor/a e un mestre de apoio que están tódolos días na unitaria. E, indirectamente, quedarían con menos horas lectivas os profesores de educación física, inglés, relixión, e música que son os que a CRA de Rianxo ten para dar as clases por tódalas escolas unitarias das parroquias do concello.
-Que tipo de accións estades ou ides desenvolver para evitar este peche? Ademais dos pais dos rapaces, está volcada a parroquia de Isorna co problema, tedes algún tipo de apoio?
– Dende a ANPA o que se está a facer é unha recollida de firmas. Tamén nos desprazamos un grupo de tres persoas do CRA de Rianxo e cinco pais de alumnos da Vacariza a Santiago de Compostela, onde nos reunimos coa inspectora de Educación e co director da Consellería de Educación.
Deseguido, a xente alí presente afanouse en mostrar a súa repulsa polo peche destas instalacións xa que, como eles mesmos aseguran, unha vez que se peche a escola esta non voltará a abrir as súas portas. O que implica que a aldea da Vacariza quedará morta e non haberá ninguén que queira ir vivir alí.
Tamén tomaron a palabra os nenas e nenos que estaban alí presentes, deixándonos frases como as seguintes:
– “Nesta escola ensináronnos dun xeito máis individual e nun ambiente máis en familia”
– “A nosa infancia está dentro desta escola”
– “Aquí estudaron as nosas nais e pais, as nosas irmás e irmáns e agora querémolo facer nós tamén”
Por último, tamén estaba Aaron de 5 aniños, que nos indicou que a el non lle gusta ir en autobús.
É unha mágoa que o rural pouco a pouco vaia quedando sen servizos e, sobre todo, que os nenos, que son o futuro da nosa vila, vexan que alí onde viven case non hai oportunidades e que o futuro está nas grandes urbes ou nos centros das vilas. Acaso queremos imaxes coma esta en Galicia?
Agardemos que esta non sexa a última vez a escola unitaria da Vacariza volve ter unha festa de fin de curso, e que moitos nenos poidan continuar tendo unha educación e desfrutar da súa infancia aquí. Despois de medio século de historia, sería ben triste saber que esas catro paredes nas que houbo risas, xogos e coñecemento deixara de funcionar. Moitas xeracións de cativos de Isorna aprenderon a ler, escribir e contar neste centro, e nós tamén temos claro que se esta porta pecha, igual non volverá abrir. Así que facemos propia a reivindicación dos veciños do lugar e dicimos “Non ao peche da escola!”.
Tamén estaría ben reseñar que si algunha familia da Vacariza con cativos en idade de ir á unitaria optou por matriculalos no colexio Castelao, reconsiderasen a súa opción para así tentar evitar o peche desta escola, que conta xa con tantos anos de historia.
Pregunta: En Quintáns tamén hai unitaria… ¿Por que os nenos da Vacariza se teñen que desprazar ata Rianxo?¿Non os pasan a unitaria de Quintáns?..
(Que conste, non creo que o peche desta e outras unitarias sexa a solución… masificación de aulas no presente, burros e ignorantes no futuro…)
Si, en Quintans hai escola. Pero hai nenos que son levados a escola polos avos xa que os pais traballan e a distancia e suficientemente considerable para traelos a andar xa que moita xente maior non dispon de medios para traelos