Cando Taragoña e Asados tamén eran municipios independentes

23 Xuñ

Grazas outra vez ao noso amigo Rabunho Rexeita, descubrimos un novo e interesante episodio da historia de Rianxo: cando realmente non había un concello, senón tres. Pois si, amigos, pois Taragoña e Asados eran municipios que non tiñan nada que ver con Rianxo, agás que os límites xeográficos. Rianxo e Asados pertencías ao partido xudicial de Padrón, mentres que Taragoña pertencía ao de Noia.

Sorprende saber tamén que o concello máis grande era no seu día o de Asados, xa que formaban parte del as actuais parroquias do Araño, Leiro e Isorna. Vamos, que a día de hoxe a cousa podía ser tal que así:

rianxo_concellos

 

Pero a cousa cambiaría a raíz da descentralizacion administrativa que aconteceu entre os anos 1820 ao 1823, cando Fernando VII abandonou o absolutismo e xurou a constitución. En 1822 Galicia pasa a contar con catro provincias, e os tres concellos que conforman o actual Rianxo seguen nos mesmos partidos xudiciais. Pero en 1834 hai unha reforma xudicial, e a totalidade das parroquias que comprenden os concellos de Asados, Rianxo e Taragoña pasan formar parte do partido xudicial de Padrón. O 25 de abril de 1836 publícase no Boletín Oficial da Deputación da Coruña (número 116) o proxecto no que xa figura Rianxo como Concello, desaparendo os de Asados e Taragoña. Iso si, a división por parroquias é a mesma que se mantén ata a actualidade.

O proxecto lévase á sesion da Deputación da Coruña o 7 de xuño de 1836, sendo aprobado sen modificacións. O resultado sería publicado no BOletín Oficial da Provincia número 141 do día 22 de xuño de 1836. O concello de Rianxo figura alí da seguinte maneira:

“Parroquias que forman Rianjo: Santa Columba: número de vecinos 393, número de almas 1811; Taragoña, San Salvador: número de vecinos 247, número de almas 1500; Araño, Santa Eulalia: número de vecinos 128, número de almas 625; Asados, Santa María: número de vecinos 80, número de almas 1500; Leyro, Santa María: numero de vecinos 100, número de almas 488; Isorna, Santa María: número de vecinos 122, número de almas 422”.

É curioso como tamén levaban a conta dos difuntos no seu día, aínda que se indicaba dun xeito máis fino, con termo de “almas”. EDITO: a raíz dun par de comentarios vosos, teño que indicar que realmente as almas non fan referencia aos difuntos, senón ao total de persoas. Como nos indica amablemente Delez, o de veciños indica normalmente “o número de cabezas de familia (ás veces só aqueles con dereito a voto) e é o número de almas o que indica é o número o de habitantes”.

Vamos, que iso de que haxa xente de Taragoña que se queira “independizar” de Rianxo ten certa explicación histórica. Por certo, agora que se está a falar da concentración de concellos en Galicia, imaxinades que algún día nos xunten con Boiro? Que pensaríades?

7 Respostas to “Cando Taragoña e Asados tamén eran municipios independentes”

  1. Delez 06/23/2013 ás 17:25 #

    Ollo, o de veciños normalmente o que indica é o número de cabezas de familia (ás veces só aqueles con dereito a voto) e é o número de almas o que indica o de habitantes.

    • fotosderianxo 06/24/2013 ás 11:34 #

      Delez, graciñas polo comentario. A verdade é que non o pensara. Agora mesmo o corrixo.

  2. Ignorante de la vida! 06/24/2013 ás 11:15 #

    Cando estaba leendo os datos e vía o número de veciños e o número de almas, eu entendía que serían o número de veciños correspondentes ás vivendas, unidades familiares ou homes de cada casa, e as almas ó total dos habitantes, contando mulleres, nenos,…
    Foi unha lectura repentina que me pasou pola mente, non sei se debido a certos prexuicios do pasado ou se a algún valor real, e que se non en Leiro extrañabame que houbera unicamente 100 persoas, de ahí a miña diverxencia, pero bueno, pode ser, imos para 2 séculos mais tarde!

    • fotosderianxo 06/24/2013 ás 11:34 #

      Si, xusto hai outro comentario nese sentido, así que o erro é meu. Graciñas por comentar!

  3. Carlos Ces 06/24/2013 ás 21:27 #

    Desa época, descoñezo se antes ou despois da reforma, constan mapas da “xurisdición de Rianxo” á que pertencen: Rianxo, Taragoña, Asados, Leiro, Araño, Laíño, Cespón, Abanqueira, Bealo e Macenda. Isorna pertencía á de Catoira.

    Tiña isto algo que ver cun Concello ou son organizacións distintas?

    Tamen se le por ai que:
    “As Cortes de Cádiz, primeiro intento serio de Revolución liberal en España, van ter a súa influencia no governo da vila e xurisdicción de Rianxo. A parroquia de Taragoña, acolléndose á Constitución de 1812, e debido ó seu grande número de veciños, encabeza un movemento que intenta crear máis de un Concello na xurisdicción de Rianxo; intento fallido, xa que as autoridades provinciais non autorizaron tal separación.”

    e que:
    “En 1822 Asados foi Concello Constitucional. Na primeira reunión de consistorio queda acordado polo Alcalde Pedro Gago e demáis membros da corporación que Simón Gey siga exercendo no presente ano de 1822 as funcións de Segredario tal como no ano anterior. É de supoñer que cada parroquia agregada: Araño, Leiro e Isorna, terían canda menos un representante da súa localidade. Quedan fóra deste distrito as parroquias de Rianxo e Taragoña que de por si formarían Concello a parte con cabeceira en Rianxo.”

    Nunca lera o de que Taragoña chegara a ter Concello propio.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Canto mide un ferrado? | Fotos de Rianxo - 11/12/2015

    […] A CURIOSIDADE Existen varias fontes onde se mostra a Rianxo xunto con outros concellos da comarca con unha superficie de 484m² por cada ferrado. Esta dicotomía ca realidade anteriormente explicada ten a súa orixe nos cambios sufridos polas distintas parroquias do concello e polas provincias galegas durante a primeir…. […]

Deixar un comentario