Canto mide un ferrado?

11 Nov

En moitas ocasións atopamos nas nosas casas as mesmas preguntas en conversas familiares entre as distintas xeracións dunha familia.
– Canto mide un ferrado?
– 12 Cuncas!
– E canto mide unha cunca en metros…?

E aí acaba a cousa, porque así acostuman acabar os diálogos deste tipo cando as xeracións máis “modernas” intentan cuantificar todo en metros cadrados, mentres as xeracións máis antigas seguen coas súas medidas ancestrais, sen atopar moita correspondencia entres ambos os dous métodos de medida.

AS RESPOSTAS
En Rianxo, 1 ferrado equivale a 420m², 1 cunca equivale a 35m², polo que 1 ferrado é igual a 12 cuncas. E si, é sobresaínte destacar que estas medidas son unicamente en Rianxo, pois o problema que teñen este tipo de cuantificacións é que van variando segundo cada concello de Galicia.

Habería que repasar cada un dos 314 concellos do noso país, para ver todas as medidas, xa que en poucos casos se repiten valores. É máis, os valores poden ser do máis dispar. Aí temos os exemplos de Cerceda con 639m²/ferr., Muros con 335m²/ferr., Boiro con 484m²/ferr., Vilanova de Arousa con 629m²/ferr.,…

A páxina web onde se poden comprobar todas as medidas de Galicia é http://www.proserga.es/ferrado.php

O normal é que en Galicia haxa unha media de entre os 400 a 600 m² en cada ferrado, como é o noso caso particular de Rianxo. Pero ao longo dos distintos concellos podemos atoparnos diferenzas moi considerables como son os casos de Soutomaior con só 64m²/ferr., Redondela con 69m²/ferr., ou Fornelos de Montes e Pazos de Borbén con 74m²/ferr., que presentan as superficies máis pequenas. No outro extremo da capacidade aparecerían concellos coma Portomarín onde albergan 671m²/ferr., Alfoz, Valadouro, Barreiros ou Foz con 714m²/ferr., e Xove ou Cervo con 725m²/ferr.

A ORIXE
Este tipo de medidas usadas en Rianxo, o ferrado, ao igual que outras utilizadas en toda Galicia, teñen a orixe en utensilios cunha capacidade concreta que se utilizaban para medir a produtividade da terra, así, en Rianxo farían falta 420m² de terra para producir o cereal preciso para encher un recipiente denominado ferrado.

ferrado-historiadeortono
Imaxe de un ferrado, extraida de: http://quepasanacosta.gal/

A outra medida que se utiliza en Rianxo, e non en outros moitos lugares, é a cunca, o cal tamén ten a súa orixe noutro recipiente máis pequeno, que igual que o ferrado era o que se enchía de cereal ca colleita de 35 m².

O ferrado é unha medida utilizada en toda Galicia, aínda que a cunca xa é algo mais propio da nosa zona, e igual que outras medidas teñen a súa orixe en utensilios de medida e capacidade hai outras medidas que se utilizan polo resto de Galicia. Desta maneira o cuartillo é unha medida utilizada en Boiro (entre outros lugares) (1 Cuartillo = 22,33m²), a Vara é unha medida utilizada na zona do Morrazo (1 Vara = 4,5 a 7,5 m²-segundo concello),… En definitiva, un amplo abano de utensilios e recipientes antigos que servían para medir a terra en base á súa capacidade productiva, de ahí a variación que se presenta nos distintos concellos, incluso en algún chegando a variar en cada parroquia.

A CURIOSIDADE
Existen varias fontes onde se mostra a Rianxo xunto con outros concellos da comarca con unha superficie de 484m² por cada ferrado. Esta dicotomía ca realidade anteriormente explicada ten a súa orixe nos cambios sufridos polas distintas parroquias do concello e polas provincias galegas durante a primeira metade do século XIX.

Orixinalmente as medidas eran valoradas por cada parroquia, como aínda na actualidade pasa en algún concello, mantendo esa diferenza interna por concello. Rianxo, como se debería saber, estaba repartido en tres concellos distintos (Rianxo, Taragoña e Asados), estando separados en distintos partidos xudiciais (Noia e Padrón), desta forma, cada concello tiña unha superficie equivalente dos ferrados segundo o partido xudicial no que se emprazaba. Na actualidade, aínda que en algunha base de datos poida aparecer esta segunda referencia, a medida oficial foi a comentada ao longo desta entrada (1 Ferrado = 420m²), tendo os 484 metros cadrados coincidencia con concellos coma Boiro co que antigamente se compartiu partido xudicial por parte do actual concello de Rianxo.

Por se todo isto non fora moito e xa para acabar co enredo, sería notorio destacar que cando temos necesidade de pasar polo notario ou pola oficina do catastro, en moitos dos casos aparecen os documentos das nosas parcelas coas superficies expresadas en áreas, o cal ten unha equivalencia de 100 m².

1 Ferrado = 12 Cuncas
1 Ferrado de Rianxo = 420 m²
1 Cunca de Rianxo = 35 m²
1 Área = 100 m²

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: