Como na parroquia do Araño se están a celebrar as festas e o elemento máis emblemático da parroquia é o hórreo, hoxe quixen lanzar unha reflexión: por que en toda Galicia se segue a dicir que a graneira máis longa do mundo é a de Carnota? Por que o hórreo do Araño é un gran descoñecido fóra do noso Concello? Por que non lle sabemos sacar todo o potencial que ten?
O caso é que se a calquera galego lle preguntas cal é o hórreo máis longo, de seguro que contesta ao momento que é o de Carnota. Pero por lonxitude, o máis longo é o do Araño, con 37,05 metros. O segundo máis longo é o Lira (Carnota), con 36,56 metros, o terceiro é o propio de Carnota, con 34,74 metros. E despois viría o de Poio, con 33,46 metros.
Ademais, é o máis antigo de todos os anteriores, xa que foi construído no século XVII. Vamos, que debería ter máis sona, pero non é así. No blog de Amado, este explica que o noso, o do Araño, ten unha gran pega, que non ten pés, “y un hórreo sin pies es como una flor sin su tallo, como una isla sin mar, como un bosque sin árboles, como un faisán sin su cola”.
Vamos, que unha graneira sen pés é fea. Eu coincido en que un hórreo con pés é moito máis fermoso, pero no do Araño foise ao práctico, xa que a parte inferior da estrutura é un celeiro, no cal que almacenaba leña, carozos ou ben máis espigas. Hai que lembrar que no seu día se enchía de millo. Pero para min o principal problema de que non se recoñeza o mérito da graneira do Araño é outro ben distinto.
Considero que ao noso monumento lle falta unha localización máis axeitada e a posibilidade de que a xente se achegue ata el. Agora mesmo o hórreo está dentro da finca da casa reitoral da igrexa. Hai un muro alto de 1,60 metros máis ou menos que separa a estrada do piorno, o que para min lle resta moito atractivo.
É dicir, alguén que se achegue ata o lugar, vaino ver de lonxe, pode velo dende atrás do muro, pero pouco máis. E creo que a maioría de nós somos de poder achegarnos, de tocar, de mirar de preto e de podernos sacar fotos diante dos sitios que visitamos.
O de Carnota reúne todo iso. Está nun sitio moi fermoso, ten ao lado a igrexa, un pombal pero, o máis importante, a xente pode ir ao seu carón, percorrelo dun extremo ao outro e sacarlle cantas instantáneas desexe.
Oxalá algún día se poida falar coa Igrexa e que sexa accesible para os visitantes. Mentres tanto, creo que seguirá sen o recoñecemento que merece.
E ti que cres? Que farías para dar a coñecer máis o hórreo do Araño? Cal cres que é o problema que ten?
Parabéns, mais uma vez, pelo magnífico blogue. Eu não concordo muito que a graneira com claros seja mais formosa que a de celeiro. Para mim a monumentalidade da graneira do Araño é um plus. Também não concordo que o problema seja dar-lhe visibilidade, senão mais bem ter uma visão global dos espigueiros em Rianjo e que esta construção singular seja conhecida e estudada. Falas do menosprezo a esta graneira? Então o magnífico espigueiro de Isorna, num conjunto arquitectónico, igreja-casa reitoral, de especial beleza? O caso também muito singular do campo das graneiras de Meiquiz, absolutamente ignorado, esta vez sim, mesmo pelos próprios rianjeiros? A vossa contribuição na difusão deste património, como sabes protegidos pelas leis de património histórico artístico, é fundamental. Vamos sabendo.
Falando precisamente de menosprezo dos hórreos de Rianxo, só hai que ver o caso da enorme graneira que está ao lado da antiga casa reitoral de Leiro, que está comida polas herbas:
https://fotosderianxo.com/2010/06/21/unha-arbore-non/
Tes razón en que é preciso ter unha visión global, non o pensara, pero no concello temos unha serie de construcións das que presumir. Está tamén a do pazo de Viturro, en Rianxiño. Pero, de novo, eu sigo a pensar que lle faltan visibilidade e accesibilidade. O da reitoral de Leiro eu atopeino por casualidade e non sen rascar as pernas coas silvas. O do pazo de Viturro podes velo dende fóra, porque non está accesible a finca. O de Isorna, a verdade é que o ignoraba.
É certo que tiña pendente fotografar o conxunto de Meiquiz, así que visto o visto, márcomo como obriga para antes de que remate o verán.
Graciñas de novo, José Luís, por comentar, que sempre é un pracer ler a túa opinión.