Ás veces, a liña que separa a un artista dun artesán é moi fina. Este podería ser o caso do rianxeiro Roberto Figueira Martínez (1982), quen non só trata de vivir do que esculpe na madeira, senón que tamén trata de plasmar nas súas creacións gravados tan complicados como os de Gustave Doré. É unha persoa desas que consideras tímida nas distancias curtas, pero con moito de retranca, como se pode ver tanto no seu blog como nas respostas que nos dá nesta entrevista.
– Como comezaches a esculpir cousas en madeira?
– Pois como traballaba de carpinteiro tiña á man a materia prima e máis ou menos sabía como como se comportaba.
Despois collín moza e cheguei á conclusión de que era unha forma de facer agasallos con un gran valor sentimental (baratos), únicos (baratos) e pesonalizados (baratos).
A verdade é que sempre me gustou a escultura e a arte en xeral, gustábame ver igrexas (é o que está máis á man), ollar os libros de historia da arte. E como son de natureza avara, quería ter á man e á vista os obxectos que me gustaban, e cheguei á triste conclusión de que ou me facía rico de forma infusa, ou me facía as cousas eu mesmo.
– Tes algunha clase de formación ou es basicamente autodidacta?
– Eu formeime na universidade da vida, na rúa, viaxando polo mundo cunha mochila. Non, non é certo; só saín de Galicia dúas veces 🙂 Como tiña xa o oficio de carpinteiro, xa sabía como traballar a madeira. O demais foi proba-erro (normalmente máis erro que proba, ou erro directamente…).
– Como se che ocorren as ideas para as cousas que fas?
– Hai de todo. Baséome en fotos, debuxos, paranoias (o tema da droga non o toquei, pois segundo a literatura saen cousas ben raras)…
– Que tipo de madeira adoitas empregar para as túas obras?
– As máis comúns en carpintería, xa que son as que mellor coñezo: castiñeiro, carballo, cerdeira, piñeiro… Pero non lle fago ascos a nada mentras non teñan a veta cruzada, que debe de ser a cousa máis odiosa á hora de tallar algo.
– Esculpes dende mobles ata tallas de dragóns, bruxas ou gaiteiros. Que é o que máis che gusta facer?
– De todo en xeral, mentras non sea unha horterada… que tamén as fago se mas piden.
– Tes algunha serie ou colección centrada nalgún tema?
– Teño feito algunha serie de gravados sobre Cousas de Castelao (o cal, sendo de Rianxo é case un cliché). E sempre tiven ganas de adaptar algúns gravados de Gustavo Doré en altorrelevo, pero polo de agora só teño un e medio.
– Cal é a escultura que máis tempo che levou facer?
– Supoño que calquera das primeiras, pois ao non ter moita práctica levábanme moito tempo. A máis laboriosa que teño debe de ser a que fixen sobre un gravado de Doré que ilustraba o poema de “O Corvo” de Poe, pero como as máis complexas fágoas a horas soltas (pois non son encargas e non as espero vender nun curto prazo… nin medio… esperanza teño…), non teño moita forma de contabilizar ben o tempo que me levou.
– A cantas feiras adoitas viaxar ao longo do ano coas túas creacións?
– Non me gusta denominar as cousas que fago como “creacións”, pois dáme a impresión de que ese termo anda máis no ámbito artístico e tería que empezar a andar con panos ao pescozo e boinas, e comezar a explicar o que fago con profusión de adxetcivos e referencias. Eu síntome máis cómodo no mundo da artesanía, que se move máis nos termos de: “é bonito”, “é útil”, “é feo”, “non vale para nada”….
En canto ás feiras, vou ás máis que podo. Este ano comecei en marzo e poucas fins de semana tiven libres. A conta das feiras estou percorrendo toda Galicia, co cal estou coñecendo unha chea de lugares: estradas, autoestradas, prazas de concellos, algunha rúa…
– Tes un blog no que adoita adoitas publicar as túas creacións e mesmo comentar detalles técnicos das pezas e algunha curiosidade. Tes medo de che poidan roubar algunha idea ou cres que é bo intentar dar a coñecer o que fas?
– O blog fíxeno coma unha especie de catálogo para a xente que quere que lle faga algo ou que me pide unha tarxeta. O que pasa é que nos textos se me foi un pouco a man e tenden ao absurdo.
Sexa como sexa, quen queira roubar ideas vaino facer xa sexa sacándolle fotos ao “xénero” nas feiras, que é algo que nunca cheguei a entender, xa que me saquen fotos a min se estou a facer algunha demostración de talla (non polo oficio, se non polo meu porte e elegancia) é máis ou menos lóxico, pero as pezas que teño á venda no posto non me ten sentido (salvo que sexa para facer algo parecido).
De todos os xeitos, unha das moitas diferenzas que vexo entre arte e artesanía é que na arte se valora máis a idea ou a creación, e na artesanía a execución. Así é como me formulo eu as cousas, pois o prezo vai acorde co tempo que me levou facela. Iso non quita para que se nunha feira vexo a alguén que leve un xénero sospeitosamente parecido o que fago eu, lle proporcione unha morte lenta e dolorosa.
– Custa dar saída a creacións de calidade cando moita xente está acostumada a figuradas dos bazares chineses ou de obxectos de decoración de superficies tipo Ikea?
– Si, mais nas feiras vese de todo. O máis habitual é que pregunten o prezo das cousas máis grandes e vistosas (que como son as que levan máis tempo, son polo tanto as máis caras), poñan cara de susto, apreten o cu e vaian retrocedendo mentras din “que bonito”.
Sempre hai quen diga que é moi caro, ou que che veñan chamando ladrón (coma se se lles puxese unha pistola no peito para que compren). A esta xente cústalle entender que para ter os prezos que lles gustaría tería que cobrar a hora de traballo a 3 euros ou a menos.
– Moitas das túas cousas podémolas ver na Fiestra Artesanía, na rúa de Abaixo. Que é o que máis adoita gustar ou máis lle chama a atención á xente das túas obras?
– O que máis chama a atención son as cousas máis grandes e elaboradas, pero o que máis saída ten adoitan ser as placas gravadas, ou as talladas. Tamén os colgantes, aneis e algunha caixa. Máis ou menos véndese un pouco de todo do que non é demasiado caro.
Deixar unha resposta