Onte pola noite, presentouse no restaurante Tanxil unha das candidaturas ás proximas elecións na Asociación de Empresarios de Rianxo (ARE). A candidatura, capitaneada por Alfonso Castro Rodríguez acudiu á presentación co ánimo de mostrarlles @s presentes as liñas de actuación no caso de gañar as elecións que se van celebrar no local da ARE o próximo día 7 de marzo, ás 21:00 horas. Estes son os compoñentes da lista: Presidente: Alfonso Castro, Vicepresidenta: Mirian del Río, Vicepresidente: Rafael Maroñas, Interventor: David Alcalde, Tesoureiro: Vicente Martinez e secretario: Luis Duro
Estes mozos e coñecidos emprendedores rianxeiros, comprometéronse onte a dar un xiro radical ao actual sistema que se está a levar dende a ARE. Para a ocasión, os seis integrantes foron arroupados por diversos empresarios do Concello.
Durante a rolda de prensa, indicaron que o seu primeiro obxectivo era “conseguir a unión de todos para acadar un fin común que no caso de Rianxo pasa pola dinamización do comercio e empresas locais”. Dese xeito, Alfonso Castro sinalou que “froito dese obxectivo e finalidade nace a candidatura que eu encabezo, rodeado dun equipo de xente con experiencia no sector empresarial e con ideas novas e capacidade para levalas a cabo”.
Salientaron a necesidade de colaborar “con economistas, avogados/as e asesores fiscais que poidan aconsellarnos en ámbitos tanto de reflotación e reestruturación de negocios en apuros, así como axudar ao crecemento a aqueles que teñan posibilidades de facelo; e permitir a instalación de novas empresas facilitándolle todo o que se espera dun colectivo sólido e forte”.
No seu discurso, Castro tamén indicou que queren desenvolver “un plan de formación continua impartido por profesionais en cada sector, nese sector nos incluímos nos como profesionais e como docentes que somos. Queremos transmitir esa imaxe de calidade que Rianxo e o seu comercio se merece”.
Outro dos proxecto é a creación “dun centro de negocios común e unha bolsa de emprego para que os asociados podamos dispoñer de locais e de man de obra nos intres que sexa preciso”.
Tamén fixo fincapé na necesidade de dinamizar o comercio “con campañas estacionais dende as festas típicas ata actos conmemorativos” e de traballar para “chegar a acordos coas institucións por mor da implantación dos plans e normas urbanísticas de Rianxo”.
Deixar unha resposta