Este sábado, 29 de marzo, ás 21.00 horas terá lugar no Auditorio de Rianxo unha velada a favor do pobo saharaui. O que se recade cos concertos irá destinado para a campaña “Vacacións en paz”. Trátase dunha iniciativa solidaria pola cal moitos nenos saharauis poden desfrutar dunha estancia durante o verán con familias galegas.
Como nos contan os organizadores do evento, o programa “Vacacións en Paz” lévase a cabo grazas á colaboración económica de familias e de concellos. Dese xeito, estes nenos poden “desfrutar un verán sen pasar polas altas temperaturas”. Ao tempo que poden “recibir asistencia médica, aportes nutricionais e, ao mesmo tempo, establecer lazos afectivos entre dous pobos e dúas culturas”.
No caso concreto de Rianxo, nos últimos verán están a residir no noso Concello durante o verán “unha media de 8-9 nenos e nenas saharauis”.
O Sahara Occidental, como sabedes, foi unha colonia española ata 1976. Marrocos dividiuna en catro provincias, aínda que “a soberanía marroquí non está recoñecida nin polas Nacións Unidas nin por ningún país do mundo”, como se explica na wikipedia. Os organizadores do evento explican que a día de hoxe unha metade dos saharuis viven “en campamentos de refuxiados na chamada arxerina” e a outra “no territorio ocupado por Marrocos, sufrindo violacións manifestas dos dereitos humanos, e no medio, un muro de miles de quilómetros e fortemente minado que separa e limita a un pobo de nómades milenarios”.
Deixar unha resposta