Por fin podemos desvelar un suceso que aconteceu o ano pasado que, afortunadamente, non tivo consecuencias maiores. Este material non puido ver a luz ata o día de hoxe, porque os seus protagonistas tiñan o material gráfico oculto. Agora, en exclusiva, podedes ver as fotos do que aconteceu.
Era 15 de xuño de 2013. Nese sábado os protagonistas desta historia, dous fotógrafos de patacón, querían sacar unhas instantáneas en Rianxo para unha exposición que de seguro ninguén lembra. A mañá estaba fresca e as fotos tiñan que sacarse dende o mar. Así que estes homiños montaron nunha zodiac, dispostos a darlle despois ao botón da cámara.
Cando levaban media hora enriba da zodiac, de súpeto, o motor parou. Non pasa nada, porque os coches tamén se calan. Así que volta a acender a embarcación. O motor comeza co seu popopopó habitual e, uns segundos despois, detense outra vez. Novo intento por acender, e novo fracaso. Así que toca sacar a carcasa do motor e ver se pasa algo. Loxicamente algo pasa, pero non se sabe o que. “Trata de arrancalo, por Deus, trata de arrancalo”, gritábanse o un ao outro. Pero ningún tiña nin idea de que facer.
Os pseudofotógrafos comezaron a asustarse. Incluso se decaraton de que na zodiac entraba algo de auga por un dos buratos de evacuación pensados para cando a motora está en marcha. Na embarcación non hai remos e Rianxo queda lonxe para ir a nado. Dentro alguén comezou a sisear avemarías e nosopais pensando en cal pode ser o tráxico destino para as cámaras Canon que había alí dentro.
De súpeto, como saídos do ceo, os do Clube de Remo de Rianxo pasaron por alí a fume de carozo. Que brazos, que pernas, que porte. Ante os gritos de auxilio volveron atrás e quixeron saber que pasaba. Esta é a transcrición fidedigna do que alí se dixo:
– “Que pasa xente? Sodes estranxeiros e estades perdidos ou que?”, preguntaron os deportistas rianxeiros.
– “Somos terráqueos. É dicir, xente de terra firme. Iso do mar soábamos de velo mentres paseamos polo paseo marítimo e pensamos que ir en zodiac era como ir en bicicleta. Pero paróusenos o motor. Ou igual non lle botamos gasoil. A saber”, contestaron os náufragos. “Estamos case deshidratados de estar aquí, no medio do mar”.
– “E ló, canto levades abandonados á vosa sorte?”, quixeron saber os do Clube de Remo.
– “Uns cinco minutos ou así, pero isto é moi duro”, contestaron os fotógrafos con bágoas nos ollos dende había un cacho.
Así que os do Clube de Remo de Rianxo, entre risas e murmurios, decidiron socorrer a aqueles dous pseudofotógrafos e levalos ata o porto para que puidesen pisar terra firme e afogar as súas penas en alcol.
Velaquí a secuencia de aproximación.
Aquí xa podemos apreciar o momento no que a trainera engancha á zodiac para remolcala:
E nesta imaxe tedes o momento no que a zodiac se solta porque está xa ao lado do peirao de Rianxo. Aínda que non hai constancia gráfica, varias testemuñas de total credibilidade aseguran que os fotógrafos de patacón bicaron en repetidas veces, tal cal o papa Paulo II, a terra firme:
Como xa imaxinaredes, isto non é máis ca unha coña. A anécdota é real, pero preferimos adornala un puoco 😉
Os fotógrafos de patacón éramos Xoán e máis eu, cando para a mostra de Ruando Rianxo quedamos coa xente do Clube de Remo. A zodiac na que montamos estropeouse aos 15 minutos de comezar o adestramento. Así que ao final nos tiveron que remolcar dende a trainera. Foi un momento bastante simpático. Nada que ver co mal que os pasan os nosos mariñeiros cando teñen que ir traballar e soportar tormentas e mal tempo.
Queremos dar as grazas a Héctor e a toda a xente do Clube de Remo polo ben que nos trataron. Nuns días publicaremos as fotos dese adestramento.
Non me fagades rir, se estaban a 4 brazadas do muelle!! Jajajajajajajajaja
Juan, as distancias dende o mar cambian moito 🙂 Ademais, non tiñamos flotador para as cámaras, jeje