Peña Cicloturista Castro Barbudo, amigos da bicicleta e do monte

12 Mai

castrobarbudo

Este sábado 17 de maio, terá lugar a XV Subida ao Castro Barbudo, que organiza a pena cicloturista que leva o mesmo nome que o coñecido monte de Taragoña. Aínda estades a tempo de apuntarvos e desfrutar dos montes rianxeiros. Como xa van alá 15 anos organizando esta proba, quixemos coñecer un pouco máis sobre eles e por iso lle mandamos un pequeno cuestionario ao seu presidente, Moncho. Fálanos do bo ambiente que se respira, da paixón pola bicicleta e do traballo ao longo de todo o ano para preparar non unha proba, senón tres.

– Dentro de pouco celébrase a XV Subida ao Castro Barbudo. Xa van 15 edicións, lembrades como foi a primeira?
– Eu daquela non era membro do clube, pero os compañeiros sempre comentan que dende a primeira edición a proba tivo moi boa acollida entre a xente que lle gusta a bicicleta. O tramo competitivo do final, que é a propia subida ao Castro Barbudo, era moi esperado para medir as forzas entre os participantes. E tamén era ben celebrado o remate da proba, cunha boa churrascada e litros de cervexa, que naquela primeira edición foi celebrada no Campo Maneiro, xunto ao campo das festas.

– Entendo que unha proba destas leva moito tempo e moita preparación detrás.
– A verdade é que si. Para celebrar unha proba deste tipo estás un pouco durante todo ano preparando cousas. Hai que mirar camiños e demais e, un par de meses antes, comezamos cos últimos preparativos, cos permisos, cos trofeos, co reparto de traballos entre a xente do clube… Así conseguimos que todo estea listo para o día.

– Cantos participantes adoitan formar parte da proba?
– Nesta proba adoitamos ter case sempre preto de 100 participantes. Ás veces demos superado esta cifra, pero nunca moito máis, xa que se trata dunha proba federada e os participantes deben estar cubertos pola a Federacion Galega de Ciclismo.

– É unha proba para a cal xa hai que ter perna ou poden participar iniciados?
– Esta é unha proba para a que non se necesita ter un nivel moi alto, pois gústanos levala todo o traxecto controlada, no sentido de irmos todos os participantes xuntos ata a chegada do comezo ao tramo final, da propia subida ao Castro Barbudo. Alí si comeza a verdadeira carreira para medir forzas e loitar polos trofeos.

– Ademais da subida ao Castro Barbudo, tamén organizades durante o ano dúas probas máis, o Trofeo Castro Barbudo e a Marcha BTT Concello de Rianxo. Que teñen de particular cada unha delas?
– Pois si, organizamos tamen unha carreira puntuable para o Campionato Galego de BTT na modalidade XC, que se celebra no mes de xuño, nun circuíto pechado no que se xuntan as mellores bicicletas da comunidade galega.
Despois temos a marcha que denominamos Concello de Rianxo. Hai só dúas edicións que comezamos e trátase dunha aposta da nova directiva por xuntar en Rianxo unha gran cantidade de ciclistas. Nesta marcha temos tres rutas, onde damos cabida a todo tipo de ciclistas, dende principiantes a moi experimentados. E a verdade é que está a ter unha grande acollida nos amantes da bicicleta.

– O voso trátase dun clube, polo que se ve, moi activo. Canta xente o conformades e cando se creou?
– Conformámolo agora mesmo 65 socios e foi inscrito como clube no ano 1997.

– Hai moita afición á bicicleta de montaña en Rianxo e no Barbanza?
– Na zona do Barbanza hai unha grande aficion á bicicleta en xeral e, sobre todo, á bici de montaña. Somos centos de amigos da bicicleta os que nos atopamos cada domingo nos montes e nas estradas da comarca, destacando tamén Rianxo cunha gran cantidade de ciclistas.

– Creo que o voso pola bicicleta é como a relixión, que non faltades ningún domingo.
– É verdade, o domingo é sagrado saír cos amigos a adestrar polos montes da nosa comarca. A un domingo sen bicicleta fáltalle algo. Estamos ofrecidos.

– Se alguén se quixera unir ao voso clube, que tería que facer?
– Unirse ao noso clube é moi sinxelo. En principio hai que empezar a saír co grupo unha tempada e, despois, xa se pode dar de alta se ve que lle gusta a bicicleta e o ambiente que xira arredor dela.

Advertisement

2 Respostas a “Peña Cicloturista Castro Barbudo, amigos da bicicleta e do monte”

  1. Juan Luis 05/12/2014 ás 22:35 #

    Boas noites,
    Sólo comentar que a marcha é o Sábado 17, non o domingo…
    Unha aperta.

    • fotosderianxo 05/13/2014 ás 07:24 #

      Graciñas, Juan Luis. Acabo de corrixilo e tamén os erros ortográficos e demais, que había un feixe 😛

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: