José Andrés Tembra Redondo (1955), máis coñecido como Che Tembra, o ferreiro de Beluso, é un artista do ferro. Nacido en Taragoña, onde tamén ten o seu taller e a súa forxa, dálle voltas e reviravoltas ao metal para transformalo en creacións artísticas. Algunhas delas xa as puidemos desfrutar no noso concello: viñetas de Castelao, personaxes rianxeiros, da cultura e da política, festas e celebracións, etc. A súa obra ten un marcado carácter galego, moi comprometido co noso. Coñecemos algo máis de Che.
– A que anos comezaches co traballo de ferreiro?
– Eu fun para un taller de barcos, soldando e facendo cousas, pero de ferreiro non facía nada. E despois, aos 18, o meu pai comproume unha fragua e fun aprendendo.
– Non tiveches ningún mestre?
– Non, mestre no oficio de ferreiro non tiven a ninguén. Todo foi sacado do “cerebelo”. Algúns días saía ben a cousa, e outros mal. Viña ás veces o ferreiro da Candosa, que era un señor maior e eu preguntáballe: “Señor Manuel, encargáronme un machete. Como tería que facer para o corte?”. El explicábame: “Ti falo así, así e así. E dáslle moi pouquiña auga á ballesta. Despois, colles unha sobreira e se a machada che parte, fas outra”.
El explicábame algunhas cousas, pero a maioría eran a base de ir practicando.
– Ías sacando cousas dos libros?
– Si. Hoxe en día xa é mellor, porque hai CDs. Pero antes era só ler e practicar.
– Entón, dende os 18 anos, adícaste á ferrería?
– Si, pero tamén facía traballos de mecánico na casa. Pero tamén facía rastros aos mariñeiros ou sachadoras. O que me gustaba máis ben era inventar cousas, como o arrancacoles. Non me gustaba facer as típicas cousas. Do arrancacoles moito teño vendido, porque ata o fai un rapaz e case che permite arrancar árbores pequenas.
– E cando che dou pola vena artística?
– Haberá uns 10 anos ou así. Foi o bicho do que nunca puidera facer. Tivéralle toda a vida ganas, pero nunca o levara a cabo. Dende que unha vez vin que a unha lámpada lle facían unha hedra, quedei eu prendado e con ganas. Foi xa en 1972.
– A túa é unha obra moi comprometida coa terra e o que te rodea.
– A min sempre me gustou moito ler e grazas a iso fun coñecendo xente do mundo da cultura.
– Tes un compromiso tamén moi alto co galego.
– Si, tamén. Que iso nos acarrexa moitas discusións, porque hai moito “castellano”. Antes, como día Castelao, un de cada mil falaba español, e agora entre nós, xa é ser “de la jet”. Porque é unha honra ter unha lingua como a que temos, que xa falaba Alfonso X o Sabio.
– E o compromiso político tamén é dende sempre?
– Si. Eu non cambio. Son marxista-leninista. Xa máis ben chegando ao anarquismo, que cada un se soubese autogobernar por si mesmo, cousa que sería imposible. Pero eu nunca cambiarei. Porque coma min houbo moitos, que eran comunistas, pero dáselle a volta a tortilla.
– En Taragoña e en Rianxo había xente do partido comunista?
– Chegamos a ser 15 afiliados polo 1977. Eramos máis que do PSOE daquela. Do cal agora xa non vexo a ningún.
E as túas opinións políticas non che causaron problemas no traballo?
Non, porque cada un é quen é. Case tiven máis problemas cos compañeiros, porque sempre hai o típico cacique, amigo do xefe-pelotillero.
– Nas obras que tes expostas, a pesar das diferenzas políticas, tamén tes a Fraga.
– Si, porque era moi amigo. O Gaiás foi a perdición nosa; a ver agora a onde imos polos cartos. Téñolle un niño de paxariños na cabeza, porque nunca creu nos paxariños preñados, pero “habelos hainos”.
Deixar unha resposta