Este pasado venres tivo lugar unha xornada moi especial no instituto Félix Muriel. Remataba o primeiro trimestre, entregábanse as notas e… tamén se realizaba a presentación do libro Creadores de Rianxo. Pero non se fixo de calquera forma, senón da mellor posible, intentando establecer un vínculo entre os rapaces e os creadores, para que estes lles puidesen contar a súa experiencia, o seu traballo, e os mozos puidesen preguntar coñecer de primeira man como se documenta un historiador, como alguén compón música, redacta un libro…
O caso é que os dous que conformamos este blog, Xoán Antón Castro e eu, tamén estabamos convidados. Por temas no choio, xa que estamos co peche do ano, non puiden ir, pero Xoán Antón alí estivo contando a nosa experiencia para a exposición Ruando Rianxo.
Hai que dicir que Xoán Antón estaba un pouco nervioso, pero a proximidade e o cariño dos rapaces non puido ser mellor. “Paseino xenial”, acabou por confesarme 🙂
Dos 31 creadores do libro, polas aulas do instituto de Rianxo pasaron 12, que puideron interactuar cos rapaces. E xa vedes, en fotos como a de arriba, que tamén demostraron o seu talento.
Para que todo fose máis cercano e informal, cada creador estaba nunha aula e tiña media hora para falar cos rapaces.
Polas aulas do Félix Muriel estiveron varios escritores, como Xesús Costa Rodil, Xesús Santos, X. M. Lobato, Ricardo Losada e Joám Evans.
En canto aos artistas plásticos, falaron Noel Pérez Fungueiriño, Ché Tembra e Xoán Antón.
Por último, os músicos e compositores Iago Hermo, Rafael Collazo, José Nine e Alfredo Susavila tamén falaron e interpretaron para os rapaces.
Como explican no blog no Equipo de Dinamazación da Lingua Galega do centro, ademais disto, “o alumnado de 1º e 2º ESO” tamén ceñeceu “a obra doutro dos autores presentes no libro, Nuco Losada, no propio museo que o autor ten no barrio de Rianxiño, moi preto do IES”.
O dito, que moi boa iniciativa. Sinto pola miña parte non ter asistido, pero foime imposible. Iso si, Xoán Antón teño claro que deixou o pavillón ben alto. Agradecerlle a Valentina que nos pasase as fotos das presentacións para elaborar este post, e tamén a todos os rapaces que tan atentos e moi bos foron cos que alí estiveron nesa xornada.
Deixar unha resposta