Segundo unha nota de prensa que nos enviaron, este pasado luns o Goberno Municipal de Rianxo convocou a tódolos arquitectos de Rianxo a unha xuntanza. A idea era reunirse co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOM). O encontro durou dúas horas e media, e tamén estiveron Carlos Coto, o arquitecto responsable da Área de Rehabilitación Integral, así como cinco arquitectos, unha arquitecta técnica, e Adolfo Muíños e Carlos Gey.
Segundo a nota de prensa, “os representantes da “Oficina de Planeamento” (equipo redactor) explicaron os criterios de elaboración do planeamento, as directrices da planificación do novo Plan Xeral, e os pormenores do documento urbanístico, tanto na Vila de Rianxo como en tódalas poboacións do municipio e ámbito rural”. Tamén escoitaron as suxestións realizadas por cada un dos arquitectos asistentes, ao tempo que “os membros do equipo redactor tomaron nota das posibles modificacións propostas”.
Segundo un dos arquitectos alí presentes, a idea é que o prazo de alegacións do PXOM se alongue un mes máis. O equipo de goberno ten decidido aprobar este xoves no pleno aumentar este prazo ata o 3 de marzo.
A idea é “acadar un PXOM de máximo consenso”, ao tempo que saber de primeira man a opinións dos arquitectos que traballan en Rianxo e da cidadanía sobre a planificación municipal que nos vai afectar nos próximos anos.
Deixar unha resposta