Álvaro Ordóñez, desenvolvedor da mellor app no concurso Faite Dixit@l!

10 Mar

alvaro Aínda que de seguro que moitos o coñecedes de velo actuar en Airiños ou de estar no bar dos seus pais, o Berberecho, Álvaro Ordóñez é un mozo estudante de Enxeñaría Informática. Como bo rianxeiro, presume de terra e de lingua. Tanto, que grazas aos seus coñecementos e habilidades desenvolveu unha aplicación para que escribamos ben en galego no noso smartphone. Esta app foi recoñecida como a mellor nun concurso organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia.

– En que consiste a app “Teclado galego para Android“?
– Teclado Galego Android é unha aplicación para dispositivos Android (smartphone, tablets…) que nos permite escribir na nosa lingua cunha perfecta corrección ortográfica. Nesta nova era xurdiron novas maneiras de comunicarnos. Deixando ao lado ao computador, as tablets e os teléfonos intelixentes son dispositivos que permiten unha maior mobilidade e que estamos vendo como copan o mercado. Nestes trebellos, as grandes aplicacións que triúnfan son aquelas que teñen unha forte compoñente social, é dicir, as que nos permiten comunicarnos e relacionarnos con outras persoas. As linguas teñen que ser quen de adaptarse e crear novos instrumentos que lles permitan ir á par das novas sociedades e tecnoloxías. O Teclado é unha ferramenta que sae ao encontro destas necesidades, ao converterse na ferramenta que permite escribir en galego no móbil con total corrección. Screenshot_2015-03-08-13-51-21Screenshot_2015-03-08-13-56-29 – Como se vos ocorreu a idea?
– A idea partiu de Isaac González, CEO de Cilenis, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela dedicada ao Procesamento da Linguaxe Natural. Esta empresa xunto á cal formaba parte eu nese momento, FAZ Cultura e Desenvolvimento tamén unha spin-off da USC que traballa no sector da innovación ligado á cultura, colaboraron de forma estreita para levar a cabo este proxecto.

– Canto tempo vos levou desenvolvela?
– Arredor dun mes. O que máis tempo nos levou foi decidir que tecnoloxía Software Libre empregariamos para basear a nosa aplicación e solucionar pequenos problemas que foron aparecendo segundo probabamos prototipos. Como anécdota dicir que isto valeume para ver o gran problema que intenta solucionar empresas como Cilenis, facer que as máquinas entendan a linguaxe humana. En concreto a nosa lingua aínda é moito máis problemática é moi rica e está chea de matices. Matices que expresamos por exemplo con pronomes átonos como o pronome de solidariedade nas formas verbais. Co chamado pronome de solidariedade podemos expresar un tratamento familiar coas persoas coas que se fala ou un tratamento de cortesía cando non temos a suficiente confianza coa persoa a cal nos diriximos. Con pronomes átonos tamén indicamos a persoa á cal se refire o dano ou o proveito da acción do verbo, entre outro milleiro de cousas e todo isto pode ir conformando unha soa conxugación verbal. Como facerlle entender isto a máquina? Ou máis sinxelo: como conseguir conxugar todos os verbos con todas as súas terminacións e matices posibles?

– Pode descargala calquera que escriba en galego no seu móbil?
– Calquera que dispoña dun dispositivo con Android 4 ou superior. Tan só teñen que buscar “Teclado Galego Android” na Play Store ou pinchar no enlace de www.tecladogalegoandroid.com A aplicación está dirixida a toda a sociedade galega e a toda persoa que precise dunha ferramenta que lle permita escribir en galego no seu dispositivo con total correción e con comodidades como son a predición e a escritura xestual. Ademais conta tamén con dicionario inglés e portugués. (E é gratuíta).

alvaro2 – En que consistía o concurso Faite dixital! de apps móbiles?
– O concurso Faite Dixit@l, posto en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia, buscaba recoñecer a creatividade na elaboración de ferramentas tecnolóxicas que melloren a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentar o uso da tecnoloxía de código aberto. No concurso podía participar calquera persoa física maior de 18 anos ou entidade que desenvolvera unha aplicación para uso nun smartphone creada a partir de software libre nos ámbitos educativo, cultural, social, de lecer, deporte ou turismo. O concurso tiña un primeiro premio dotado cun portátil Hewlett-Packard 2-en-1 ademais do diploma distintivo. Ademais entregáronse catro diplomas para recoñecer a calidade e utilidade das aplicacións presentadas: Negocio, Valor Social, Deseño e Usabilidade.

– Que supón para ti que se levase o primeiro premio?
– Foi unha grande sorpresa que non agardaba. Eu persoalmente esperaba polo menos que nos deran un dos diplomiñas, en concreto o de Valor Social. Como en todos lados comezan anunciando os gañadores dos premios menores, unha vez dito os seus gañadores xa non agardaba nada. A sorpresa foi cando a directora do AMTEGA dixo “Teclado Galego Android de FAZ e Cilenis, app gañadora do I Concurso Faite Dixit@l”.

– Andas xa a pensar nalgunha outra aplicación?
– Non (risas), agora mesmo estou rematando de cursar o último ano de Enxeñaría Informática e desfruto dunha bolsa de colaboración en investigación do Ministerio de Educación e Cultura que levo a cabo no CiTiUS da Universidade de Santiago. Entre isto, e os ensaios de Buxaina e Airiños pouco tempo libre me queda na fin de semana. Anteriormente desenvolvín a titulo persoal unha aplicación que che permite configurar o wifi das tres universidades galegas nun só click simplemente introducindo o nome de usuario e o contrasinal. É moi sinxela pero útil, calquera universitario saberá o pouco agradable que é configurar o wifi, e serviume para aprender. Aquí o momento publicitario: UniWifi http://goo.gl/e2jcDF

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: