O vindeiro sábado 14 de marzo, vaise presentar no Bar A Lareira do Pazo o II Torneo de Poesía Recitada Erótica, ferve a lingua. Ademais, este ano vén nin máis nin menos que cun premio de 1.000 euros para a/o gañador/a do torneo. Aí é nada.
Se te animas a participar, tes que saber que as bases do concurso son as seguintes:
- Pódese recitar calquera texto ERÓTICO propio en idioma GALEGO sen utilizar música, disfraces ou accesorios, o cal descualificaría automaticamente a persoa. Cada persoa ten 3 MINUTOS de micrófono para recitar, contando dende que comeza a falar -e non dende que comeza o poema- a partir dos cales ficará descualificada. Unha persoa do público será a encargada de cronometrar o tempo.
- O Torneo constará de 3 fases previas e unha Gran Final, na que competirán as persoas gañadoras das tres fases anteriores. As datas son as que seguen:
- 14 marzo 2015: 1ª fase do torneo (22:00 – Bar A Lareira – O Pazo)
- 11 abril 2015: 2ª fase do torneo (22:00 – Bar Atalaia – Asados)
- 16 maio 2015: 3ª fase do torneo e gran final (22:00 – Cafetería Castelao – Rianxo)
- Podedes inscribirvos para participar ate o venres anterior a cada fase ás 14h no enderezo cultura@concelloderianxo.gal ou no teléfono: 981100688. Só as 12 primeiras persoas inscritas poderán recitar. En caso de que non se chegue a 12, os postos baleiros poderán ser ocupados o propio día de cada fase, no propio local, dende as 21:45 e por orde de chegada.
- En cada fase, e por votación popular, decidiranse 3 finalistas que volverán recitar un poema diferente mais coa mesma temática do torneo. O público volverá votar ate acadar unha única persoa gañadora por xornada. Na Gran Final, recitará só o conxunto de tres finalistas, e de novo por votación popular elixirase á persoa gañadora. O xurado popular estará composto por todas as persoas que o desexen e estean puntuais ás 22:00 no local (non se aceptarán votantes a partir de esta hora). De entre o grupo de votantes, 3 persoas encargaranse, xunto coa organización, de sumar os votos e facer saber o veredicto ao público.
- A persoa gañadora do Torneo levará como premio a cantidade de 1.000€ en termos brutos, aos que se lles aplicarán os descontos do IRPF correspondentes. Para poder recibilos deberá presentar un certificado da titularidade bancaria xunto cunha copia do seu DNI. Os postos segundo e terceiro serán recoñecidos cun agasallo.
- Calquera imprevisto que poida acaecer virá resolto pola organización. Todas as persoas participantes asumen o xogo e o risco que implica a votación popular e as resolucións asumidas pola organización en caso de imprevisto.
Moita sorte!!!
Deixar unha resposta