O pasado sábado 20 de marzo, e dende o concello de Rianxo procedeuse á colocación dun monolito nas illas Malveiras en homenaxe ó escritor Manuel Antonio. Acto enmarcábase dentro das xornadas “De Catro a Catro, catro singladuras en homenaxe a Manuel Antonio” que se están a levar a cabo durante este mes de marzo.
Posteriormente, o 21 de marzo, organizouse unha travesía marítima a bordo dun catamarán, no que máis de medio cento de persoas se trasladaron ata as illas para proceder a un acto literario público en lembranza daquel 1935, no que un grupo de amigos e admiradores do poeta rianxeiro Manuel Antonio proxectaban unha homenaxe popular, por subscrición pública, consistente na colocación dun monolito nas illas.
Segundo o previsto, a partida tivo lugar pasadas as cinco e media da tarde a bordo do catamarán, onde o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños foi explicando a idea pola cal se levaba a cabo este proxecto. Non sen bastante movimento (grazas ó mar de fondo), chegouse ás inmediacións das illas nas que non foi posible desembarcar por non posuír estas un lugar seguro para atracar con total seguridade.
Dende moi pretiño procedeuse á lectura de poemas e relatos a cargo de Xosé Luís Axeitos, Xosé Luís Mendez Ferrín, Fernando Quintela Gallego, Mercedes Rodríguez Pimentel e de Xesús Santos.
Para acto seguido descubrir o monolito acompañado do canto do Himno Galego que resoou con forza nas augas da ría de Arousa.
Unha vez rematado, regresouse a Rianxo, e alí, baixo unha visita guiada foise ata o museo de Manuel Antonio.
Ás oito e media, e xa no auditorio rianxeiro tivo lugar o último acto deste día, capitaneado por Adolfo Muiños, Xosé luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos, que se encargaron tanto de abrir o evento como de ir presentando ós persoeiros que procederon á lectura de textos tanto do homenaxeado Manuel Antonio como propios.
Polo escenario pasaron nomes como os de Anxo Angueira, Marta Dacosta, F. R. Lavandeira, Alexandre Nerium, Manuel Rivas, Ana Romaní e Cesáreo Sánchez
Para rematar, a Aula UNED Senior do Concello de Rianxo, tocou un par de pezas e citou a quen quixera asistir ós vindeiros actos destas xornadas de homenaxe a Manuel Antonio que terá lugar no auditorio rianxeiro o vindeiro 28 de marzo a partir das oito e media da tarde.
Deixar unha resposta