A iso das 12.30 horas, no salón de plenos do Concello de Rianxo estaba convocados todos os partidos con representación nas pasadas eleccións locais do 24 de maio. Tratábase do primeiro pleno da nova lexislatura, polo que de aí tiña que saír o novo alcalde de Rianxo para os próximos catro anos. Non houbo sorpresa e Adolfo Muíños, do BNG, foi investido de novo rexedor da localidade. Así foi o transcurso do acto.
Había bastante expectación, polo que acudiron moitos veciños ata o salón. Todo estaba preparado para dar a benvida aos novos concelleiros e a aqueles que repiten.
No centro, un papel contiña a fórmula que tiñan que repetir os 17 edís rianxeiros e que algún deles modificou ou ben ampliou.
Ademais, había outro xuramento ou promesa, semellante ao anterior, pero que só podía pronunciar un deses 17 concelleiros. Eran as frases preparadas para o alcalde de Rianxo, que estaban xusto debaixo do simbólico bastón de mando.
Antes de nada, constituise a mesa que daría lugar ao pleno. Estaba conformada (de dereita a esquerda), pola interventora, pola secretaria municipal, e polos concelleiros de maior e menor idade de entre todos os electos.
A secretaria municipal era quen guiaba o procedemento e ía dando lectura de cada paso para poder constituír o novo pleno municipal.
Velaquí os rianxeiros asistentes e tamén os concelleiros, pendentes de cada palabra.
A secretaria municipal foi chamando un por un, para que xuraran ou prometeran o seu cargo, a todos os concelleiros elixidos nas eleccións locais e que nos van representar no Concello.
Cada concelleiro foi ocupando os seu posto no salón de plenos.
Quedaba aínda a quenda dos electos de maior e menor idade da corporación.
A continuación, a secretaria municipal foi preguntando grupo a grupo se algún deles se postulaba á alcaldía de Rianxo. O PP dixo que si.
De igual xeito, o BNG tamén dixo que si. Mentres que PSOE e Rianxo en Común non presentaron a súa candidatura ao cargo.
Comezou entón a votación. Inicialmente ía ser nunha urna, na que ían depositar cadanseu concelleiro o seu voto. Pero finalmente, os voceiros dos partidos políticos decidiron votar a man alzada.
Dese xeito, comezouse pola candidatura do Partido Popular, que foi votada polos seus edís.
Continuou a votación coa candidatura do BNG, que foi apoiada polos propios nacionalistas así como polos concelleiros socialistas.
Rianxo en Común abstívose en ambas as dúas votacións.
Dese xeito, conseguía a maioría para gobernar o BNG, co seu cabeza de lista. Un momento que foi aplaudido por toda a corporación municipal, dunha ou doutra cor política, así como polos veciños que asistiron ao pleno.
Adolfo Muíños, pois, xuraba o cargo como novo alcalde de Rianxo. Polo que sumará outros catro anos aos da pasada lexislatura.
Durante o seu discurso (que podedes ver íntegro na parte inferior deste post), Muíños agradeceu o esforzo e o compromiso de todos aqueles que se presentaron nestas eleccións, porque nun momento tan complicado pola política, hai que dar a cara e intentar facer política con maiúsculas. Por iso, asegurou que traballarán para todos os que teñan un problema ou necesidade (a xente do xeito, os preferentistas, os emigrantes retornados…). Indicou que o bastón de mando é temporal, que o posto de alcalde non é vitalicio, así que aquel que o ten que desempeñar ten que estar á altura e facer o mellor para os veciños e para Rianxo, intentando chegar a acordos con todos os partidos, como así entendou que foi a mensaxe da cidadanía. Ao tempo que falarán con todas as administracións para traer novos equipamentos a Rianxo.
Lembrouse de Carlos Gey, tenente alcalde de Rianxo polo PSOE, falecido pouco antes das eleccións, e tamén de Pichín, home de Marité Sobradelo. Cada un destes momentos foi interrompido por un aplauso de todos os presentes.
Por último, convidou a todo o mundo a acudir o último xoves de cada mes aos plenos que se celebran no Concello, que son abertos e onde calquera pode expoñer de forma pública a súa demanda, pregunta ou consulta.
Despois do discurso, a interventora deu conta do estado das contas bancarias do Concello. E despois, a secretaria municipal tiña que dar conta do inventario de bens, cousa que indicou que era imposible facelo de forma exacta, xa que non estaban todos rexistrados e documentados, pero que se ía realizar durante esta lexislatura.
E con isto rematou o primeiro pleno municipal da nova lexislatura. Non sabemos se haberá un goberno estable de BNG ou do PSOE. Polo que lemos na prensa estes días aínda se está a negociar, pero si deron o seu apoio a formación da rosa aos frentistas como partido máis votado nas pasadas eleccións.
Discurso completo de Adolfo Muíños tras ser investido alcalde de Rianxo:
Agradecemento aos veciños e veciñas co seu voto expresado nas eleccións municipais o pasado 24 de maio posibilitan estar aquí e volver despois de catro anos a encomendarnos a tarefa de responsabilidade que é dirixir o goberno de Rianxo nun novo mandato. As urnas falaron democraticamente e nos asignaron ás diferentes forzas
un papel que debemos exercer con dignidade conscientes do seu significado.
Mais sempre e agora máis se cabe, é preciso que non remate a participación veciñal co voto e se abran espazos para maior contacto, diálogo coñecemento, control, e incluso toma de decisións. Novas canles para a participación veciñal nos asuntos públicos.
No remate deste proceso electoral todos os veciños e veciñas, con independencia do que votaran, teñen os mesmos dereitos para demandar servizos, actuacións, e teremos por tanto que poñer en marcha os mecanismos, algúns xa impulsados neste mandato, para que así sexa.
Entendemos tamén que a sociedade galega en xeral, e o pobo de Rianxo en particular mandou unha mensaxe de diálogo, de obriga a buscar acordos na procura dar estabilidade e solidez á acción de goberno. Nas próximas datas comezará esa tarefa, porque isto é un barco que non se goberna só, que precisa patrón si, mais tamén unha boa tripulación que o arroupe senón tórnase inútil.
Por iso tamén quero lembrarme e que nos lembremos todos e todas de compañeiros e compañeiras desta corporación que xa non están e que realizaron nestes anos un grandísimo servizo público. Especialmente Carlos Gey, que foi primeiro tenente de alcalde e hoxe de seguro estaría connosco nesta sesión. E tamén de Marité Sobradelo, polo pasamento do seu home que quixeramos ter connosco tamén. Por eles lembranza agarimosa e forte aperta aos seus familiares.
E recoñecemento para todos e todas os que como concelleiros deron o seu tempo, un ben impagábel, ao servizo da causa común de todos. Nos tempos nos que se quere lixar a palabra política esta debe ser invocada pois tampouco nada se resolve sen ela. A solución aos problemas está na política, escrita con boa letra e executada por veciños e veciñas implicados no benestar común.
Felicito persoalmente e todos e cada un dos novos concelleiros e concelleiras que vos comprometedes e animades a entregar tamén o voso tempo, o voso esforzo nesta nova andaina. Todos imos ter un papel principal que desempeñar, desde o goberno á oposición. Que sigan presidindo a tolerancia, o diálogo os debates nesta casa.
Continúan tempos difíciles, mentres safa a banca e os grandes especuladores, os problemas da xente agardan: un milleiro de veciños e veciñas, especialmente mozos e mozas, sofren o desemprego e debemos implicarnos na procura de solucións. En parte non está nas nosas mans, mais si podemos abrir canles e crear condicións que favorezan iniciativas xeradoras de emprego, desde o polígono industrial ao emprendemento.
Tamén recuperar ilusión, nada gañamos instalándonos na compracencia ou no negativo. Rianxo ten unha marca recoñecida, respectada por todo o país, non só por ser berce de Castelao, Dieste, Manuel Antonio, Brea Segade ou Faustino Rey Romero, Arcos Moldes, ou tantos outros persoeiros da cultura vivos que nos fan un referente da cultura galega e do idioma do país.
Mais tamén polos seus produtos, a xouba, o mexillón. Crer en Rianxo, nas potencialidades produtivas, comerciais, turísticas, naturais, urbanísticas. Aquí pódese vivir moi ben, creámolo nós tamén. E axudemos desde o concello a xerar un espírito colectivo de esperanza, de ilusión e de esforzo por saír adiante, por impulsar esa marca, Rianxo.
Temos importantes asuntos por diante, equipamentos de benestar que seguir a reclamar a outras administracións desde o franco diálogo e desde o respecto mutuo e á xente de Rianxo. Un avance nas instalacións de saneamento comprometidos impulsados polos fondos europeus, unha posta ao día da rede de estradas e equipamentos de lecer e educativos, unha aposta por novas fórmulas de xestión de servizos municipais, do plan urbanísitico que nos poña no século XXI. Non hai varas máxicas, só traballo, rigor, compromiso, diálogo coa veciñanza e coas forzas políticas que aquí estamos saídos das eleccións.
Hai catro anos diciamos que esta casa que é a casa común de todos e todas: debería ser aberta, transparente, cunha administración amábel, atenta e dilixente coa xente e coas asociacións que encontraron sempre as portas abertas. Queremos seguir traballando para iso. Mais engado unha característica máis: esta casa está para defender as causas xustas. O noso xeito, a nosa pesca, dos preferentistas, aos emigrantes retornados dos defensores do público ou dos desafiuzados. Está tamén para ser refuxio e voz altofalante dos problemas das persoas. Non imos renunciar a isto.
Recibimos un bastón de mando, símbolo do poder municipal pero sobre todo símbolo de que estamos de prestado, o bastón pasa de man a man e el sigue, o pobo sigue, mentres nós marchamos, antes ou despois. O pobo, quen máis ordena, o sábado 24 de maio repartiu as súas encomendas e deu hoxe novamente esta tarefa ao BNG. Con humildade recollo este mandato e con humildade agardo devolvelo ao remate deste mandato. Viva Rianxo!
Deixar unha resposta