“Para rehabilitar hai casas con vistas ao mar, casas de remo, casas labregas e incluso algún pazo”

19 Xuñ

O pazo de Brión é unha das vivendas deste proxecto

Hai uns meses, o concello de Rianxo, a través da Oficina Municipal de Rehabilitación, sacou adiante un proxecto no cal se creaba unha bolsa de vivendas para rehabilitar baixo o lema”100 Casas, historias, soños,… Agardan por Ti”. A idea é que esa riqueza patrimonial da que forman parte as vivendas non queden abandonadas, senón “que poidan ser rehabilitadas e rehabitadas, como primeira ou como segunda residencia”, como se explica dende a web do Concello. Para sabermos máis desta idea, falamos co arquitecto responsable da Área de Rehabilitación Integral de Rianxo, Carlos Henrique Fernández Coto.

– Como xorde esta idea?
– Esta innovadora idea -non existe outro Concello que a teña- xorde do proxecto da Xunta de Galicia para o solo industrial, no que hai unha base de datos de demandantes de solo industrial aos que lles ofrecen as distintas parcelas dos parques empresariais de Galicia. Pensamos que podería facerse unha analoxía a este proxecto, coa diferenza de que ao ser Rianxo o único concello que dispón deste proxecto podemos gañar terreo ao resto do País.

– Quen se pode apuntar?
– Para se inscribir no Rexistro de Rehabilitación hai que cumprir unha das dúas condicións: “ser Propietario” dunha vivenda de máis de 30 anos dentro do termo municipal de Rianxo (calquera parroquia) ou “ser Demandante” de vivenda, é dicir, ter a intención de rehabilitar unha vivenda, en Rianxo claro. En calquera dos dous casos, pode ser demandante ou propietario calquera persoa con independencia de estar empadroado en Rianxo ou non. Non se limita esa condición, nin se obriga a se empadronar.

– Cantas vivendas tedes agora mesmo inscritas?
– O obxectivo do proxecto é andar pola media de 100 casas, para iso creamos o eslogan “100 Casas, Historias, Soños, Agardan por Ti”, pero esa cifra vai ir variando, segundo vaia funcionando o sistema previsto. Neste momento unicamente dispoñemos de 40 casas inscritas e do orde de 10 demandantes de vivenda.

– Dende que prezo pode facerse alguén cunha vivenda para rehabilitar?
– O prezo das casas é o prezo de mercado, que dependerá da súa situación, do seu estado de conservación, da superficie da casa e da superficie da leira. Nós unicamente orientamos aos propietarios para que o prezo se axuste aos prezos de mercado. Neste momento pódese adquirir unha casa dende 40.000 € ata 400.000 €.

– De que zonas hai casas?
– Xa temos vivendas de 5 das 6 parroquias de Rianxo. Hai casas con vistas ao mar, casas de remo, casas labregas e incluso algún pazo.

– Creo que hai opción de compravenda, aluguer ou aluguer con opción de compra. 
– A iniciativa pretende ser aberta para non pechar ningunha porta. O interese e o éxito da iniciativa dependerá de concordar os intereses dos demandantes cos dos propietarios. É por iso que admitimos as tres modalidades de adquisición. Respecto da versión de “Rehabilitar para alugar” é unha tendencia á alza en toda Europa. Pódese considerar un investimento a rehabilitación dunha casa, en tanto aumenta moito o seu valor. Alugala logo de rehabilitala ofrécelle ao propietario unha renda fixa mensual coa que vai amortizando os cartos investidos. Entendemos que un arrendatario consciente non vai facer perder o valor dunha casa. De feito, hai incluso axudas públicas para levar a cabo este modelo.

– Que ten que facer alguén interesado?
En todo caso poñerse en contacto coa oficina de rehabilitación (981.107.887) para que o asesoremos de modo personalizado. Os demandantes de vivenda univamente terán que cumprimentar un formulario no que á parte dos seus datos consignen as características da casa que necesitan. Os propietarios tamén nos teñen que proporcionar unha fotocopia do documento de propiedade (escritura, por exemplo) e pagar un prezo público de 50 euros/ano. Son estes ingresos os que permiten ao Concello de Rianxo a difusión do proxecto nos medios de comunicación, dalo a coñecer a todo o País.

4 Respostas a ““Para rehabilitar hai casas con vistas ao mar, casas de remo, casas labregas e incluso algún pazo””

  1. Tocajuevos 06/19/2015 ás 07:40 #

    E as inmobiliarias, qué opinan sobre esta competencia desleal???

    • carlosfcoto 06/30/2015 ás 18:19 #

      As inmobiliarias participan no programa facilitándonos as casas que teñen á venda. Non podería ser doutro xeito, o Concello non pode facer competencia aos seus cidadáns e negocios

  2. Rianxeiro 06/19/2015 ás 08:17 #

    Eso mesmo pensei eu o día que o presentaron.
    Pero a idea orixinal non é de facer de inmobiliaria (según explicaron) senón de promocionar as vivendas á venta e en aluguer que hai en Rianxo. Se algunha casa está nunha inmobilicaria esta oficina o contacto que dá é o da propia inmobiliria.

  3. carlosfcoto 06/30/2015 ás 18:18 #

    Xa podes seguir o programa “Rehabilita Casa en Rianxo” no blog “https://rehabilitarianxo.wordpress.com”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: