Dende Rabunho Rexeita e dende Fotos de Rianxo gústanos presumir, e moito, das paraxes de Rianxo. Por esa razón, o próximo domingo, 9 de agosto se nos ocurríu facer unha ruta de sendeirismo, á que vos animamos a unirvos. Se queres pasar unha agradable mañá desfrutando da paisaxe rianxeira, só te tes que apuntar en http://ir.gl/rutaTe
A idea é saír sobre as 9.45 horas de Ponte de Te, en Taragoña (preto do bar Fox e da rotonda de entrada ao polígono e á autovía), para percorrer o río máis famoso de Rianxo e que atravesa Taragoña, Asados e O Araño. Son arredor de 11 quilómetros, polo que indo tranquilos lle calculamos unhas 3 horas e media. O tramo é bastante sinxelo, aínda que ten zonas de dificultade media nas que hai que ir con coidado.
A ruta non sería circular, senón que remataría na Ferrería (O Araño) sobre as 13.30 horas, polo que dende ese punto cada un debería volver pola súa conta. O que si, algúns imos organizarnos para deixar un coche preto do final e que outro participante nos achegue no seu vehículo ata o punto de saída. Se vos interesa facer isto, indicádeo no formulario.
Hai que incidir no feito de que se trata dunha ruta feita entre amigos, na que pode unirse calquera, pero non é algo oficial. Por ese motivo, cada participante acude baixo a súa propia responsabilidade, de forma libre, polo que se pasa algo (malo será) dende aquí non nos faríamos cargo de nada.
Con calquera dúbida, podedes escribir a fotosderianxo@gmail.com
Por outra banda, se vos preguntades que ofrece a ruta, indicarvos que durante todo o percorrido veremos un bosque de ribeira no que abundan os ameneiros, os bidueiros, carballos, loureiros, freixos e, no trato final, incluso as abeleiras. Iso si, o río a estas alturas do verán non leva auga, aínda que no Pozo Bastón nos poderemos bañar. Velaquí algunhas imaxes da ruta.
Deixar unha resposta