
Imaxe da ANPA Fonte da Revolta
A Asociación de Nais e Pais “Fonte da Revolta” vén de informarnos que despois das mobilizacións do pasado mes de maio, “as necesidades dos alumnos e alumnas do CEIP Ana María Diéguez seguen sen estar totalmente cubertas pola Xunta de Galicia”. Comentan que para este curso non se asigna “un mestre especialista en Audición e Linguaxe a tempo completo, como o precisan os alumnos e alumnas do Centro, e non dota dun mestre de apoio como correspondería ó novo número de unidades de infantil”.
Hai que lembrar que “o pasado mes de maio, a ANPA Fonte da Revolta fixo entrega no Rexistro Xeral da Xunta de máis de 1.800 sinaturas de veciñas e veciños de Rianxo apoiando as reinvindicacións do Centro ante a Consellería de Educación de dotar dunha nova aula de Infantil e contar con alo menos un especialista en Audición e Linguaxe a tempo completo”.
Como indican nunha nota dende a Asociación, “a implicación da veciñanza da parroquia de Asados foi patente á hora de apoiar as reinvindicacións das nais e pais de alumnos”. A pesar disto, “non se recibiu ningún tipo de resposta oficial por parte da Consellería de Educación en referencia ás ben motivadas esixencias desta comunidade escolar, as mobilizacións desta cumunidade escolar foron só parcialmente escoitadas coa asignación dun novo mestre de Educación Infantil para o novo curso 2015/2016”.
O problema é que isto non cobre “as graves carencias educativas das alumnas e alumnos do Centro en canto ás necesidades en Audición e Linguaxe. Durante o curso pasado, os escolares valorados recibiron menos dun terzo das horas que segundo os informes dos equipos de orientación lles correspondían. Ademais, só estaban valorados os casos máis graves dada a evidencia de que nin tan siquera se podían cubrir estes, obviando así casos de menor importancia. Nin se corrixen as carencias máis graves, nin se presta ningún tipo de atención ás carencias máis leves. A negativa tácita da Consellería de Educación vén a agravar o abandono e discriminación que os alumnos do Centro veñen sufrindo”, explican dende a ANPA Fonte da Revolta.
Ademais disto, “no catálogo de unidades educativas que publica a Consellería de Educación de forma anual non se recolle a creación dunha nova unidade, nin tan siquera de forma temporal. Na práctica estase creando unha nova unidade – a Consellería está dotando ó colexio do mobiliario preciso para unha nova aula -, pero non de forma oficial”.
Por este motivo, “a Asociación quere lembrar que a petición da creación da nova unidade non se trata dunha arbitrariedade, senón que se axusta ó regulado na lexislación vixente da propia Consellería de Educación en relación ó número de alumnos de cada idade; e que esta lexislación xa foi incumprinda durante o pasado curso 2014/2015 no cal os alumnos máis cativos de Asados foron escolarizados por enriba das ratios establecidas”.
Lembran que todas estas reivindicacións se realizan porque “estamos falando do futuro dos nosos fillos. O desenvolvemento educativo e persoal dos alumnos de Asados está en risco, sen que a Consellería de Educación, de forma reiterada, atenda as súas obrigas”.
Dito isto, “a comunidade escolar do CEIP Ana María Diéguez está resolta a continuar coas medidas de presión ante a Xunta de Galicia para conseguir o que consideramos que é de xustiza para a educación dos nosos fillos e fillas. Entre estas medidas, a comunidade escolar está a estudar non enviar ós nosos fillos e fillas o vindeiro xoves día 8 de setembro, día do inicio do curso escolar, así como outras medidas de presión que se van estudar por parte da asamblea da ANPA”.
Deixar unha resposta