Rianxo vai ser a primeira localidade en acoller un abradoiro do Instituto de Estudos do Territorio. Pode inscribirse calquera veciño e alí poderanse expresar as ideas ou opinións relativos a temas de calidade paisaxística, medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.
Hai un número de 20 participantes, así que aqueles que o desexen deben mandar un correo canto antes a urbanismo.rianxo@gmail.com, xa que o obradoiro terá lugar este martes 17 de marzo ás 17 horas no Auditorio. Todos os inscritos contarán cun ordenador para poder participar mellor na xornada.
Esas propostas serán clave na redacción das “Directrices da Paisaxe de Galicia”.
Os obradoiros compleméntanse coa posta en marcha dunha plataforma web participativa a través da cal calquera persoa, dende calquera lugar e en calquera momento, poderá aportar a súa opinión e o seu coñecemento para o deseño das directrices da paisaxe galega.
Como sinalan dende o Departamento de Urbanismo_Rianxo, “os asistentes ao Obradoiro de Rianxo e aos posteriores que o Instituto organice polo país traballarán coa plataforma web https://sixot.es/Paisaxe, na que poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Así mesmo, a través desta web os usuarios poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para eles”.
Esta participación cidadá permitirá elaborar o Atlas das Paisaxes de Galicia.
Deixar unha resposta