Galego na rede

23 Abr

Xoan A. Castro 2 (1 de 1).jpg

A nosa veciña Helena Villar Janeiro, ademais de ser unha grande escritora, demostra ser unha estupenda mestra que se sabe adaptar a calquera medio. Tanto é así que a rede se converte para ela nunha estupenda aula virtual na que poder difundir e promover a nosa lingua. Ademais de aos seus máis de 5.000 amigos no Facebook, grazas ao seu caderno dixital, non só nos dá o seu punto de vista sobre a actualidade, senón que desenvolve un curso de galego coa metodoloxía que se emprega para ensinar calquera lingua. Falamos con ela sobre o tema.

-A que vén a idea de facer “Galego na rede” e a quen vai dirixido?
– “Galego na Rede” naceu como un proxecto para mellorar a calidade da lingua que habitualmente se emprega nas redes sociais. Cansa de ver tanto pronome descolocado e sobrante, decidín un día crear un instrumento para explicar, de xeito microprogramado e coa metodoloxía que se emprega para ensinar linguas modernas –fun profesora de francés e alumna de inglés- a fixar estruturas para colocar ben os pronomes e, de paso, ir ampliando coñecementos da lingua que van xurdindo ao fío destas explicacións. Na parte técnica axudoume un alumno que hoxe investiga sobre o cancro no CSIC. Foi o meu grande apoio no aspecto necesario que eu domino menos. Hoxe tanto el coma min estamos moi orgullosos deste proxecto.

– Influíron na súa decisión de facelo as case 5000 amizades que ten en Facebook? Ou pesou máis súa etapa como mestra?
– A miña formación como pedagoga sempre me levará a exercer na sociedade na que vivo, cando xa non teño responsabilidades profesionais, unha proxección educativa.  Por iso, cando vexo algo mal escrito en galego –non se escribe moito mellor o castelán, sobre todo verbo da ortografía do texto- me entran ansias de corrixilo. Ás veces fágoo escribindo unha resposta que conteña a frase ben. Moita xente comprende que é unha corrección, agradéceo e apréndeo. Que o castelán se escriba mal preocúpame menos, porque a poboación foi alfabetizada nel. Pero moita xente de noso é analfabeta na súa lingua e, aínda así, bótase a escribila con moita valentía. Eu doulle moito valor a este feito e véxome na obriga de axudar neste tan loable esforzo. Cando tiven esta idea pensei en que hai moita  xente precisada de axuda, ou porque non aprendeu a escribir a súa lingua, ou porque aprendeu de falantes contaminados xa, ou porque a aprende día a día de quen a usa mal e así a difunde. Como teño a sorte de poder facer este labor, lanceime sen pensar nin en destinatarios concretos –non sei de certo para quen explico- nin sequera no seu éxito. Non sei se o faría hoxe polo moito traballo que me dá, pero estou moi contenta de poñer o proxecto a andar polo aprezo que vexo que lle dá a xente. Hoxe é un blogue moi coñecido e difundido, e esa é a gran recompensa.

“Moitos non aprenderon a escribir na súa lingua”

– En que ano naceu “Galego na rede“?
– Naceu en febreiro de 2014. Tiven uns meses sen actividade por causas técnicas que tardamos en resolver, pero volve andar a toda máquina.

– Que lle gustaría acadar con este proxecto?
– Que a xente se conciencie da necesidade de aprender. É certo que se debe falar a lingua propia para normalizala como cadaquén o poida facer. Pero hai que concienciarse de que, podendo ser calquera  o punto de partida, por dignidade persoal e da propia lingua, hai que mellorala como se fai con outro idioma que nos soltamos a falar. Non se pode estar toda a vida falando mal o idioma propio que aínda está tan presente na sociedade.  Non nos podemos resignar nin ao seu empobrecemento, nin a non dominar os seus diferentes rexistros. Por suposto que non se pode usar o mesmo nivel de lingua falando co teu entorno emocional que dando unha conferencia ou respondendo para un medio. Se alguén non ve estas cousas, hai que axudarlle a que as vexa, explicándolle que este noso é un idioma máis dos que hai que aprender en toda a súa totalidade.

– Como é a interacción cos seus “alumnos virtuais”?
– Non sei para quen explico e iso podería crearme unha gran desorientación. Pero non me permitín esa debilidade. Afortunadamente, hai un alumnado fixo que me envía resoltas as actividades que propoño coas dúbidas e, ás veces, con solución varias que eu non tiña previsto. Hai outro grupo que o fai para se iniciar na lingua, porque as explicacións están moi desmiuzadas e algo sempre se saca delas. En Buenos Aires xúntase un grupo para estudar as leccións un día á semana. Tamén sei de alumnado da ESO que recolle as propostas de traballo para reforzar o seu estudo. E moita xente que imprime as unidades para seguilas con máis facilidade e calma. Non estou tan perdida como pensei que ía estalo.

“En Buenos Aires quedan para estudar as miñas leccións”

– Con que periodicidade publica os artigos?
– Publico catro ou cinco unidades á semana, que comparto en Twitter, e nas miñas páxinas de Facebook, a persoal e a de escritora. Isto supón un gran desgaste de enerxía, polo que a periodicidade posiblemente pase a ser de tres. Compaxino esta actividade co meu traballo traballo habitual e o tempo non me dá para tanto.

– Para rematar, gustaríalle recalcar algo deste traballo que se nos escape a nós?
– Quizabes deba dicir que vivo no paraíso da lingua, un lugar onde se fala con moita normalidade e sen complexos. Neste concello de Arousa unha ten a sensación de vivir nun país normalizado e iso anima a facer expansión desta vivencia. Tamén  vou sinalar que a icona deste curso tan “sui generis” son as escaleiras. Cada unidade vai precedida dunha escaleira diferente que simboliza a subida da aprendizaxe, a variedade dos ascensos persoais, os diferentes niveis da comunicación aos que hai que subir ou baixar, segundo a necesidade que nos presente o contexto, e as axudas que prestan as escaleiras todas para transitar o mundo. Oxalá este proxecto estea prestando tantas axudas como as escaleiras para que quen queira avanzar e mellorar poida facelo máis doadamente.

“Vivo nun concello no que se fala galego con normalidade e sen complexos”

2 Respostas a “Galego na rede”

  1. Helena Villar Janeiro 04/23/2016 ás 18:54 #

    Moitas grazas polo voso agarimo e polo traballo que desenvolvedes sobre o concello, sempre de sumo interese.

  2. MariaLDário 04/23/2016 ás 22:05 #

    Reblogged this on MariaLDario's Blog and commented:
    Filosofia da Arte
    Língua e Literatura Galegas
    Profa. Helena Villar Janeiro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: