Valoración de Adolfo Muíños do comezo do seu segundo mandato

9 Ago

Aínda que vai alá xa o ano dende o comezo da nova lexislatura, quixemos repasar co alcalde, Adolfo Muíños, como están a ser estes primeiros meses de traballo. Falamos dos orzamentos, nos que vai notar a mellor situación económica do Concello, do PXOM (que espera aprobar nun pleno no 2017), da entrada en Serra do Barbanza e das actuacións previstas nos próximos meses. Ademais, de novo, insiste en que deixará o seu cargo rematados os oito anos á fronte da alcaldía de Rianxo, para lanzar a mensaxe de que ninguén é imprescindible.

– Pasou un ano dende o comezo desta nova lexislatura. Que cousas cambian con respecto a cando comezou no 2011?
– Eu creo que hai unha fundamental que penso comezará a notarse axiña dun xeito progresivo no concello: a mellora da situación económica do Concello. Ao entrarmos en 2011 tiñamos por diante a devolución anual de máis dun millón de euros cada ano. Agora desde o 2015 en diante iso reduciuse e pasamos a ter un Concello na boa liña económica, cunha débeda menor (dividimos por catro a débeda) e asumíbel anualmente para ir tendo a solvencia necesaria para acometer proxectos propios para depender menos das axudas de fóra. Isto ten reflexo xa nas contas deste ano onde se comezará a notar a capacidade municipal de asumir actuacións importantes que agardo redunden en melloras progresivas dos viais, das escolas, da rede de saneamento, das coberturas sociais, de seguir na liña de promoción da cultura e do deporte… E digo progresivas porque todo a un tempo é imposíbel. Pero de aquí a fins de ano executaranse unhas cantas actuacións importantes en Rianxo que espero continúen.

“De aquí a finais de ano executaranse actuacións importantes en Rianxo”

– Unha das cousas que mudaron é que antes había un socio de goberno e agora non. É moito máis complicado acordar as cuestións do día a día?
– Complícase cambiar o chip, estabas acostumado a unha dinámica de traballo onde contabas coa maioría e agora cómpre negociar e discutir máis. En todo o caso coa boa disposición de todos e todas de antepoñer os intereses comúns ás dinámicas de confrontación vaise creando un bo clima de traballo e de aprobación de propostas.

– Como é a relación cos tres grupos da oposición?
– Entendo que boa polo que estaba a comentar, non deixo de salientar o papel en positivo que están a amosar na maioría dos casos.

– Agora mesmo acaban de aprobarse os presupostos. Como valora os apoios recibidos ou os votos contrarios?
– Son uns bos orzamentos que remarcan o comentado arriba, cun importante esforzo por dalos a coñecer que todos os partidos gabaron no debate. Desenvolvemos case un mes de debate e explicación do proxecto de orzamentos, incorporamos varias partidas para proxectos comprometidos e falados coa oposición e chegaron até máis de oito millóns de euros. E o máis importante é que esa subida dun millón con respecto ao ano anterior é en investimentos e mellora dos servizos.

“Melloraranse os viais e crearase emprego ampliando servizos sociais, a limpeza nas parroquias e cunha escola obradoiro de 20 persoas”

Son orzamentos que van nesa liña de mellora progresiva e que reflexan as novas posibilidades de inversión propia. Ademais incorporan importantes actuacións en educación, mellora de viais, emprego a través dunha escola obradoiro para vinte persoas, da ampliación da limpeza viaria ás parroquias, de ampliación dos servizos sociais. Mais cos pés no chan, asumindo o que podemos pagar de xeito realista e coherente.

– Unha das cousas que comentara hai tempo foi Norberto Uzal non aguantaría toda a lexislatura, cousa que se fixo realidade. Como foi o tempo no que estivo na corporación municipal?
– Só podo dicir que foi moi cordial o trato e a súa presenza foi en clave sempre positiva para facilitar o traballo. A experiencia na administración e no goberno fai moito, dá un plus de responsabilidade e coñecemento de até onde podes chegar ao formular propostas viábeis ou brindes ao sol.

“A presenza de Norberto Uzal foi positiva”

– Como están algúns dos puntos fundamentais do seu programa, como o PXOM ou a entrada en Serra do Barbanza?
– No que atinxe ao PXOM é evidente que todos quereriamos velo avanzar dun xeito máis veloz, pois o tempo nos pasa rápido e está a ser un trámite lento, mais a día de hoxe aínda faltan informes fundamentais como o de Patrimonio da Xunta. Sen embargo sei que se están a dar avances importantes no estudo definitivo e global das alegacións que permitirán admitir positivamente sobre un 65-70% delas xa desde o punto de vista técnico, ben total, ben parcialmente. Isto como paso previo a continuar os traballos de adaptación á nova lei do solo e seguir coa presentación doutro documento ambiental para encarar no ano 2017 a nova aprobación plenaria para mandalo á Xunta.

“No PXOM admitiranse un 65-70% das alegacións”

No que é o cambio da xestión do lixo Rianxo fixo os deberes facendo os necesario para ser admitido en Serra do Barbanza. Hoxe está a haber un atranco incríbel por parte da empresa que xestiona o complexo que nos vai obrigar que se de aquí a finais de ano non se producen avances, teremos que estudar un concurso novo de lixo. Non podemos agardar máis pois queremos mellorar a recollida, cambiar contedores, vehículos, rutas. É duro dicilo mais están bloqueando a entrada de Rianxo.

“Están bloqueando a entrada de Rianxo en Serra do Barbanza. Se segue así, convocaremos un concurso novo de lixo”

– Unha das cousas que se destaca na súa xestión é a diminución da débeda. Curiosamente sempre se di que os gobernos de esquerda son malos xestores e que prefiren endebedarse e investir en temas sociais. Que lle parece esta opinión?
– Hai que buscar o equilibrio. O que non podemos é gastar o que non hai ou, o que non se pode devolver nun tempo prudencial para deixar as cargas aos que veñan detrás. Porque para desenvolver un proxecto en cultura, servizos, equipamentos… fan falta cartos e até hoxe case era imposíbel encontralos. Nós tamén tiñamos liñas vermellas que non se cruzaron: investimento en cultura, deporte, servizos sociais. Iso non se tocou e tamén teño que dicilo: non contamos con moita axuda doutras administracións (salvo excepcións) máis que para o mínimo imprescindíbel. Incluso para pagar ou realizar obras que noutros casos si financian noutros concellos. Iso é inxusto pois pagamos dúas veces: unha para facer a obra en Rianxo e outra para axudar a pagar cos impostos os rianxeiros as obras que se fan noutros lugares. Non é normal, debería existir outra colaboración leal entre administracións.

A idea da esquerda mala xestora e a dereita é falsa, fíxense en comunidades como Valencia, Madrid, das peores e curiosamente as máis privatizadas porque o aforro real non está ahí. Nin a austeridade é privativa deles nin nada. A austeridade, que debemos ter tamén na esquerda é gastar con xeito, con cabeza, sen gastos superfluos, tomando medidas racionais. Pero non é austeridade recortar ou privatizar. Ao final vemos como iso está a resultar moito máis caro.

– Precisamente algúns veciños poden considerar que se está a investir pouco. Cales son as principais cuestións nas que se está a investir agora mesmo?
– O investimento que se fixo está escrito no programa electoral, foron dous millóns en catro anos aproximadamente. Era imposíbel nun orzamento tan recortado como había, dependendo de subvencións ao 100% doutras administracións e priorizamos a amortización da débeda porque non había outra posibilidade. Diso se encargaron desde os gobernos de Madrid: blindar en primeiro lugar a débeda bancaria.

Mais como dixen antes: nuns días entrarán en vigor os novos orzamentos que recollerán unha importantísima mudanza na política de investimentos do Concello con preto de dous millóns de euros para só para o 2016, procedentes non só doutras administracións, senón do propio concello que irá progresivamente ampliando servizos. Pero para isto era necesario comezar a ter dados positivos nas contas senón tiñamos prohibido acceder a créditos bancarios novos.

“Pasaremos de gastar dous millóns en catro anos, a dous millóns só en 2016. Antes era imposíbel”

Para este ano está previsto o saneamento no Barral e a segunda fase do Outeiro-A Casilla en Taragoña, máis de 500.000 euros en amaños de pistas e rúas, varios parques infantís (para ir reformando e actualizando a rede de parques), amaños en centros culturais e canchas deportivas, creación do Museo Dieste, amaños no Liceo para convertelo nun centro social, un viveiro de empresas, e unha moi importante: o investimento de 500.000 mil euros a través dun crédito para a reforma integral das escolas unitarias do Concello de todas as parroquias. Isto último era imposíbel nestes anos porque estaba vetado solicitar crédito. Hoxe podemos.

Mais non ficará ahí a cousa pois temos reservada unha partida para unha escola taller de 20 persoas durante seis meses, a ampliación a todas as parroquias do concello dun servizo de limpeza viaria que creou xa catro postos de traballo novos a través dunha empresa social para persoas con discapacidade e agora vai en aumentar tres persoas máis. Ou a ampliación da cobertura dos servizos de axuda a domicilio de todas as persoas con grao tres de dependencia…

Faltan moitas cousas seguro, pero progresivamente irase notando a capacidade do concello, mais isto é progresivo, ano a ano, non se resolven de golpe todas as carencias.

– Continúa coa idea de deixar a alcaldía ao remate desta lexislatura?
– Penso que o meu ciclo remata aos oito anos de alcaldía. Quedan tres anos moi intensos de traballo e penso se fai un favor á cidadanía mandando a mensaxe de que ninguén é imprescindíbel para facilitar o paso doutras persoas moi valiosas.

– Nas eleccións xerais o BNG foi a quinta forza máis votada, por detrás incluso de Ciudadanos. Cre que ten que ver a xestión a nivel local con ese voto ou se votou simplemente en clave estatal?
– Penso é evidente que a clave é estatal, gobernos municipais exitosos de todos os signos nestas eleccións votaron cos mesmos parámetros que o resultado xeral final.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: