Esta pasada madrugada, entre o 27 e o 28 de maio, os montes de Rianxo enchéronse de luces. Ao lonxe, semellaba que as ducias e ducias de puntos luminosos que se estiraban e serpenteaban os carreiros formaban unha procesión de almas. A mesmísima Santa Compaña, que regresaba para guiar a vivos e defuntos ao máis alá.
Realmente non eran espectros os que invadían as corredoiras, senón veciños de Rianxo e doutros concellos que se uniron á segunda edición da Andaina Santa Compaña, organizada pola Sociedade Deportiva Barbantia A Roda e a Concellería de Deporte e Patrimonio Histórico de Rianxo, e na que traballaron duramente tanto Proteción Civil como a Policía Local.
O lugar de encontro era Campo Maneiro, en Taragoña. A hora sinalada eran 60 minutos antes da hora meiga. E antes das 23.00 horas todos os coches que había aparcados fóra do recinto xa deixaban ver que a convocatoria sería un éxito.
A Campo Maneiro a xente ía chegando co chándal, as zapatillas para facer deporte e un suadoiro por se refrescaba. A temperatura era máis ou menos agradable, aínda que había que mirar de reollo as nubes, non fora ser que caera algo.
A iso das 23.00, a ánima en pena que nos guiará nesta noite escura tomou a palabra para anunciar que a nosa partida estaba próxima. Ademais, desta vez a Santa Compaña dobraba o seu número. Se na edición de 2016 foron 200 os participantes, nesta ocasión eran 400 almas as que con lanternas, luces e focos camiñarían durante a madrugada polos sendeiros rianxeiros para sorpresa de propios e estraños.
Como ata o lugar aínda seguían chegando coches, decidiuse agardar un pouquiño máis para comezar a aventura noctura.
Moitos, como podedes ver, viñan xa vestidos de escuro, con capas e hábitos.
Ata tivemos con nós ao diaño, mesturado entre as ánimas da andaina.
Chegada a hora, todos se preparaon para partir, pasalo ben durante a noite e desfrutar dunha experiencia diferente mentres se desfrutaba da natureza en plena escuridade.
Hai que indicar que non había lúa, polo que as luces que levaban todos os participantes facían boa falta.
Velaquí un pequeno vídeo do momento no que, arredor das 23.10 horas, toda a tropa botaba a andar monte arriba. Metía medo ou non a cousa?:
A fila de participantes perdíase na lonxanía. A noite estaba ben pechada, pero ao lonxe víanse as luces que marcaban a senda.
De novo, como vedes, moitos dos participantes viñeron completamente ataviados para a ocasión, para darlle máis realismo á ocasión?
O que si, a Santa Compaña vai de negro ou de branco? Vós que dicides? Asustar asusta de calquera das maneiras 🙂
Un dos momentos máis divertidos e á vez tensos foi cando se chegou á Porta do Inframundo.
Noutra época o lugar era coñecido como o Camiño do Vixiante, caracterizado por estar rodeado de acacias que cubrían completamente o sendeiro e impedían a chegada do sol.
A xente do máis alá fíxose con este espazo. Voces de ultratumba, gritos e estrañas sicofonías xa nos facían ver que o que alí veríamos non era deste mundo.
De súpeto, ao fondo, un cadaleito advertíanos de que algo ía acontecer. Non había marcha atrás.
Un espectro pedía que todos apagaran as luces. Así o efecto ía ser moito máis temible.
E antes de que vexades as fotos, que están feitas con flash, polo que está todo iluminado, deixámosvos un vídeo para que poidades aprezar a ambientación. E os sustos 🙂
Xente posuída quería levarche con ela. Había que escapar:
Ata te querían levar en cadeira de rodas:
E sempre, a un e outro lado, teas de araña, luces e unha ambientación feita a medida. A verdade é que estivo moi currado.
E vós, asustaríavos con estas cativas que estaban no medio do camiño? As nenas do Resplandar ante estas daban risa.
Pero había quen quería levar canda si un recordo en forma de foto:
Cando menos o esperabas, alguén saída do lado do camiño e berraba. Máis dun levou tal susto que pouco máis e acaba a andaina en dous minutos 🙂
Tras estes momentos simpaticamente escalofriantes, a organización agrupou a todos os participante antes de chegar a Ourille.
De novo espectacular todo, xa que a Policía e Protección Civil cortaron a estrada para que non houbera ningún incidente e os peóns puideran estar seguros.
Cando faltaba preto dun cuarto de hora para a 1 da mañá, reanudouse a marcha.
O grupo pasando polo medio de Ourille:
E aquí desviándose da estrada para tomar de novo un camiño. A seguinte parada era A Pastoriza.
Nesta zona foi onde se produciron os únicos contratempos de toda a andaina. Os camiñantes tiveron que estar moito tempo parados, por mor das charqueiras con auga que había e que impedían cruzar con normalidade.
Moitos comentaban que se enfriaran aquí, despois de hora e media de camiñata.
O peor punto foi sobre todo xusto enriba da Pastoriza, onde era imposible cruzar sen meter os pés nunha zona húmida.
E claro, moitos viñan con tenis e zapatillas de deporte, polo que mollaron os pés.
Na Pastoriza a organización situou un punto de avituallamento, para que a xente collese auga se a necesitaba.
De novo reuniouse a todo o grupo.
E moitos recurrían tamén ás fontes para hidratarse.
Eran as 2 menos cuarta da mañá e tocaba iniciar de novo a marcha. Algún, como vedes, levaba unha bara rústica ben visible.
Numerosos veciños da zona seguiron a marcha. Non é habitual que a Santa Compaña volva despois de tanto tempo aos montes da Pastoriza e de Ourille, polo que era en si un espectáculo digno de ver.
Retomouse a ruta en dirección á Ourille, pero por outro sendeiro. E despois todos subimos ata o Castro Barbudo.
Alí puidemos ver que o grupo era numerosísimo, que a participación enorme e que a xente seguía camiñando aínda que foran as 2 da madrugada pasadas.
Ao fondo, a espectacular vista noctura da Ría de Arousa, con Rianxo en primeiro plano:
Unha vez que todos chegaron ao Castro, descenseuse o monte. Esta vez xa rumbo a Campo Maneiro.
As risas e os nervios volveron ao atravesar por segunda vez na noite o Inframundo:
Co que os sustos, aínda que xa parecían olvidados, volveron.
Dicir que os 8 quilómetros anunciados pola organización realmente foron preto de 11, co cal algúns participantes chegaron algo máis cansos do previsto. Iso si, ao final xuntouse unha boa tropa para o premio que agardaba en Campo Maneiro.
Eran as 3 da madrugada e alí, cal poción máxica de Astérix e Obélix, unhas gotiñas volvían ao corpo a súa calor e vigor.
Antes, tivo lugar o ritual de purificación para que os participantes volveran ás súas casas ca ánima limpa:
Outros, é certo que tiramos máis de galletas para que a ánima collera folgos.
Ao final, dende a organización felicitáronse polo éxito da convocatoria. E confían en xuntar para a próxima edición 600 participantes. Nós, agardamos estar.
Deixar unha resposta