“Non cho creo”, “É imposible” ou “Non pode ser”. Estas de seguro que foron algunhas das frases que escoitou Carlos Sobradelo Mariño, dono do Restaurante Mesón A Casilla, cando comentaba con outros clientes que un raposo era visitante habitual do seu local.
Porque como comentaba Carlos Sobradelo, a reacción dos habituais do restaurante ou que se pasan a tomar unha cervexa ou café foi esa: incredulidade.
Pero aqueles que non teñen fe, só se teñen que pasar pola Casilla. De feito, o raposo é outro cliente fiel dende hai un mes. Como comezou todo? Pois vese que neste mesón do Araño teñen moi boa comida e o raposo non quixo perder a ocasión de probala.
Carlos explícanos que o viu fóra do bar “e deille de comer. Foi comendo. Despois deille un pouco máis a dentro, máis a dentro, ata que entrou de todo”. Vamos, que as boas viandas do Casilla conseguiron vencer a timidez, un animal que é raro que se deixe ver así en público. E o que é aínda máis estraño é que se achegue tanto á xente.
O secreto para gañar a confianza foi o churrasco, que está claro que lle encanta. Tanto é así que “vén todos os días. Aínda que haxa moita xente, aparece”, comenta Carlos Sobradelo. Iso si, o animal vese que é de costumes nocturnos, porque acode á súa cita diaria xa co sol escondido. Pero “sobre as once, once menos cuarto adoita vir”.
Varios son os que puideron ver en directo a aparición do mamífero, tras pensar “que cousa tan rara un raposo nun bar, non?”. Carlos indícanos que agora mesmo lle deixa a comida nun prato. “Non o deixo comer na man, porque é un animal salvaxe, pero chégame á altura da man. Incluso chamo por el e vén”, salienta o hostaleiro.
Dende logo unha historia ben curiosa e fascinante, que demostra que os animais non deixan de sorprendernos. E que non só ás persoas nos gusta o churrasco e a boa comida 🙂
Fotos e vídeo de Carlos Sobradelo e do Mesón O Casilla
Deixar unha resposta