“Fomos trending topic en Asados”. Así é como resume Graciela, do salón de beleza e peitados Pelos a curiosidade e as conversas que xerou o cambio na súa fachada comercial. Ao seu carón atópase a mercería PuntHadas, un negocio que moita xente non coñecía. Levaban tempo dándolles voltas á idea de facer unha reforma, pensando precisamente en captar a atención e deixar claro que ofrecían. O resultado chegou da man do Studio Moai e non deixou indiferente a ninguén.
As imaxes que compartimos foron sacadas por A Fiestra Fotografía.
Conversando con Graciela sobre a fachada, lembra cando a puxeron, aínda protexida por un plástico. Algún que outro veciño, pensando que ninguén o vía, trataba de levantar a protección para ver como era. Podía a curiosidade. E outros veciños, mesmo detiñan o coche na estrada polas mañás ou polas tardes. Vamos, que a expectación era alta e o resultado non defraudou.
Graciela (da perruquería Pelos) e Ángeles (da mercería PuntHadas) querían darlle visibilidade ao negocio, realizar unha reforma na que deixar claro que alí se ofrecían servizos. Pero que fora diferente. Para iso recorreron ao Studio Moai. O seu responsable, Moisés Picón, cóntanos que na parroquia de Asados xa deseñara e fixera a obra da Clinica do Pé, “pero loxicamente non teñen nada que ver. Unha das regras de Studio Moai é” non intentar repetirse, por eso vendemos deseños a medida”
As propietarias non tiñan ningunha idea preconcibida, así que lle deron total liberdade a Moisés. Este coméntanos que se trataba dun proxecto “moi complexo”, posto que debía “deseñar unha mercería (PuntHadas)” cando no mesmo baixo se sitúa “unha perruquería (Pelos). Dous negocios moi distintos e que comparten entrada e fachada”.
Finalmente ocórreselle a idea: “unha fachada de aluminio, cunha rotulación moi chamativa: “topos” ou circulos”. Dende Studio Moai explican que “están moi de moda” e que lles recordaba “a estampados de roupa interior, pero tamén a tocados, complementos da perruquería, etc. Pensamos que o resultado salta á vista: unificar as dúas liñas de negocio”.
Moisés indícanos que o resultado foi o agardado: “Pola miña parte dicir que son unha familia moi agradecida, coa que traballamos moi cómodos”. Polo outro lado tamén se mostraron moi contentos coa execución do proxecto. Graciela contounos que foi tema de conversa na parroquia e que, sorprendentemente, a quen máis lle gustou foi á xente maior, porque entenden perfectamente que o resultado era potenciar o negocio.
Funcionou a idea? Polo que nos comenta Graciela si. Tanto é así que veciños da parroquia descubriron anos despois que alí había unha mercería e foron mercar produtos. Ou incluso xente que pasaba todos os días no coche por diante tamén lles confesou non eran conscientes de que houbera un negocio.
Dende logo, para nós é un deseño moi moderno e atrevido. Gústanos que no rural se desenvolvan este tipo de iniciativas, que haxa negocios cunha estética que un poida pensar que está localizado nunha gran cidade. Pero non, porque unha perruquería e unha mercería de Asados tamén poden ser un referente e demostrar que os pequenos negocios son ademais imaxinativos, ofrecen un moi bo servizo e non se quedan atrás.
Telecinco é para Terito e os vellos, Fotosderianxo é o futuro