Compartimos o cuestionario que lle realizamos a María Xosefa Comojo Sobradelo, candidata á alcaldía de Rianxo por Compromiso por Galicia.
– É a primeira vez que concorres nas eleccións municipais. Pódeste presentar aos que non te coñezan?
– Si é a primeira vez que me presento a alcaldía. Síntome rara ao ver a miña foto nos postes da rúa. Chámanme Cheché, pero o meu nome é María Xosefa Comojo Sobradelo, son oficial de Notarías, traballei de cociñeira, limpadora, permisera para a fibra óptica, de directora de tempo libre, de especialidades deportivas diversas, etc. Son a coordinadora da Plataforma Polo Centro de Día de Rianxo, estivemos 314 dias pechados no Concello de Rianxo, persoas maiores con todo o sacrificio que conleva, somos 74 persoas na asociación constituída como Plataforma polo Centro de Día de Rianxo. Non se coñece un encerro tan largo.
Que leva a alguén, sabendo o desgaste persoal que ten, a dar este paso na política?
– O ver que con pouco se consigue moito e que podemos evitar que o pobo que tanto queremos esmoreza. Tivemos que pecharnos para poder ter a instalación do Centro de Día, que conseguimos convencer ás monxas de que o venderan, convencer ao alcalde, convencer ao Presidente da Deputación para unha subvencion de 600.000 euros pero que aínda non ten elaborado polo equipo de goberno nin por ningún dos que conforman os diferentes partidos no Concello un proxecto coa intención de que empece a funcionar rápido. Din que vai para largo, Tampouco estamos metidos na comisión do Centro de Día porque nin a montaron. E vendo como resolvían outros temas máis este decidimos a gobernar nós, que pensamos que o faremos ben.
– Que considerariades un bo resultado nas eleccións locais e que un mal resultado para Compromiso por Galicia?
Un bo resultado sería acadar a alcaldía, un mal resultado sería non ter nin un concelleiro.
– A vosa formación é a primeira vez que se presenta en Rianxo. Cres que iso vos podería prexudiccar?
– Pois claro que si: eles teñen máis propaganda, máis medios e máis promocións institucional, xogan na casa (a do Concello).
– Que nos podes contar de Compromiso por Galicia e dos membros da candidatura nestas locais?
– É un partido novo, totalmente independente, onde se meteu a xente desencantada doutros partidos. É un partido galeguista que avoga por mellorar Galicia, con propostas progresistas, son respectuosos cos formulamentos das candidaturas de cada Concello que as asumen como independentes pero cun xeito totalmente participativo e aberto, que é o que nos interesa. Como cidadáns deste Concello que nos presentamos ao goberno do pobo para resolver as nosas deficiencias, dende a experiencia, como un consello de sabios e como utilizar técnicos que nos resolvan os aspectos técnicos coa maior das sensateces.
– Se puideses solucionar “de forma máxica” na primeira semana de goberno, un dos problemas que afectan a Rianxo, cal sería?
– Sería o emprego e a dotación de servizos como o xsn os aparatos de Raios X no Centro Médico e a ampliación das Urxencias. Non fai falla a maxia para que servizos sociais funcione mellor. Control e a falla. Axilidade en tódalas xestións e aproveitar os recursos que temos (si tes un limón exprémeo e fai zume). Somos o porto deportivo de Santiago, aquí pódese navegar todo o ano con total garantía, explotar este recurso. Facilitar o comercio local axudando economicamente da súa promoción, facilitar licenzas na apertura de negocios, creación de comisión técnica para a realización dos proxectos de apertura dos locais e asesoramento; todo isto a baixo custo. Creación da rede de hortas. Incentivar o cooperativismo, bonificar os impostos a aqueles que ocupen aldeas pouco poboadas.
– E cales consideras que son os tres retos ou necesidades principais que ten o Concello nestes momentos?
– Poñer a funcionar o polígono industrial, focalizar alí a nave de obras e o parque móbil municipal onde xa ten terreo e evitar os custos de aluguer que está a pagar. Adecentamento das naves: as actuais teñen un aspecto de abandono e desidia total. Traer industrias respectuosas co medio ambente.
Reordenar o monte, deseucaliptizar o monte, cooperar coas comunidades de monte utilizando as asocacións da comunidades de montes que teñen moi estudado o mesmo e buscar a rendibilidade sostible. Esixencia de clasificar zona cero pola vaga de lumes a Rianxo, facendo que a Xunta destine unha partida especial para recuperar o monte e poñer especial fincapé na prevención.
Educar dende o punto de vista medioambental; dáme moita coraxe ver coma os propios vixiantes pasan por riba das praias cando a propia Policía Nacional respecta o intermareal e vixía dende o asfalto.
– Que valoración fas do goberno municipal durante estes últimos catro anos?
– Caótico, sen planificación, aínda en oito anos non se conseguiron actualizaros parques infantís nas aldeas, nin dotar do locais sociais a todas elas. Unha falta de control, o servicio da auga por exemplo: Viaqua prorrogou o seu contrato de maneira automática sen cumprir os pregos de contratación, facendo pagar aos veciños por servizos que non ten e que moitas veces funcionan mal e perxudican o medio ambiente. A transparencia non se deu porque o cidadán non é contable e non entende as partidas que se expoñen de maneira inintelixible. Os procesos de selección de persoal tampouco son transparentes. O de que nos tivéramos que pechar para ter sequera un lugar para o Centro de Día foi irritante, xa tiña que saír deles. A falta de interese polos maiores. A falla de empatía co administrado, o Concello é a casa de todos e fallan as boas maneiras e as contestacións ás queixas dos veciños resolvendo.
Temos o cemiterio sen asistencia nin reparación. Siguen caendo ao mar as persoas e os coches por non poñer unha miserable pasamanería de tubo sequera. Non houbo xeito de centralizar os alugueiros da nave de obras e parque móbil no polígono. O aspecto das naves do Concello é totalmente ruinoso e desaxustado ao que ten que ser un lugar de traballo.
A falla de prevención sobre todo na aglomeración das Festas da Guadalupe. Seguimos tendo verquidos incontrolados ao mar, descontrol no encendido das luminarias, reparacións que aínda están á espera. O control de ruídos é totalmente inexistente a pesar das denuncias dos veciños. Non se deu posto en marcha o PXOM.
– Cales son as liñas fundamentais do programa de Compromiso por Galicia en Rianxo para estas eleccións?
– Servizos sociais, Centro de Día xa, creación do xeriátrico, conciliación laboral, creación de emprego, coidado dos nosos nenos, adolescentes e protección dos nosos animais.
Queremos que as aldeas teñan oportunidades para crecer de maneira sostible. É moi importante a seguridade pasiva: barreiras fronte ao mar para evitar máis mortes. Coidado das nosas fontes e lavadoiros, análise das augas. PXOM. Transparencia total, creación de radio local coa participación de todos. Recuperación dos alcaldes de barrio, dotación de maquinarias ás aldeas para un autocoidado medioambental con incentivos dotando de premios ás aldeas mellor coidadas, é dicir, incentivando o coidado mediambental. Un dos premios pode ser excursións de varios días gratuítas outras poden ser calquera dos servizos que eles pidan para a súa aldea e este sexa asumible.
– Por último, por que os rianxeiros te deberían votar?
– Son unha muller rianxeira que ama o seu pobo apoiada polo comité de sabios que son os nosos maiores, porque poño todo o meu esforzo en mellorar Rianxo, traballo o que faga falla e sei dirixir e controlo a administración local e podo buscarme a vida para conseguir das outras administracións o que precisemos. Nos non nos calaremos nada, o que vexamos mal repararémolo e, por suposto, sempre coa auditoría que se presupón que xa ten que darse sempre.
Asimesmo, comprométome a que estea funcionando o Centro de Día en seis meses e o xeriátrico en un ano, ademais de ter aberto a sala de baile e o cine. A que sempre poidan propoñer as súas queixas se queren por internet contestándoselles no prazo máximo de tres días e de facer que os rianxeiros lles fose rendible o ternos votado.
Deixar unha resposta