Entrevista a Mari Carmen Figueira, candidata á alcaldía de Rianxo polo PSOE

20 Mai

Compartimos con vós o cuestionario que lle realizamos a Mari Carmen Figueira, que se presenta a través do Partido Socialista (PSOE) á alcaldía de Rianxo.

– É a segunda vez que te presentas como cabeza de lista do PSOE en Rianxo. Como afrontas estas eleccións?
– Con ilusións renovadas de intentar que a cidadanía de Rianxo nos vexa como unha opción crible e capacitada para gobernar. Queremos que a xente de Rianxo valore a nosa proximidade, honestidade e capacidade para buscar solucións aos problemas cos que nos encontramos.

– Houbo unha renovación nas listas. Que nos podes contar dos que vos presentades este ano?
– Fomos quen de renovar a lista con persoas das que algunhas delas xa veñen de estar traballando en entidades sen ánimo de lucro dentro do noso Concello. Quero destacar este aspecto porque veñen con coñecemento de moitos dos problemas que padecemos en Rianxo, que veñen de tentar resolvelos ou polo menos minoralos.
Estamos moi contentos coa nosa lista porque estamos seguros de que temos moi interiorizado o espírito de servizo público, moi importante para facer boa política local.

– Se puideses solucionar “de forma máxica” na primeira semana de goberno un dos problemas que afectan a Rianxo, cal sería?
– A revitalización do comercio local tanto na vila como nas parroquias e a potenciación do polígono de Té. É un problema grave que o noso comercio local estea a desaparecer e na vila haxa case máis locais pechados que con actividade.

– E cales consideras que son os tres retos ou necesidades principais que ten o Concello nestes momentos?

  • O saneamento integral e que todos os domicilios podan dispor de abastecemento de auga potable.
  • A potenciación do comercio local e a industria no polígono e o apoio ós sectores produtivos (Mar e Agro) para que sigan xerando riqueza e dando sustento ás moitas familias que viven deles.
  • Mellora das infraestructuras para dar os mellores servizos á cidadanía e darlle espazo á vida cívica e asociacionista do pobo.

– Como cualificas a xestión do BNG durante estes últimos anos?
– Bastante deixadez e desorganización que espero que fose percibida pola cidadanía. En algunhas áreas limitáronse a gobernar sen ter unha planificación e cando se fai dese xeito, non hai cartos que cheguen. De aí que tivesen que facer tantos recoñecementos extraxudiais, porque cando fas os gastos sen consultar antes se dispós de partida para pagalos despois, non queda máis remedio que recoñecer a débeda dese xeito.

– Como está a ser a labor de oposición do PSOE?
– Tratamos de facer unha oposición constructiva, facendo achegas a través das comisións, de presentación de mocións e no apartado de rogos e preguntas do pleno.
Tamén fomos críticos coas cousas que non se estaban a facer ben, dende o noso punto de vista. Como por exemplo na forma de execución do gasto, porque se abusou dos recoñecementos extraxudiciais. Iso denota falta de previsión e que antes de dar orde de facer o gasto é necesario facer a proposta na súa debida forma.
Outro exemplo é a falta de limpeza e mantemento de Rianxo e de todas as parroquias. Non se pode esperar para ter coidadas as zonas a que haxa festas ou esteamos en período electoral.

– Nas eleccións xerais o PSOE tivo moi bos resultados. Nunca se pode comparar unhas xerais cunhas locais, pero cres que vos pode afectar positivamente o bo momento de Pedro Sánchez?
Sabemos da importancia que teñen os resultados acadados para o desenvolvemento do país, xa que este goberno vai traballar por e para toda a cidadanía.
Somos conscientes de que nunhas eleccións locais a xente non mira tanto ó partido ó que pertences como a persoa candidata e as persoas que forman parte da candidatura.
Os electores elixen a proposta que lle parece máis próxima e capaz para resolver os seus problemas cotiáns.
Por iso, entre as enerxías que nos deu o ter gañado nas Xerais e ter presentado unha lista moi capaz para gobernar, esperamos que os rianxeiros e rianxeiras confíen en nós e nos permitan gobernar para todos e todas.

– Que considerariades un bo resultado e que un mal resultado nas locais?
– Para nós un bo resultado sería que a nosa proposta tivera a confianza maioritaria dos/as votantes do noso Concello e un mal resultado sería obter peores resultados que nas anteriores municipais.

– Cales son as liñas fundamentais do programa do PSOE para estas eleccións?
– Nós queremos facer políticas para as persoas. Propoñemos iniciativas para mellorar o día a día da cidadanía de Rianxo, por iso as nosas liñas fundamentais van encamiñadas cara o emprego, os servizos básicos, o coidado do medio ambiente e que as persoas que vivimos en Rianxo, teñamos a idade que teñamos, nos sintamos ben tratados.
Que a maioría teñamos a certeza de que se facerá un bo uso dos recursos que temos.

– Por último, por que os rianxeiros te deberían votar?
– Porque teño experiencia de goberno e coñezo o funcionamento interno da administración local e sobre todo, gústame tratar coas persoas, escoitalas e intentar axudalas.
Son consciente de que hai que ser moi eficiente na xestión, para aproveitar da mellor maneira posible os recursos que temos.
Tamén me van a axudar moito os/as compoñentes da lista, porque veñen de estar do lado de fóra da administración e de coñecer os problemas reais das persoas que viven no noso concello.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: