Compartimos hoxe o cuestionario que lle fixemos a Sara Resúa, candidata nas eleccións municipais de Rianxo á alcaldía a través do partido Ciudadanos.
– É a primeira vez que concorres nas eleccións municipais. Pódeste presentar aos que non te coñezan?
– Son Sara Resúa Patiño, nacín en Taragoña, levo 20 anos vivindo en Rianxo, e son a candidata a Alcaldía por Ciudadanos
– Que leva a alguén, sabendo o desgaste persoal que ten, a dar este paso na política?
– A decisión de presentarme foi debido á situación agonizante do Concello de Rianxo, e que, ó meu entender, ningún dos candidatos van resolvela. Uns tivérono nas mans e non fixeron nada, e os outros porque non creo que sexan conscientes da situación real na que se atopa Rianxo.
– Que considerariades un bo resultado nas eleccións locais e que un mal resultado para Ciudadanos?
– É a primeira vez que se presenta Ciudadanos, partimos de cero, cada voto sacado xa é ganancia, significa que temos xente que cre no noso proxecto, iso xa sería un bo resultado. E se gañamos, non sería un bo resultado, sería excelente.
– Varios membros formaban parte antes do PP. Por que este cambio?
– Esta non é unha pregunta que teña que contestar eu, terías que preguntarlle a eles por que se uniron ó meu proxecto.
– A vosa formación é a primeira vez que se presenta en Rianxo, xusto despois dunhas eleccións xerais onde Ciudadanos tivo un bo resultado. Cres que isto vos beneficiará?
– Non creo. Aquí, nas municipais, vótase máis á persoa que ó partido no que vai. Os resultados nas municipais son moi dispares ós das xerais.
– Se puideses solucionar “de forma máxica” na primeira semana de goberno, un dos problemas que afectan a Rianxo, cal sería?
– O desemprego. Se un ten traballo, ten cartos para empregar noutros sectorese beneficia a outros. Está feliz e iso mellora as relacións sociais e dalle vida ó Concello.
– E cales consideras que son os tres retos ou necesidades principais que ten o Concello nestes momentos?
– O PXOM, infraestruturas viarias e o comercio e a industria local.
– Que valoración fas do goberno municipal durante estes últimos catro anos?
– Creo que dando o paso a presentarme xa responde ó que penso do actual goberno municipal.
– Cales son as liñas fundamentais do programa de Ciudadanos en Rianxo para estas eleccións?
– Unhas infraestructuras dignas. Creación de riqueza e emprego. Impulsar o turismo e o comercio local. Axilizar os Servizos Sociais. Sacar o PXOM adiante dunha vez por todas e acadar o 100% de sameamento do Concello.
– Por último, por que os rianxeiros te deberían votar?
– Porque Rianxo pide un cambio
Deixar unha resposta