O rianxeiro Iago Hermo e ButacaZero preestrean no Auditorio a ópera electrónica ‘Papagena’: “Temos ganas de dar o mellor de nós”

28 Ago

Os días 2 e 3 de setembro asistiremos no Auditorio de Rianxo a unha preestrea. Alí poderemos desfrutar por primeira vez da ópera electrónica en galego Papagenea, que despois viaxará por catorce concellos de toda Galicia. O seu autor é o compositor rianxeiro Iago Hermo, quen se uniu neste proxecto coa compañía ButacaZero. Na dirección, unha coñecida tamén da casa, Esther F. Carrodeguas, quen codirixe xunto con Xavier Castiñeira.

Velaquí o cuestionario que lle mandamos a Iago Hermo, para que nos conte un pouco máis sobre o proxecto e sobre esta preestrea.

– Antes de nada, gustaríame preguntarche por ti. Es compositor, pianista e director, especializado en creación escénica para ópera e música contemporánea. E de Rianxo, todo hai que dicilo. ¿Como foron os teus inicios na Escola de Música de Rianxo?

Imprescindible. Comecei na Escola de Música de Rianxo tocando a frauta na banda cando tiña uns 9 anos, se non lembro mal. Anos despois xa me pasaría ao piano, que me enganchou inmediatamente e ao que dedico boa parte da miña vida.

Tiven a sorte de formarme nesta escola. Teño claro que non sería músico de non ter estudado nela, de ter vivido todas as experiencias vitais que vivín grazas a ela e de ter coñecido a toda a xente incrible coa que me atopei. Anos despois, grazas a uns cursos de composición e dirección, foron os que me levaron a abrirme a estas facetas da música e poder integrar as tres na miña carreira. A calidade e nivel desta escola son inigualables. Non hai máis que ver a cantidade de xente que se dedica á música, mesmo a nivel internacional, que estudaron nela.

– Continúas os teus estudos no Conservatorio de Santiago e máis adiante nos Países Baixos, onde fas un máster e un posgrao, especializándote en Composición Musical e en Dirección de Música Contemporánea. ¿Tiñas sempre claro cara onde dirixir os teus pasos no mundo da música?

Para nada! Tiven claro que quería vivir como músico cando optei por entrar no Conservatorio de Santiago. Ese era o obxectivo xeral. Pero a partir de aí, cada etapa levoume a fixar a miña atención e interese en facetas distintas. Cando entrei en Santiago, ser pianista clásico era o obxectivo. Cando entrei no Conservatorio Superior da Coruña, sumouse a composición, dirección e mesmo a xestión cultural. E xa cando cheguei a Maastricht, nos Países Baixos, foi cando todas estas distintas facetas se integraron nun só obxectivo, e proxectos como esta ópera Papagena son unha mostra do mesmo: composta e dirixida (musicalmente) por min, e cun orientada cara o desenvolvemento local a través da creación.

Case sempre, as mellores cousas na vida veñen dadas por casualidade mentres se recollen distintos camiños. Seguramente seguirei dando algún que outro “rodeo” de vez en cando.

– Vas preestrear unha ópera electrónica en galego en Rianxo os días 2 e 3 de setembro. Pero esta non é a túa primeira ópera. Lembras como foi esa primeira obra?

Proxectos así son difíciles de esquecer. A primeira foi “Cidade sen luz”, unha pequena ópera, tamén en galego e con música electrónica+piano que estreei no 2019 nos Países Baixos. Esta foi o meu proxecto de fin de mestrado no Conservatorium Maastricht, polo que foi bastante especial.

Primeiramente, porque remataba unha etapa coa oportunidade de compoñer e dirixir o meu primeiro proxecto operístico. Co reto engadido de ter que ensinarlle o texto en galego a uns cantantes de Bélxica e Brasil.

Pola outra banda, esta ópera estivo enmarcada dentro dun festival internacional de ópera que se fixo na cidade, polo que se representaban seis óperas nunha semana. Catro delas compostas polos estudantes que rematabamos o mestrado de composición. Puiden “curtirme” compoñendo e dirixindo a miña, pero tamén dirixindo a música doutra delas, “Dine Bahane” de Willie Arets.

Foron semanas de moito traballo e estrés. Pero o enorme apoio do conservatorio, dos profesores e do equipo, fixeron posible levar a cabo un proxecto así con moita facilidade.

– E que dá máis vertixe, esa primeira ópera ou facelo agora con esta, na casa?

Diría que cambian as cousas que dan vertixe entre a primeira e esta segunda ópera. O nivel de coñecemento e experiencia fan que sexan outras as cousas que supoñen un reto entre Cidade sen luz e Papagena. Para a primeira, a novidade a nivel persoal de traballar un formato descoñecido a nivel práctico. Para esta segunda, aprendidos xa os erros da anterior, outras cuestións afloran. Diría, aínda así, que este é un proceso que se produce cada vez que se lle dá vida a unha nova composición. Ao igual que me resulta raro escoitar a miña voz gravada, escoitar a miña música produce unha reacción parecida.

– Por certo, que é exactamente unha ópera electrónica? Pregúntoo porque moitas veces asociamos a ópera coa música clásica.

Coido que se pode entender de diversas formas, mais o que eu teño en mente por ópera electrónica é aquela na que os elementos musicais están maiormente presentes a través de medios electrónicos (sons creados/tratados por ordenador). Non deixa de ser como mudar a orquestra “de sempre” por un ordenador e altofalantes que xeren novas sonoridades. Ten a vantaxe de ser moito máis práctico para este tipo de proxecto (fácil de levar a moitos lugares), mais tamén a nivel creativo permite explorar sonoridades que resultan máis complexas, ou imposibles, cos instrumentos que coñecemos.

– Ademais de seres o creador da música e do libreto, tamén vas estar presente sobre o escenario, dirixindo. En que papel te sentes máis cómodo, como músico ou como creador?

Tras moitos anos, coido que me sinto máis cómodo cando podo integrar esas diferentes facetas nunha soa. Isto implica limitacións, loxicamente, mais integrar composición e interpretación sitúanme nunha posición na que me sinto moi feliz. Dirixir a miña música, tocar ao piano as miñas creacións, ou mesmo as tres cousas ao mesmo tempo. Dese xeito fago máis persoal, dalgunha maneira, o que pasa diante do público. Non volvín sufrir a típica ansiedade ou medo escénico dende que comprendín isto, de feito.

Aprendemos moito uns dos outros, e iso vese na forza do que pasa en escena

– A obra está producida e codirixida por outra rianxeira, por Esther F. Carrodeguas. Como é traballar con ela e co equipo de ButacaZero?

Non puiden ter máis sorte de atoparme con Esther e Xavier Castiñeira. Dende un primeiro momento tivemos unha comunicación moi aberta sobre a proposta e como levala a cabo. Viron, moi rapidamente e con moi bo ollo, que persoas eran as adecuadas para formar parte deste proxecto. O enorme e impresionante traballo deles, de Ana Arteaga, Diego Valeiras, Esperanza Mara, Jacobo Rubianes e do equipo técnico, non deixaron de abraiarme coa capacidade de superación, brillantez e ganas de aprender que caracterizaron todo este traballo.

– Ademais, xa levades uns cantos días de ensaio precisamente no auditorio de Rianxo. Que sensacións tedes tras estas xornadas de traballo?

Moito cansazo! Pero cansazo de quen sabe que está a facer un bo traballo. Cada semana tratouse de dar pasiños, pouco a pouco, ata chegar a onde estamos hoxe. Non tivemos barreira que non se puidera superar, todas e cada unha das persoas que formamos parte do proxecto aprendemos moito uns dos outros, e iso vese na forza do que pasa en escena e da satisfacción cos resultados de cada un deses pasiños.

– Que nos podes contar de Papagena, a obra que ides preestrear en Rianxo?

Non contarei moito, xa que prefiro reservar as “sensacións” para as representacións. É unha ópera que trata varios puntos de actualidade. A violencia de xénero, amosándonos en escena a unha parella nunha relación abusiva. O revisionismo histórico, tomando dous personaxes da Frauta Máxica e elementos musicais da mesma e do Don Giovanni de W. A. Mozart. E, a través do propio formato, a necesidade da innovación para o desenvolvemento local máis alá das grandes cidades.

Prometo música e moita luz. Só falta vir vivir a experiencia Papagena.

– Como comentaba antes, a obra preestréase en Rianxo, de xeito gratuíto, o 2 e 3 de setembro. Pero despois a estrea será nun escenario impresionante, como as ruínas do convento de Santo Domingo de Pontevedra. E de aí, cada semana nun concello diferente ata final de ano. Como afrontades esta xira por toda Galicia?

Vai ser un reto, pero o obxectivo do proxecto é precisamente o que me preguntas: levalo ao maior número de concellos de Galicia e doutros lugares. Parte deste proxecto é un dos elementos principais do meu traballo fin de mestrado en Servizos Culturais pola USC: o desenvolvemento local de concellos rurais ou de tamaño medio en Galicia a través das industrias culturais e da innovación. Levamos este proxecto con ganas, posto que o significado do mesmo é enorme. Levar producións operísticas de alta calidade, deseñadas e pensadas para lugares como Rianxo, Tui, Foz, Celanova, Fisterra, Muros, etc., poden resultar nun revulsivo cultural fundamental no eido cultural de Galicia.

Dende logo, temos ganas de dar o mellor de nós!

– Para rematar, como lles dirías aos que nunca foron a un espectáculo deste tipo para que se animen a desfrutar de Papagena?

A pregunta tería que ser: hai algunha razón para non ir?

Bromas a parte, xa a propia curiosidade me parece un motivo con suficiente forza para animar a alguén a asistir. Prometo música e moita luz. Só falta vir vivir a experiencia Papagena.

NOTA: as imaxes son cortesía de ButacaZero.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: