Festas da Guadalupe de Rianxo 2022: cartel, orquestras, actividades previstas…

27 Ago

As festas de Guadalupe de Rianxo do 2022 comezarán o venres 9 de setembro e rematarán o venres 16 de setembro. Regresa, tras dous anos de pandeima, a normalidade ás festas de Rianxo, con oito días de troula con tipo de actividades.


Se queres coñecer o cartel con todas as orquestras que van tocar, velaquí tes todas toda a información por días. Indicar que toda a información que está neste post é a información que publicaron nas súas redes sociais os da Comisión de Festas da Guadalupe.

Venres 9 de setembro na Guadalupe de Rianxo

A festa da Guadalupe comezará co tradicional chupitaso e, segundo indicaron dende a Comisión de Festas, “abrirémolas, un ano máis e porque nolo pedides, coa FESTA DOS 80! E desta vez con dous fenómenos rianxeiros (Bruno e Xacobo) que, como novidade, mesturarán as cancións de antes con música de agora. O percorrido empezará nos 80’s, pero tamén pasaremos polos rock e polo disco dos 90!”

Sábado, 10 de setembro na Guadalupe

Para o sábado, a Comisión propón “unha verbena diferente, espectacular, e con propostas para todos os públicos, nun dos días grandes das festas”.

Antes da verbena, comezarán animando as rúas coa CHARANGA SANTA COMPAÑA, que rematará o seu pase nos locais da Martela. Despois, a ESCOLA DE MÚSICA DE RIANXO proponnos a volta ao espazo das verbenas das bandas de música populares, como hai anos. Pero desta volta, modernizado cun espectáculo musical que suporá, ademais, a reunión de dous antigos compañeiros na Gran Parada: JOSÉ MANUEL DOMÍNGUEZ e SILVIA FERRE, que cantarán xuntos de novo na verbena rianxeira.

Deseguido, realizarase cun concerto na verbena, algo que moita xente nos pedía para variar un pouco e que hai moitos anos que non tiñamos. ROI CASAL traerá música de raíces cubanas e galegas, co seu toque persoal, para bailar ao son dos ritmos latinos.

Alternativamente, THE CUNCAS ofrecerá un concerto na Praza da Igrexa coas súas versións de clásicos de todos os tempos. Temos orquestra, tamén, como non pode faltar nunha verbena.

O GRUPO ATENAS continuará co seu primeiro pase e pechará tamén esta gran noite. E entre os pases da orquestra, o DJ MANU GZ traeranos a súa FESTA KYOTO FM. Un dos máis destacados DJs galegos poñerá o punto disco ao campo da festa. Programamos esta noite tan especial pensando en todos os distintos públicos que converxen no campo da festa dunha forma única en Rianxo, durante as Festas da Guadalupe.

Domingo, 11 de setembro na Guadalupe

Como ben indican dende a Comisión, o domingo de Guadalupe é un dos días grandes da festa.

“A nosa Moreniña volve saír en procesión polo mar. Ademais das gaitas de BUXAINA e da BANDA DE TEO, desta volta irá acompañada pola Asociación do Traxe Galego, que tamén farán unha mostra pola tarde”.

Se falamos da verbena, contarase cunha das orquestras mellor valoradas por vós nas últimas festas, a PANAMÁ, acompañada por outra orquestra, a STATUS, que é de nova formación pero xa promete.

Esta verbena, como todas as desta Guadalupe 2022, rematará cunha sesión de DJ. E cando se chegue á media noite, teremos o espectáculo de fogos de artificio aéreos e acuáticos.

Luns, 12 de setembro na Guadalupe

O luns, as JUADALUPEÑAS volven encher de cor, música e xogos a xornada.

Para a verbena contarase cunha formación enorme e moi coñecida por aquí, a CINEMA, co seu grande espectáculo. Estará acompañada do Grupo EUREKA, unha formación nova cun formato diferente, xa que conta con catro vocalistas e un DJ.

Ese día desfrutaremos tamén coa BANDA DE ARCA e, como novidade, xuntarémonos para cantar as cancións populares que máis se cantaban polas tabernas de Rianxo, no CÁNTALLE A RIANXO.

Martes, 13 de setembro da Guadalupe

O martes é a xornada na que tradicionalmente celebramos o irmandamento con Padrón. Recibiremos ás autoridades e á Banda de Música nos actos da tarde.

A xornada empezará coa alborada de SILVAREDONDA, que tamén darán un concerto ao mediodía, nunha dobre sesión vermú. Á noitiña, os nosos veciños da CHARANGA RqR serán quen animen as rúas.

Como vén sendo habitual, esta xornada teremos as actividades de CULTURA URBANA, que incluirán desta volta a decoración de camisetas con StencilArt, un obradoiro de Graffiti, outro de Disk Jockeying e outro de WaterSlide (surf), ademais dos bailes do Stepmanía ambientados no Friday Night Funkin.

A verbena contará coa orquestra pola que, sen dúbida, máis nos preguntades: a AMÉRICA DE VIGO co seu potente directo e un repertorio rock, heavy e metal sen parangón na verbena galega. Irá acompañada por unha orquestra de estilo radicalmente distinto, a cal coñecemos ben porque é a cuarta vez que está este ano no noso concello: a canaria FURIA JOVEN.

Mércores, 14 de setembro na Guadalupe

Comezará o día coa BANDA DE NOIA para seguir cunha xornada de xogos tradicionais en familia cos XOGOS DO PAPORRUBIO.

Neste día os máis maiores terán o seu XANTAR POPULAR, mentres os cativos gozarán dun obradoiro do CIRCUS MAGNIFICUS, seguido dun espectáculo do CIRCO CHOSCO.

A MEKANIKA ROLLING BAND fará a transición á verbena, que contará coa que é probablemente a formación coa mellor calidade musical do panorama festeiro, cun repertorio sen igual e un directo digno de festival: o grupo ASSIA. Estarán acompañados polos ritmos latinos do grupo canario NUEVA FUERZA, que tamén amenizará a sesión vermú.

Xoves, 15 de setembro na Guadalupe

O xoves retorna a xornada máis querida polos rianxeiros, o FEIRÓN MARIÑEIRO, no seu formato habitual. A sesión vermú será dobre, con CÉ ORQUESTRA PANTASMA e LA BAMBA, que na verbena estará acompañada por unha das orquestras máis emblemáticas da Guadalupe: a GRAN PARADA.

O colofón ao Feirón poñerao, grazas ao Concello de RIanxo, a NOITE FOLC, desta volta con PAN SEN FRON, TRES PESOS e FIANDOLA.

E non esquezades que ás 8 do serán agardámosvos para a RIANXEIRA POPULAR na Praza da Igrexa.

Venres, 16 de setembro na Guadalupe

O venres é a xornada máis agardada por moitas das persoas que nos visitan para o gran evento das BENGALAS e o canto da RIANXEIRA, esa homenaxe que a vila de Rianxo fai da súa cantiga máis universal, e da que este ano ademais celebramos os 75 anos dende que foi composta.

E ademais da letra popular que normalmente cantamos, imos cantar a versión orixinal, coa letra que ideou Xesús Frieiro “Pinciñas”. Disto encargaranse as tres orquestras FAMA, SAUDADE e CHARLESTON BIG BAND, que levarán a festa até que raie o sol.

Pero antes temos toda unha xornada dedicada aos nenos! E desta vez cunha atracción espectacular: o RÍO BRAVO, un tobogán de auga xigante que de seguro xa vos vai remollar antes da FESTA DA ESCUMA.

Xa pola noite, a VERBENA INFANTIL axudaraos a chegar espertos ata as bengalas coa axuda da GRAMOLA GOMINOLA e a PICADISCOS MARÍA FALTRI, coa que rematarán cantando a RIANXEIRA INFANTIL con variñas luminosas.

Actividades para nenos durante as festas da Guadalupe

Velaquí o cartel que resumen os obradoiros e as actividades para nenos que se realizarán durante as festas da Guadalupe.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: