
Tras un par de anos de pandemia, as festas da Guadalupe recuperan o seu formato habitual, con oito días de festas. Fano con moita ilusión e con caras novas, porque á fronte da comisión xa non estará o Xixí, quen pasa a ser Presidente de Honra. No cargo substitúeo Carlos Ces, quen levaba moito tempo como vicepresidente. Falamos con el de como serán estas festas, do traballo da comisión e do que custa sacar adiante tantos días de celebración.
– Hai dous anos non houbo Guadalupe, por mor da pandemia. O ano pasado xa se retomaron as festividades, pero con distancia social e con actividades durante o día. E este ano volven os oito días de festa e a verbena. Notas que os veciños tiñan ganas de festa, de volver á Guadalupe de sempre?
Esa é a impresión xeral, si. Xa se está a ver en todas as festas que a afluencia de xente é moito maior que antes da pandemia. Agardamos que na Guadalupe tamén sexa así, e que o tempo acompañe, porque chegan por fin as choivas, pero xa podían respectar esa semaniña das festas, que levamos moito tempo a agardar por elas, non?
– Que é para ti o mellor das festas da Guadalupe?
A participación da xente, o que se implica a veciñanza. Non hai mais que ver o día o Feirón, onde a festa a pon a xente; non fai falta practicamente que organicemos nada ese día!
– Se hai alguén en Galicia que non coñece as festas de Rianxo, como o animarías a que viñera ata aquí eses días?
É algo que non é doado de explicar se non o vives por ti mesmo. É o ambiente continuado, o haber algo a todas horas, desde que te ergues ata que te deitas, e que ademais tenta abranguer todas as idades e gustos.
– Unha das caras visibles da Comisión, o Xixí, retirouse despois de moitos anos. Pesan os anos que estivo como cara visible das festas?
Non sei se te refires a se lle pesan a el ou se nos pesan a nós.
A el seguro que lle pesan, e por iso tivo que deixar. Sempre que o vexo interésome por como está e véxoo, sobre todo, máis tranquilo, que iso xa é un mundo.
En canto a nós, si, tamén nos pesan. Moncho ten a súa forma de organizar as cousas, os seus tempos, os seus métodos, e, sobre todo, unha memoria portentosa na que cabe moitísima información. E eu teño que apuntalo todo e planificalo para que non me esqueza nada. E aparte tiña recursos, sabía a quen tocar para cada cousa. Pero estanos a axudar ben, cada vez que lle preguntamos algo, está aí para botar unha man.
O Xixí tiña unha memoria portentosa e tiña recursos, sabía onde tocar. Estanos a axudar; cada vez que lle preguntamos algo, está aí.
– En xaneiro convocastes unha reunión para buscar xente que puidera tirar adiante coas festas. Aí apuntáronse 11 persoas. Pero que pasaría se daquela non se uniran novas persoas para traballar na organización da Guadalupe?
Probablemente a asociación desfaríase, se ninguén quixese seguir á fronte. E nese caso, as festas colleríaas, supoño, o Concello, xa que as ten como as festas “institucionais”. Pero organizándoas o Concello non habían ser o mesmo, xa que o concello non ten a posibilidade de facer certas actividades recadatorias que as asociacións si que temos: pedir polas casas e comercios, a revista, a venda de merchandising, festas ou actividades recadatorias… todo iso sería moito máis complicado, se non imposible, para o Concello. E as festas non habían ser o mesmo. Habería, supoño, un orzamento pechado probablemente máis baixo que o actual, un concurso público para as orquestras e dubido que a duración puidese ser de tantos días.
– No teu caso, aínda que é o primeiro ano como presidente da Comisión, si que levas moitos anos traballando aí nela. Como é a organización da Guadalupe tras o COVID?
Igual que antes, niso non variou nada. Foi máis complicado organizar as poucas actividades do ano pasado, coas normas, as distancias, o control de entrada… por non falar da incerteza de saber se ao final iamos ter que anular todo por unha nova ola.
Agora, a verdade, sen restricións, xa non tes que andar a pensar en distancias e capacidades dos recintos. Cousas como o Feirón ou as bengalas, con tanta xente, non están subordinadas a todas aquelas medidas de prevención que hoxe semellan tan afastadas.

– Este ano, unha das novidades, foi que a xente que foi cobrando polas casas, ademais de ir identificada, cobraba con TPV. Como de importante é este traballo, as petitorias que se fan porta a porta?
Sempre foron identificados, eh! E tamén sempre hai quen vai a algunhas casas facéndose pasar por pedidores da comisión. Isto é algo que pasa todos os anos, hai que ter coidado e ante a dúbida…
Os donativos da veciñanza son moi importantes: supón máis da terceira parte dos ingresos. Pero cada vez é máis complicado, a cantidade vai baixando cada ano. Aquí vimos dun sistema de hai moito tempo no que aos matrimonios se lles pedía unha cota fixa pero as persoas xubiladas daban a vontade. Se temos en conta que cada vez hai máis xubilados e menos matrimonios, e moitas parellas, ademais de tardar en axuntarse, non consideran que teñan que dar para a festa, pois o resultado é que os ingresos baixan cada ano.
Sempre hai quen vai a algunhas casas facéndose pasar por pedidores da comisión. Hai que ter coidado.
– Neste sentido, houbo algún cambio pola vosa parte, non si?
Este ano tentamos mudar un pouco o sistema e tentar que cada casa dese unha cantidade. Pero as tradicións pesan e non son doadas de mudar, e ao final cada veciño considera á súa maneira que debe dar a metade. E non é o mesmo un matrimonio xubilado no que só unha das persoas traballou, que outros nos que ambos os dous traballaron, e que, triste pero certo, ao mellor teñen mellor pensión que algúns salarios dos mozos.
Pero nós non somos Facenda, e non podemos anda a fiscalizar o que nos contan os veciños. Ao final son donativos, non son obrigatorios. Hai xente que fai moito esforzo para achegar á festa e outra que zafa o que pode. Pero aí pouco podemos facer.
– Hai pouco, nunha reportaxe de La Voz, dende a comisión de festas da Pobra dicían que o de ir pedindo polas casas era unha tarefa que vían desfasada e consideraban que as administracións deberían facerse cargo do custo das festas. Cal é a vosa opinión?
Si, na liña co anterior, cremos que ten que mudar este sistema. Aí estamos estudando as posibilidades xunto co Concello. Para este ano non puido ser porque xa iniciara o ano, pero de cara a o ano que vén estudarase a posibilidade. Que xa adianto que non é doado. Hai cousas que se contan doutros concellos, que se o recibo das festas vén co da auga ou co do lixo, que non son tal e como se contan. Ao final, os cartos nesas festas saen dos orzamentos municipais. Se despois o concello decide subir impostos ou deixar de bonificalos para amolecer o impacto nos orzamentos, xa é unha decisión política que teñen que tomar, e que non será doada. Ao fin e ao cabo, trátase de que o goberno tome a decisión de subir os impostos municipais, co gasto político que iso pode carrexar.
– Cal é o presuposto que manexades para as festas deste ano?
Pois para que te fagas unha idea, vou facer un histórico dos orzamentos desde que entrei na comisión. Os máis altos que recordo son os de 2004, aquel ano da celebración dos 150 anos. Foran arredor de 180.000 euros. Trouxéramos as 4 orquestras máis caras. Desde aquela, foi baixando cada ano, e na crise de 2008 pegou un baixón considerable. Desde aquela máis ou menos mantívose. Pero ollo, mantense o orzamento pero as orquestras e os gastos soben cada ano. As orquestras máis caras custan hoxe máis do triplo que daquela. Se os ingresos son máis baixos… como afrontamos iso?
Nestes últimos anos o orzamento andou arredor dos 120.000. Este ano subiu un pouco, estamos a facer un esforzo moi importante. Pero xa ves que o panorama non é nada alentador.
O ano que máis se gastou, no 2004, foron 180.000 euros. Este ano andamos por algo máis dos 120.000.
– Dos 80€ que paga unha familia de cota, que porcentaxe vai para pagar as orquestras. Din que o custo das orquestras se encareceu. É certo?
Pois as orquestras son, loxicamente, o maior gasto, supón case a metade do orzamento. E si, as orquestras máis caras sempre encarecen dun ano ao seguinte, entre as outras hai de todo. Pero si que despois da pandemia se notou unha subida xeral.
– Unha das cousas que máis se miran no cartel son as orquestras. Por que este ano non contamos coa Panorama, a París ou o Combo?
Nunha entrevista que me fixeron nun xornal puxeron que dixen que “non podemos traer orquestras de 15.000 euros”. Non foi así como dixen, as cousas hai que contextualizalas. Dixen que “este ano” non podemos traer orquestras de 15.000 euros. Hai unha gran diferenza. Claro que queremos traer orquestras espectáculo! Pero este ano atopamos todo en contra para facelo.
Por unha banda, hai que ter en conta que estas orquestras caras (non vou dicir boas porque sería faltarlle ao respecto ao resto), hai moitas que musicalmente as superan, o que pasa é que non teñen o orzamento nin os medios técnicos destas grandes formacións. Dicía, as orquestras caras só as poderíamos traer de luns a xoves. O resto dos días é inviable porque o prezo se dispara ao dobre ou máis, tamén nas formacións máis modestas.
A modo ilustrativo, podo dicirche que, por exemplo, as tres orquestras do último día (un día que non é barato) son máis económicas que unha orquestra das caras. E que se poñemos unha orquestra das caras, teríamos que quitar o martes e o mércores da festa, que son catro orquestras, e non das máis baratas.
Hai que ter en conta tamén a dispoñibilidade. Este ano puxémonos en marcha tarde. Non sabíamos se a asociación seguiría, non sabíamos sequera se a pandemia permitiría festas este ano. Entón moitas formacións tiñan as datas xa ocupadas.

– No 2020 houbo que suspender as festas. Non sei se a idea era contar con orquestras que tiñan que actuar daquela?
Si, ese foi outro factor determinante, pero que quixemos ter en conta, tentar contratarlle as festas ao mesmo axente ao que llas tivemos que anular en 2020. Pareceunos o máis xusto. Se ben é certo que isto non nos impedía contratar unha das orquestras caras, si é certo que a marxe de manobra é menor; aínda que agora semella que xa rematou aquela absurda guerra entre axentes na que algúns non che permitían contratar orquestras para combinalas coas de outras axencias, o certo é que consegues mellores prezos cun “paquete” completo coa mesma axencia.
– O momento económico tamén influíu?
Ese sería terceiro factor, moi importante, foi o da incerteza económica. Viñamos dun momento moi complicado, de crise, no que non sabíamos como ían responder os veciños que durante a pandemia non puideron traballar, nin os comercios, nin a hostalaría, e a poboación vai a menos, e como dixen nin sequera sabíamos se ía poder haber festa aínda. Como iamos arriscarnos a contratar por todo o alto? Fomos conservadores no gasto, e, aínda así, este ano é no que máis gastamos en orquestras desde hai moito tempo. Fíxate se subiron os prezos das orquestras.
Total que ao final, mira: o emprego está a niveis de antes da crise de 2008, o paro baixando tamén a niveis de hai anos, e os salarios, mal que ben, incrementándose, polo menos o salario mínimo, que sempre vai tirar do resto para arriba. Pero nestas vai e cae unha guerra eu Europa con toda a inflación que produce. Subida de prezos espectacular, sobre todo na luz e nos combustibles, e o efecto positivo alá o vai, porque nos soben o resto dos prezos e báixannos os ingresos de outras vías.
Tamén nos din: “pois baixade días de festa”. Si, ao final vaise ter que facer, non vai quedar outra. Pero, imaxinas que xusto collida a Comisión, despois de dous anos sen festa, imos nós e recortamos os días? Creo que nos lapidades (risas). Ademais non é tan doado. Se recortamos polo final, como xa fixemos unha vez, a hostalaría protestará e dará menos para a festa, xa que ese último venres é moi rendible porque vén moita xente. Quitamos días pola semana, como en Padrón? Pouco se había notar, xa que é cando as orquestras están máis económicas. Como dixen, son os días nos que podemos traer as orquestras máis caras. Non sei como se fará, pero doado non vai ser.
Dinnos que baixemos os días de festa. Si, ao final vaise ter que facer, non vai quedar outra. Pero non xusto cando o colle a nova Comisión.
– E algún cambio de fórmula?
Tamén é certo que hai unha tendencia, en moitas festas, a ter só unha orquestra das grandes pola noite, e acompañala de DJ ou outra cousa. Aquí na Guadalupe non podemos facer iso. Ten que haber sesión vermú e ten que haber dúas orquestras. E ollo porque non todas as orquestras dan sesión vermú, que ese é outro problema para confeccionar o cartel. Non queremos que a festa empece despois das 11 e con só unha orquestra espectáculo. Non. Aquí a xente pide baile de 10 da noite a 6 da mañá, e sesión vermú.
Total, que me lío, en resumo: este non era o ano. Se a cousa vai ben, repito: se a cousa vai ben, para o ano tentarase traer unha orquestra espectáculo. Xuventude: queredes orquestras das caras? Pois buscade a forma de colaborar, porque a maioría da xente que paga a festa dinos que non as queren, que queren orquestras de bailar. E nós temos que facer o que nos piden os que pagan, non?
– Iso significa que esta Comisión de festas seguirá o ano que vén?
En principio a directiva da asociación escolleuse por un ciclo de dous anos. Cando rematen estas festas faremos balance e veremos. Eu xa teño comentado que a miña idea era deixalo canda o Xixí. Se seguín este ano foi porque mo pediron os compañeiros, xa que eu era o que máis controlaba como se facía todo. E este ano levei moito o peso de case todo. Para o ano teño que repartir máis responsabilidades, porque se non véxome sen poder deixalo ata que teña 85 (risas).
Cando rematen os dous anos polos que se escolleu esta directiva, faremos balance e veremos.
– Non estaría mal, a ver se alguén é capaz de bater os anos do Xixí á fronte da Comisión. Outra pregunta que tamén ten que ver cos gastos. Vós tamén notastes a subida da luz de cara ás festas?
E tanto! O do prezo da luz e o combustible é algo que nos trouxo de cabeza e que supuxo un ha distorsión orzamentaria moi grande. O custo da instalación eléctrica e o alumeado duplicouse con respecto a 2019. Aí tes o prezo dunha orquestra das caras!
Isto foi un problema co que non contábamos. Alá nos vai o orzamento. Este ano estes custos vanse a un 14% do orzamento. É unha burrada. Que facemos? Sacamos luces? Iamos oír as reclamacións en soños.
Entón decidimos que, xa que temos que gastalos, ímolo facer de forma diferente. Tomamos a decisión de reducir á metade a densidade dos arcos de luz polas vías de acceso (O Pazo, Rinlo, Tanxil, As Cortes): quitamos un de cada dous. E xa nos desculpamos por adiantado, só agardamos que comprendades por que.
A cambio, reforzamos o alumeado polo centro da vila, con algúns elementos novos que inviten a sacarse unha foto para as redes sociais. Agardamos que vos gusten e que unha cousa compense a outra.
O gasto en alumeado e instalacións eléctricas duplicous con respecto ao 2019.
– Este ano hai cousiñas novas no cartel, como a verbena especial do sábado, coa Banda da Escola de Música e a actuación de Silvia Ferre e o José Manuel Domínguez. Por que este cambio en lugar de contar con dúas orquestras como era habitual?
Aquí pasaron dúas cousas case simultáneas. Por unha banda, tivemos a proposta da Escola de Música de Rianxo de facer este espectáculo que eu creo que vai ser único. Non creo que atopedes nada similar en ningunha outra festa. Faime certa graza porque recordo que cando era pequeno era habitual que en moitas das festas con verbena, que había un mundo delas (Santa Rita, San Roque, os Dolores, Santo Bartomeu, Sacramento…), moitas veces había unha orquestra e actuación da banda de música.
Isto foise perdendo cos tempos, claro. Por iso me fai especial ilusión que a banda recupere ese protagonismo na verbena. Prometen facer bailar, ademais con eses dous artistas moi queridos polo público de Rianxo.
Pois esta proposta da banda veu como auga de maio xusto cando estabamos a pensar en darlle unha volta ao sábado. Por que? Como xa comentei, as orquestras o sábado son moi moi caras. Calquera orquestra económica o sábado ponse a prezo de ouro. Todos os anos nos din que as orquestras do sábado (un dos días nos que máis xente vén), son malas.
Ante isto, pensamos, fixemos contas, e chegamos á conclusión de que se o sábado quitábamos unha orquestra, gañábamos folgura para poder poñer outra proposta diferente. Xusto nese momento chegou a proposta da Banda de Música e completouse o tema co ofrecemento dun concerto por parte do Concello. Mallado! Tiñamos un sábado diferente. Sabíamos que ao mellor non a todo o mundo lle gustaba, pero non se pode dubidar de que a aposta é, certo, arriscada, pero tamén completa. E por se acaso, decidimos completalo cun DJ que move moita xente de moitas idades e cun repertorio moi variado.
E a ver que tal sae. Sabemos que houbo moito murmurio co tema, pero temos que dicir que quedamos ben orgullosos co resultado.
Faime ilusión que a banda recupere protagonismo na verbena, neste caso será o sábado.
– Este ano celébrase o 75 aniversario da composición de “Ondiñas da nosa ría”, a canción que hoxe coñecemos como “A Rianxeira”. Que tedes preparado para celebrar unha data tan significativa?
Bueno, supoño que xa viches o cartel anunciador das festas, o mural que pintou o autor, Doctor Toy, e o merchandising que sacamos. Ademais dámoslles aos veciños que colaboran co donativo completo que pedimos (ou o reducido se lles corresponde) unha bandeiriña para decorar o balcón para que os de fóra aprendan a dicir “non te embarques”.
Aínda quedan algunhas cousas: os vasos reutilizables, que levan a letra da Rianxeira tamén para que non se confundan ao cantala, o pregón das festas, que vai virar en torno a esta efeméride, e nas bengalas ímoslle propor a unha das orquestras que cante a letra orixinal do “Ondiñas da nosa ría”. Non sei se me deixo algo.
– O feirón mariñeiro e as bengalas son dos momentos estelares das festas. Algunha novidade que poidas contar para este ano?
O Feirón vai na liña de sempre. As novidades foron para outros lados, así que deixamos o Feirón tal e como é, eu coido que abonda con que o haxa, que hai moitas gana del!
E para as bengalas o que xa dixen: facerlle unha homenaxe á letra orixinal.
Iso si, queremos o campo da festa libre de vidro, pero tamén de lixo. Temos a intención de incidir, xunto co Concello e a Policía Local, na prohibición con ameaza de sanción para quen leve vidro ao campo da festa ou deixe lixo guindado no chan.

– O traballo da Comisión non é fácil e sempre estades expostos ás críticas. Como as levades? Estades moi pendentes do que comenta a xente nas redes sociais?
A verdade é que si que miramos bastante o que se comenta nas redes sociais. Incluso recibín algún comentario nas miñas redes persoais. Eu vexo os comentarios críticos. Gústame velos. Creo que hai que aprender das críticas, porque cada quen ten o seu punto de vista e os seus gustos. Tamén é certo que por cada comentario negativo hai 40 positivos e moitos máis dedos para arriba que cariñas enfadadas.
Pero queremos que entendades que cando deseñamos as festas tentamos non deixar a ninguén atrás. Si que temos unhas tendencias principais, claro, porque as enquisas que fixemos dannos unhas directrices moi claras do que quere a gran maioría da xente. Pero tamén lemos a letra pequena, as opinións de xente que pide outras cousas: máis DJs (e este ano témolos!), máis folk, máis rock (perdemos moito coa “emancipación” do Rock in Rian), máis bandas de música, máis cousas para nenos, máis días de festa, menos días de festa, orquestras máis caras, orquestras de bailar, máis reguetón, nada de reguetón…
– Supoño que ao final se trata de buscar un equilibrio.
Cada un pide para si mesmo. Entón temos que afinar tentando poñer de todo un pouco e tendo en conta, tamén, quen colabora coa festa.
E poñemos cousas que a moitos da comisión non nos gustan! A min en particular non adoita gustarme o repertorio da maioría das orquestras. Pero teño que entender que é o que pide a xente: a xente máis maior pide orquestras clásicas, de pasodobres e copla; a xente máis nova pide orquestras cun repertorio actual. Pero ao final a orquestra que máis nos piden e insisten en que traiamos é a América de Vigo, que ten un tipo de fan moi definido, e que posiblemente sexa aborrecida polos outros dous colectivos de antes. Como contentas a toda esta xente tan diferente? Pois traendo de todo un pouco.
Hai compañeiros e compañeiras aos que non lles gustan as bandas de música, pero non se nos ocorrería quitalas. Ou os DJs a outros, pero entenden que ten que habelos. E así con todo.
O primeiro que lle dicimos a quen nos critica é: vén á Comisión. Así achegas a túa visión. Agora ben, despois que non pretenda que todo sexa como el ou ela quere, claro. As decisións da Comisión son democráticas. Case todas (risas).
Como contentas a todo o mundo? Traendo un pouco de todo.
– Algún comentario curioso en redes sociais que lembres?
Pois mira, eu tento tomar as cousas con humor. Cando alá por febreiro ou marzo publicamos cal era a nova comisión de festas, alguén comentou “Non me gusta nada o presidente, nada de nada”. Contesteille, desde o meu perfil persoal, “A min tampouco”. Non podo estar máis de acordo con el ou ela! Se alguén quere ser Presidente da Comisión, que erga o brazo que lle deixo xa o sitio, co permiso do resto da Comisión.
Que eu afán de protagonismo non teño ningún. Non me gusta falar na tele, nin as fotos, e dáme pánico pensar nos momentos nos que teña que dirixirme á xente cun micro na man. Probablemente acabe debaixo do palco en posición fetal. Iso era o bo de traballar baixo a sombra do Xixí, que eu traballa na sombra, organizaba unha chea de cousas pero o protagonismo levábao el. Se che digo a verdade, é o que máis boto de menos, a falta de anonimato. Que se dirixan a min coma “Presi” ponme colorado.
Algún outro comentario que recorde… Pois si, mira, acusáronme de ser amigo de Roi Casal. Curioso. Nunca o vin, nunca estiven con el, nunca fun a un concerto seu, nin escoitei ningún disco seu. O único que vin foi algúns vídeos antes da votación que fixemos na Comisión para o concerto que traeríamos para o sábado entre os que se nos ofrecían por parte do Concello… e nin sequera votei por el! A miña opción era outra.
Pero é o mesmo, defendo o resultado porque a decisión da Comisión é soberana. Bailaremos ao son de ritmos cubanos. Precisamente eu, que en xeral non me gusta a música latina! En fin. É festa. Todo me vale.
E outra anécdota que lembro é que me dixeron que oíran por aí que “o presidente da Moreniña non pagou as festas do Carme”. Cando realmente creo que paguei dúas veces.
O campo da festa ten que estar libre de lixo. Gustaríanos que ao rematar a festa quede como cando empeza.
– Que outra cousa che gustaría destacar ou transmitir aos rianxeiros que van desfrutar da Guadalupe?
O primeiro: non che gusta algo? Dínolo. Sen problema e con respecto. E anímate a formar parte da Comisión de Festas.
O segundo: queres orquestras caras? Pois apoquina!
O terceiro: non sexas landrú. O campo da festa ten que estar libre de lixo. Gustaríanos que ao rematar a festa quede como cando empeza. É tan difícil non deixar bolsas e botellas alí no medio?
E o cuarto: imos cometer erros. Ás veces despistámonos. Case todo ten unha explicación, polo que se nos preguntas, estaremos encantados de contarche.
E bueno, o quinto: goza destas festas como se houbese tres anos que non as gozas, pero, sobre todo, con sentidiño!
Unha resposta a “Carlos Ces: “Goza destas festas como se houbese tres anos que non as gozas””