Entrevista a Julián Bustelo, candidato á alcaldía de Rianxo por Rianxo en Común

14 Mai

Velaquí o cuestionario que lle realizamos a Julián Bustelo, que se presenta a través do partido Rianxo en Común á alcaldía de Rianxo.

– Cóntanos un pouco sobre ti para que non te coñeza (onde vives, a que te dedicas, experiencia…).

– O meu nome completo é Julián Bustelo Abuín, son de Traba (Araño) e traballo como arqueólogo. Presenteime ás elección por primeira vez fai catro anos e dende entón son o Voceiro de Rianxo en Común no Pleno da Corporación.

– E agora fálanos da vosa candidatura. Como resumirías a xente que vai nas listas de Rianxo en Común?

– A candidatura de Rianxo en Común está formada por 23 homes e mulleres de diferentes puntos do noso municipio, persoas formadas, con experiencias diversas dende o punto de vista laboral e, sobre todo, con gañas de traballar para recuperar Rianxo.

– Es o único candidato dos que se presentan este ano que repite. Non sei se cres que iso te beneficia ou te prexudica?

Recentemente escoitelle dicir ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, nun acto no que coincidimos, que non se pode ser un bo alcalde sen pasar antes pola oposición. El estivo oito anos. A experiencia que gañamos durante este tempo na oposición e, sobre todo, o contacto con moita xente do noso municipio, de sectores e entidades diversas, creo que é un valor engadido á nosa candidatura.

– Por outra banda, sodes o único partido “independente” que se presenta. Non tedes detrás unha grande estrutura nin gobernades noutras administracións. Consideras que iso vos pode restar votos?

– Ser un partido coma o noso ten supón algunha dificultade, especialmente nestas datas nas que outros grupos contan con abundantes recursos para facer campaña. Porén, o que nos diferenza con eses outros grupos é fundamentalmente que o que nós facemos ou deixamos de facer decidímolo nós e, do mesmo xeito, cada unha das medidas que integran o noso Programa de Goberno está aí porque as persoas que formamos Rianxo en Común así o decidimos. A nós ninguén, nin dende Santiago nin dende Coruña, nós di o que temos que dicir, o que podemos reivindicar ou non, temos as mans libres para defender os intereses dos veciños e veciñas de Rianxo e penso que iso é positivo.

– Por que te presentas ás eleccións á alcaldía de Rianxo?

– Preséntome a Alcaldía porque nacín e crieime en Rianxo, e quero o mellor para o meu pobo. Neste últimos anos os sucesivos Gobernos do Partido Socialista e do BNG foron incapaces de darlle ao noso municipio o rumbo que necesita, moi ao contrario, déixano á deriva… Quero traballar para recuperar Rianxo para a súa xente, recuperar o seu tecido comercial e a vitalidade das súas rúas e aldeas, recuperar un Rianxo amable coa rapazada e coas persoas maiores, cuns servizos públicos adecuados en cada recuncho do municipio.

– Como cres que foi o traballo do actual goberno municipal nestes últimos catro anos?

– O actual Goberno bipartito caracterizouse por unha total falta de iniciativa e incluso unha certa deixadez en certas cuestións. A pesar de ser un Goberno bastante amplo, constituído por 10 persoas, e con dúas dedicacións exclusivas e tres parciais, encamiñámonos hoxe cara as eleccións municipais cos mesmos problemas sen resolver que hai catro anos, sen que apenas se avanzase en cuestións transcendentais como o coidado das aldeas, a recuperación do tecido comercial, a mellora e ampliación dos espazos de reunión e de práctica deportiva, a ecoloxía…

– E como cualificarías o traballo que realizastes de oposición dende Rianxo en Común?

– Sinceramente creo que hai pouco que reprocharlle ao traballo que fixo Rianxo en Común durante estes últimos catro anos, dentro e fóra do Concello. Seguro que cometemos erros ou que certas cuestións as poderíamos facer de outro xeito, pero unha vez máis fomos o Grupo Municipal que máis iniciativas levou ao Pleno. Fomos críticos co Goberno bipartito, pero cada crítica foi sempre acompañada dunha proposta e a nosa man estivo sempre tendida. Ademais, durante a pandemia da Covid-19 puxemos todo o noso tempo e todos os nosos recursos para tratar de axudar, aínda dentro das nosas posibilidades, en todo canto puidemos. Así, por exemplo, puxemos en marcha un servizo de impresión de tarefas escolares para que o alumnado rianxeiro que non tivese conexión a internet ou que non dispuxera de impresora na casa, puidera estar ao día.

– Imaxina que es elixido alcalde. Cal sería a primeira medida que tomarías?

– Resulta difícil contestar a isto cando hai tanto que facer e cando o estado das cousas non o chegaremos a coñecer ao 100% ata que tomemos posesión. Porén as cuestións que abordaremos á maior brevidade será a elaboración dun Plan Parcial para dotarnos de novo chan industrial nunha nova localización, así como a realización dunha auditoria enerxética para axustar os contratos e os consumos ás nosas necesidades reais e poder así aforrar nesa materia canto antes.

– E que outra medida, máis de longo alcance, consideras imprescindible abordar en Rianxo?

– Temos sobre nós unha espada de Damocles debido á continua perda de poboación. Se continuamos ao mesmo ritmo que nestes últimos anos, moi probablemente no ano 2030 caeremos do 10.000 habitantes, con todo o que iso supón. Temos que traballar para evitar iso, para frear o descenso poboacional e mesmo para revertelo. Non é imposible, municipio como Boiro ou Ribeira veñen gañando veciños e veciñas nos últimos anos e A Pobra do Caramiñal conseguiu frear o descenso que viña experimentando.

– Vaiamos ao programa de Rianxo en Común. A nivel económico, que propostas tedes?

Como xa anunciamos, crearemos a Área de Planificación Económica, Emprego e Emprendemento, que dependerá directamente da Alcaldía, co fin de centralizar toda a estratexia municipal relacionada co desenvolvemento económico e/ou políticas de emprego, potenciando a relación colaborativa co noso tecido empresarial e comercial coa finalidade de lograr recuperar a economía local e, en particular, o pequeno comercio.

Ademais, darémoslle prioridade total á dotación de novo chan industrial nunha localización diferente á actual e vincularemos isto á creación e posta e funcionamento dun Viveiro de Empresas para axudar a quen queira montar un necogio e non teña capacidade de alugar un local.

Por outro lado, convertiremos o Mercado Municipal nun referente comercial dos produtos locais, realizando nel as melloras necesarias e potenciando a diversificacións de funcións. Á vez, buscaremos financiación para emprazalo noutra localización.

– Unha cuestión da que se fala dende hai anos é do esmorecemento do comercio local. Cales serían as vosas ideas neste tema?

A cuestión do comercio local foi unha teima de Rianxo en Común durante estes últimos catro anos, e a súa recuperación seguirá ocupando un lugar prioritario na nosa axenda de Goberno.

Crearemos un banco municipal de locais en alugueiro, de tal xeito que o Concello xestione o aluguer dos locais voluntariamente incluídos no mesmo a prezos razoables e por debaixo do mercado, para desenvolver proxectos comerciais por un mínimo de cinco anos.

Redactaremos e aprobaremos unha nova ordenanza de tramitación coa finalidade de reducir e simplificar os trámites para a obtención de licenzas de actividade, funcionamento, obras, etc., e, á súa vez, aprobaremos unha nova Ordenanza Fiscal relativa á instalación de terrazas máis xusta co noso sector hostaleiro para que o que pasou este ano non volva a acontecer.

– A nivel social, que propoñedes na vosa axenda política?

– Crearemos a Concellería de Maiores e Benestar Social. Como vimos dicindo, e stamos en débeda cos nosos maiores e é a nosa obriga escoitalos e ter en conta as súas opinións, preocupacións e gustos co obxectivo de satisfacer, na medida do posible, as súas demandas.
Seguiremos traballando para ter en Rianxo, dunha vez por todas, un Centro de Día, e darémoslle prioridade a reforza o Servizo de Axuda no Fogar pola vía da súa xestión directa por parte do Concello de Rianxo. Ademais, crearemos unha liña de axudas destinadas a promover a autonomía persoal e a accesibilidade. A finalidade destas axudas debería ser a de apoiar á persoa con axudas técnicas ou produtos de apoio para o normal desenvolvemento da vida diaria, facilitar adaptacións funcionais do fogar e eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda, así como a adquisición de próteses dentais e audiófonos ao obxecto de compensar as limitacións funcionais.

– Se houbese que determinar as dúas queixas habituais dos veciños, seguramente serían o asfaltado das pistas e a limpeza da vexetación. Como abordarías estes temas?

– Tal e como recoñemos no noso Programa de Goberno, poremos en funcionamento un Plan Municipal de Vieiros coa finalidade de organizar e estruturar as actuacións sobre os diferentes camiños e pistas, superando a tradicional e ineficaz política de rebacheo e de asfaltados electoralistas. Apostaremos por aplicar criterios obxectivos que veñan a regular e organizar a actuación sobre as múltiples pistas e camiños da extensa rede viaria de titularidade municipal, orzamentando a atención inmediata aos casos máis urxentes con fondos propios.

Ademais, canda o anterior, elaboraremos e publicaremos un calendario anual de limpeza de beiravías e cunetas coa finalidade de organizar estas actuacións e que sexan coñecidas polos veciños e veciñas, tal e como fai, por exemplo, o Concello de Outes.

– Que outras cuestións do voso programa político destacarías?

– Resulta difícil destacar algunha delas, posto que o noso Programa de Goberno está integrado por un total de 89 medidas integradas no que denominamos “10 compromisos con Rianxo”. Para que calquera veciño ou veciña poida coñecer o noso Programa de Goberno vimos de crear unha páxina web especificamente para difundilo: https://rianxoencomun.org/programa/

– Algo que sempre dá moito que falar é o soldo de alcalde. Consideras que a remuneración actual é adecuada? Propoñedes algún cambio?

– Hai publicados algúns disparates que levan a pensar que todos os Alcaldes, ou mesmo todos os representantes públicos teñen unhas salarios esaxerados, pero non é de todo así. Ao meus entender, a cuestión dos soldos dos cargos públicos non é tanto a contía senón se o traballo que o dito cargo desenvolve é coherente co salario que percibe. Durante estes anos tivemos exemplos de persoas que estiveron percibindo un salario mais das que non se pode destacar ningunha acción meritoria.

– Cal serían para ti uns bos resultados e cales serían uns malos resultados nestes comicios? Cales son os obxectivos da vosa formación?

– Nós aspiramos a liderar o cambio en Rianxo, para iso nos presentamos á eleccións, e ademais estamos preparados para facelo.

– Nun escenario político onde as maiorías absolutas son cada vez máis complicadas de conseguir, considerades factible tela en Rianxo? Estades abertos a pactos con outras formacións?

– Falar de maioría absoluta é descoñecer a realidade do noso municipio. Nos aspiramos a ser a lista máis votada o vindeiro día 28 de maio e a liderar o cambio en Rianxo, pero sabemos que para Gobernar teremos que dialogar coas demais forzas políticas da Corporación Municipal, e ademais é bo que así sexa.

– No caso de estar abertos a pactos, cales serían para vós as liñas vermellas ou innegociables?

– Nós estamos abertos a falar con todos os partidos que constitúan a Corporación Municipal que saia das eleccións do vindeiro día 28 cunha única condición, que queiran traballar por Rianxo e que asuman que as decisións se teñen que tomar en Rianxo en función das necesidades dos veciños, non que estas necesidades sexan vistas a traves dos intereses dos partidos

Nós non temos máis aspiracións de intereses partidistas de ningún tipo, presentámonos ás eleccións para liderar o cambio e traballar por e para Rianxo, quen queira facelo con nós será benvido.

– Por último, a pregunta que sempre facemos. Por que os veciños de Rianxo deberían votar por ti nestas eleccións?

– A solución aos problemas que a día de hoxe afectan ao noso municipio non vai vir dos partidos que nos levaron á situación na que nos atopamos. Durante este tempo lideramos a oposición ao Goberno do Partido Socialista e do BNG e demostramos que somos a alternativa que Rianxo necesita.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: