Entrevista a Oscar Rial, candidato á alcaldía de Rianxo polo PSOE

19 Mai

Oscar_Rial_1

Velaquí o cuestionario que lle realizamos a Oscar Rial, que se presenta a través do PSOE á alcaldía de Rianxo.

– Cóntanos un pouco sobre ti (onde vives, a que te dedicas, experiencia…).

– Boas, son Oscar Rial Lago, teño 42 anos, nacido en Isorna, onde teño un sentimento de pertenza moi grande a pesar de que vivín en Rianxo dende os 2 ata os 29 anos, xa que é a terra onde viven meus avós e gran parte da miña familia. Tamén vivín en Boiro e, na actualidade, levo 7 anos vivindo na Laxe Pequena, en Taragoña, coa miña muller Yolanda (Yoli) e os meus tres fillos: Sofía, Manuel e Pedro.

Son Diplomado en Educación Física, Licenciado en INEF, Curso Superior de Xestión de Instalacións deportivas e máster en Xestión de Instalacións Deportivas, ademais de ter moitos cursos específicos para desenvolver o meu traballo da forma máis profesional posible (pilates, ioga, taichí, …)
Son actualmente o director da piscina municipal, que xestiona a empresa BEONE. Dende o 2015, que comecei neste posto, sempre tivemos o obxectivo de mellorar. Tiñamos claro que a piscina debía ser un impulso no funcionamento social e establecer unha relación continua co Concello, coas asociacións, clubs, empresas… e tamén manter esa perspectiva de traballo coa sociedade en materia medioambiental, pois fomos impulsores de varios proxectos, como a plantación dunha árbore autóctona por cada 500 metros nadadas ou andainas ecolóxico-formativas en colaboración co movemento veciñal Fousas ao Monte.
Traballei no Concello de Rianxo como animador deportivo, participando primeiro nun programa de concellos saudables e, con posterioridade, sendo monitor de actividades deportivas en Asados, Leiro, Isorna, Taragoña e Rianxo. Dábamos clases ós maiores, pero tamén actividades multideportivas para nenos e nenas.
Esta é a miña primeira experiencia no ámbito político, que afronto con moita ilusión. Moitos dos procesos de traballo xa sei como funcionan debido o meu período laboral no Concello de Rianxo dende 2004 a 2009, e como Director da Piscina Municipal, onde temos que facer trámites e procesos continuos coa Administración Local.
Ademais, o traballo feito estes 8 meses de estudo, de visitas, de formación… permítennos ser claros e directos no que queremos conseguir, e que aspectos debemos reverter e, sobre todo, como facelo. A nosa máxima é decidir e facer

– E agora cóntanos como é a candidatura do teu partido. Como resumirías a xente que vai nas listas do PSOE?

– En primeiro lugar nós somos un equipo. O concepto de lista que se impón de forma tradicional fai referencia a unha orde simplemente, pero nós queremos darlle valor ás persoas coas que traballamos e afrontamos este proxecto. Temos un formato de asemblea onde decidimos e achegamos todos e todas, xa que unha das máximas deste proxecto é ter a capacidade de delegar e confiar no traballo das persoas, para que así o funcionamento municipal sexa o correcto. O meu traballo como Alcalde, como xestor, irá en camiñado a guiar, na busca de recursos, no seguimento de proxectos, en facer o seguimento do noso plan director nos catro obxectivos que estruturamos o noso proxecto
Para a súa configuración elaboramos un DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) co fin de escoller as mellores persoas para desenvolver este proxecto ambicioso e esixente.
Temos un equipo con mesura, con capacidade de escoitar, coas ideas claras de como debemos traballar, sendo a coherencia o punto clave do noso equipo.

É a primeira vez que te presentas á candidatura á alcaldía. Curiosamente, este ano hai moitas caras novas na política rianxeira. Cres que isto te beneficia ou te prexudica en canto que acabas de “chegar”?

– Non valoramos esta opción como algo determinante. Cando me dixeron ser director da piscina municipal, o meu posto era monitor e dar ese salto non me custou, ó igual que agora afrontar este reto tampouco nos vai sobresaltar, xa que estamos acostumados a prestar atención ó público, facer balances, tomar decisións importantes, etc.
Non o valoramos nin de forma positiva nin negativa, simplemente remarcamos que para ser alcalde hai que querer selo, de forma voluntaria, e porque temos o convencemento de facelo co esforzo e ilusión que require este posto. Damos este paso, porque cremos firmemente que temos opcións de poder contribuír con moita capacidade de traballo, de xestión eficaz e eficiente.
Non nos preocupa ser “novatos”. Nesta vida ninguén naceu aprendido, pero estar na oposición ou formar parte do goberno tampouco é sinónimo de ser bo alcalde, xa que a experiencia que vimos estes últimos anos é unha oposición dubitativa, negativa, non ofrecendo solucións, nin axuda e incluso votando en contra de levar abastecemento e saneamento ós veciños e veciñas, e mostrando no seu programa certas carencias de xestión moi importantes. E no referente ó Goberno igual: o noso partido fixo autocrítica e decidiu cambiar. Por iso estamos aquí. Os outros partidos deciden seguir unha liña continuista.

– A nivel estatal o PSOE é quen goberna. Consideras que isto vos pode axudar?

– O noso proxecto é Rianxo, polo Rianxo que queremos. Esta candidatura é nova e ten unha visión de traballo antagónica, contraria á actual, baseada na xestión, na boa xestión, e no uso de recursos de partido para mellorar Rianxo. As decisións de Rianxo tómanse en Rianxo e para a mellora dos veciños e veciñas.
Todos temos as mans libres e limpas, para iso estamos aquí, para ofrecer transparencia. Ter un partido detrás como o PSOE é importante, por suposto, porque por exemplo á hora de concorrer a unhas eleccións municipais nos soporte formativo, estrutural, loxístico e organizativo para non cometer erros de forma e poder estar tranquilos e coa conciencia tranquila de ter concorrido a estas eleccións sen cometer erros graves. Nós temos a conciencia tranquila.

Oscar_Rial_2

– Por que te presentas ás eleccións á alcaldía de Rianxo?
– Porque creo que teño a capacidade, a ilusión e as gañas de poder facer que a xente do Concello de Rianxo poida vivir mellor mañá do que o fai hoxe. Temos un proxecto baseado en catro obxectivos que podemos desenvolver de forma conxunta, para iso foi deseñado dende a xestión organizativa, e analizando todos os procesos para este proxecto sexa exitoso.

– Como cres que foi o traballo do actual goberno municipal nestes últimos catro anos?
– Cando comezamos esta candidatura decidimos facer dúas cousas que nos marcan e diferencian.
Primeiro, ser coherentes. Por exemplo, non dicir que fas facer só mantemento e limpeza, e que as obras ou proxectos non son importantes, e despois presentes proxectos novos de importes elevados. Ou dicir que imos abrir o consultorio de Taragoña, cando foi o seu propio partido o que pechou, ou dicir que vas atender ós veciños, e xa levas 8 anos no goberno e non o fixeches. Por iso o noso proxecto está baseado na coherencia.
Segundo, ser positivos, facer comunicación positiva. Estamos cansos de ver como se menospreza a imaxe de Rianxo, os seus empregados, servizos, etc, porque cando critican Rianxo fano a todos os niveis e a todos os sectores. E aínda que é certo que hai deixamento, o traballo político debe ir encamiñado a procesos de mellora, non a reproches de pasado. Debemos propoñer melloras de futuro, solucionar problemas e non lamentarnos do mal que estamos e que nós imos ser a panacea. Debemos facer propostas serias e valoradas, para fiscalizar o traballo mais tamén para cooperar.
O noso proxecto é de futuro, 24-35, cun plan director claro, que nos serve de guía para poder tomar decisións cara onde queremos avanzar.

– O PSOE foi un dos socios das anteriores lexislaturas no concello de Rianxo. Como cualificarías o labor da vosa formación?

– Pois coa mesma idea que antes: o noso partido foi crítico cambiando de candidatura. Creo que esta explicación xa é bastante significativa, como para entrar en detalles de valoración. A nosa forma de traballo é totalmente antagónica á actual: planificación, análise, medición, control, valoración, visión de desenvolvemento, mesura, empatía, etc.

– Imaxina que es elixido alcalde. Cal sería a primeira medida que tomarías?

– Esta cuestión xa a temos pensada e o primeiro será analizar a situación real do Concello: económica, funcional, contractuais,… pero sen que isto supoña unha parálise de funcionamento. Todo cambio debe ter o seu proceso temporal asociado. En base a isto iremos tomando decisións para ir xerando ese cambio que temos valorado.

– E que outra medida, máis de longo alcance, consideras imprescindible abordar en Rianxo?
– Todo é importante e, como xa comentamos, temos previsto facer liñas de actuacións simultáneas, xa que así o deseñamos no proxecto: poder delegar e ter actuacións simultáneas en cada obxectivo de proxecto. Pero o prioritario é poñer en marcha o proxecto de residencia e conseguir facer un plan de mobilidade intercomarcal mediante liñas de buses interurbanos, un proxecto que ó noso entender é prioritario e necesario para a comarca do Barbanza e do Sar. Habilitar espazos socio deportivos, facer as obras de saneamento e abastecemento que falten, aínda que isto debe tamén ir vinculado a un proceso de licitacións, de todos aqueles contratos que están en precario a día de hoxe.
Pero tamén o é recuperación de sendeiros locais (camiños de pé e de carro) como medio de comunicación interparroquial, conseguir a liña de desafectación de Portos, para poder tomar decisións sobre as nosas terrazas da fachada litoral, para decidir sobre a nosa fachada, e non pagar a Portos polo auditorio e o parque de Galicia, conseguir habilitar as vivendas dos mestres, plan de mantemento e limpeza, comezar a propoñer proxectos de ampliación de solo industrial e así un longo etcétera. Son moitas cousas prioritarias e necesarias.
Outros proxectos de interese serán a unificación dos servizos municipais e a posta en funcionamento da “Casa da Música”, onde as asociacións de Rianxo teñan un espazo no que reunirse, medrar como colectivo e organizarse de forma correcta.

– Vaiamos ao programa do PSOE. A nivel económico, que propostas tedes?

– Primeiro e facer unha auditoría de contas e, aínda que temos xa unha visión xeral de funcionamento ingreso gasto, é determinante ter o dato real. Queremos ter uns presupostos reais, aprobados e que permitan diminuír o prazo de pago de facturas a provedores, xa que reducir este proceso tamén reduciría os importes de presuposto presentados, dada a confianza de pago que xeramos.
Debemos encamiñar os gastos á mellora de servizos, buscar acordos público-privados para dotar de persoal a aqueles departamento minguados polo número de efectivos. Isto implica que teremos mellores servizos a coste de ter menos inversión en outros aspectos, pero conseguiremos de novo que o noso pobo e os nosos veciños e veciñas estean atendidas.
Outra proposta é a execución de proxectos e a captación de recursos externos: subvencións, fondos europeos, etc En primeiro lugar debemos traballar cunha consultora externa mentres non temos claro a reorganización de funcionamento municipal, xa que asumilo como xestión propia sería colapsar seguro o funcionamento interno e iso repercute de forma negativa nos veciños e veciñas.

Oscar_Rial_4

– Unha cuestión da que se fala dende hai anos é do esmorecemento do comercio local. Cales serían as vosas ideas neste tema?

– Debemos apostar por aplicar liñas directas de axudas, liñas indirectas, plan formativos, plans de mantemento de emprego. No referente ás liñas directas debemos apostar por dar subvencións directas ás asociacións, condicionadas a unha presentación de proxectos, planificados, estruturados, periodificados e cun control de resultados de campañas que nos permitan afianzar as propostas.
Nas liñas directas tamén estarían incluídas as facilidades para novos emprendedores: nós seríamos intermediarios de programas de axuda entre entidades bancarias, arrendatarios e propietarios. O sistema de carencia de pago bancaria, así como axudas directas dende o Concello por nova apertura, e tamén carencia no aluguer ata ter actividade económica, serán importantes para fomentar a apertura de negocios e, ó mesmo tempo, darlle a seguridade ó propietario mediante alugueres de duración mínima de 2 anos.
Tamén é importante un proxecto de mantemento de emprego naqueles negocios onde non haxa relevo xeracional pero si estean funcionando e sexan importantes para Rianxo.
Debemos buscar fomentar o asentamento poboacional no casco antigo, modificando normativas de uso deses espazos.

– A nivel social, que propoñedes na vosa axenda política?

– Son moitos aspectos a ter en conta neste eido. Sen dúbida, o servizo de Axuda no Fogar é determinante para Rianxo e debemos facer unha valoración de funcionamento, xa que por máis que escoitamos que se vai facer un informe, a día de hoxe non temos nada e iso supón retrasar a toma de decisións.
Temos un proxecto de centro residencial para desenvolver, que é determinante para Rianxo. Xunto coa habilitación de espazos terapéuticos e de uso social, permitirán ós maiores do noso concello desfrutar de espazos e servizos de calidade.
Debemos falar tamén da vivenda dos mestres, xa que poñelas en funcionamento é determinante, destinadas a que a xente que viva soa e queira ocupar este espazo o poida facer vinculada ó cumprimento dunha serie de criterios que leven asociados o mantemento da poboación no rural, mediante o aluguer da súa vivenda, por exemplo. Este proxecto hai que redactalo canto antes e poñelo en funcionamento.
Mencionamos tamén aquí o plan de mobilidade, para apoiar á xente maior que vive no rural. Isto, acompañado coa descentralización de eventos e formacións, permítenos apostar por un modelo social diferente ó actual.
Recuperaremos a casa de Don Antonio, a antiga clínica vella, destinada a ser a casa dos mariñeiros, un espazo de uso libre para que poidan votar a súa partida, etc.

– Se houbese que determinar as dúas queixas habituais dos veciños, seguramente serían o asfaltado das pistas e a limpeza da vexetación. Como abordarías estes temas?

– Pois como xa manifestamos nas asembleas que fixemos en todos os lugares do Concello: inventariar, organizar tarefas prioritarias e necesarias, planificar e xestionar as obras a desenvolver mediante un seguimento técnico das mesmas, facer cronogramas de actuación, informar ós veciños e veciñas das actuacións a desenvolver e fomentar que as áreas departamentais estean dotadas de persoal suficiente, profesionalizadas no referente ó uso de maquinaria. Tamén debemos explorar a xestión público-privada no sector servizos, pero planificada para dinamizar o funcionamento destas dúas áreas tan importantes.
Así mesmo, revisaremos as ordenanzas actuais para determinar o seu funcionamento e, de ser o caso, modificalas para buscar unha actualización de procesos acordes á situación actual de funcionamento.

– Que outras cuestións do voso programa político destacarías?

– Temos un programa equilibrado. Pódese consultar toda a información en https://agrupacionespsoe.es/rianxo/ Está feito para desenvolver tódalas áreas de funcionamento municipal e poñer os servizos municipais ó servizo de veciñas e veciñas, e as persoas como centro de todas atención.

– Algo que sempre dá moito que falar é o soldo de alcalde. Consideras que a remuneración actual é adecuada? Propoñedes algún cambio?

– Creo que non é un aspecto importante para min. O alcalde creo que ten un bo soldo, o que si é importante é que as persoas que estean dirixindo e formando parte deste proxecto estean implicadas ó 100% e si é determinante que esas persoas teñan remuneración, para poder desempeñar as súas funcións.
O cambio máis grande que podemos propoñer é o funcionamento interno, non en base ó salario de Alcalde.

Oscar_Rial_3

– Cal serían para ti uns bos resultados e cales serían uns malos resultados nestes comicios? Cales son os obxectivos da vosa formación?
– Queremos gañar con maioría absoluta. Somos conscientes de que é complicado, pero o traballo e a ilusión que xeramos e percibimos nos veciños e veciñas é importante.
A mensaxe de que imos gañar gústanos, mais entendemos que se debe referendar en votos, debemos seguir ata o final e non relaxarnos, xa que todo depende do voto da veciñanza.
Queremos destacar a necesidade de que a xente vaia a votar o día 28 de maio, necesitamos unha mobilización de voto alta para poder cumprir o noso obxectivo.
Todo o que non sexa maioría absoluta non será un resultado favorable. Necesitamos estar por enriba dos sete concelleiros/as como obxectivo mínimo.

– Nun escenario político onde as maiorías absolutas son cada vez máis complicadas de conseguir, considerades factible tela en Rianxo? Estades abertos a pactos con outras formacións?
– Creo que arriba xa o manifestei así: somos ambiciosos e esixentes, levamos cun esforzo de precampaña enorme dende hai 8 meses, creo que é a campaña electoral máis longa da historia de Rianxo, pero vai valer a pena este esforzo para conseguir poder levar a cabo os proxectos e modificacións de funcionamento.

– No caso de estar abertos a pactos, cales serían para vós as liñas vermellas ou innegociables?
– A día de hoxe non estamos pensando en pactar, se ben é certo que non imos ter problema en falar con ningún dos partidos actuais. Hai certos temas que deben ser mediante pacto de partidos (sanidade, educación, economía..) debemos traballar no consenso, incluso tendo maioría, debemos fomentar a participación no goberno dos veciños e veciñas con sistemas de participación activa, e tamén involucrar o resto de partidos en certas decisión e proxectos. É a nosa forma de ver a política local.

– Por último, a pregunta que sempre facemos. Por que os veciños de Rianxo deberían votar por ti nestas eleccións?
– Porque non todos somos iguais nin parecidos, porque a candidatura de Oscar Rial é seria e formal, cun traballo de planificación grande e sabendo cales son aqueles aspectos que debemos reverter para que o funcionamento municipal sexa o correcto.
Nestas eleccións o que se discute é o funcionamento municipal, ter a capacidade de xestionar de forma correcta e eficiente. Iso é o que marca a diferenza. E niso, eu, Oscar Rial, podo ofrecer moito a este proxecto Rianxo 24-35.
Somos un equipo con capacidade de liderar, de achegar solucións dende a mesura e a transparencia, dende a escoita activa e a comunicación.
Somos a única opción que garante un cambio de futuro. Nós somos o futuro de Rianxo.
Oscar Rial debe ser o Alcalde do voso futuro, porque o meu compromiso con Rianxo ninguén o pode poñer en dúbida, nunca.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: