Entrevista a José Luis Castiñeiras, candidato á alcaldía de Rianxo polo PP

21 Mai

Jose_Luis_Castineiras_1

Velaquí o cuestionario que lle realizamos a José Luis Castiñeiras, que se presenta a través do PP á alcaldía de Rianxo.

– Cóntanos un pouco sobre ti (onde vives, a que te dedicas, experiencia…).

– Boas, son José Luis Castiñeiras Lesende, Enxeñeiro Técnico Industrial de profesión con percorrido laboral dende a empresa familiar, sector público a grandes empresas. Toda a miña vida laboral se desenvolveu vinculado ó mantemento industrial e a sistemas de produción, polo que a mentalidade de “servizo ó cliente” a levo poñendo en práctica sempre. Isto é o que debemos conseguir no Concello, asumir que somos un servizo onde a prioridade son as persoas, neste caso os veciños e veciñas de Rianxo.
No eido persoal, nacín na rúa Portiño en Rianxo no ano 1976, e actualmente vivo na aldea de Ourille, parroquia de Taragoña. Estou casado e teño dúas nenas de 14 e 11 anos.

– E agora cóntanos como é a candidatura do voso partido. Como resumirías a xente que vai nas listas do PP?

– Somos un equipo de cara ó publico de 23 persoas, que integran a lista, pero realmente somos un número maior que estamos implicados totalmente co proxecto de mellorar o nos poobo. Este grupo representa a toda a sociedade rianxeira, traballadores do mar, agricultores, obreiros, empresarios, autónomos, estudantes e xubilados. Quixera destacar a estes últimos pola implicación e ilusión que irradian dentro da nosa agrupación (son moi activos e vitais, todo un exemplo para calquera persoa).

– É a primeira vez que te presentas á candidatura á alcaldía. Curiosamente, este ano hai moitas caras novas na política rianxeira. Cres que isto te beneficia ou te prexudica en canto que acabas de “chegar”?

– É certo, como candidatos a alcalde, todos somos caras novas excepto Julián, que repite. Está claro que o que goberna ten vantaxe sobre os demais, pero tras estes últimos anos de goberno BNG-PSOE que non foron nada proveitosos para Rianxo, considero que un cambio na intención de voto debería reflectirse nas vindeiras eleccións do 28 de maio.

– Por que te presentas ás eleccións á alcaldía de Rianxo?

– Non foi unha decisión fácil e foi meditada profundamente no meu entorno familiar. Comentar que sempre me apoiaron en todo momento e que se implicaron conmigo nesta nova etapa vital. Cando dende a xestora do PP de Rianxo mo propuxeron, inicialmente fun reticente pero ó mesmo tempo tiña ganas de reverter esta situación de desgoberno e apatía xeral.

Preséntome porque creo que un Rianxo mellor é posible e creo que podo ofrecer moito para conseguir esta meta. Outros catro anos de goberno BNG-PSOE serían unha perda de cartos e tempo que non nos podemos permitir, é o momento de subirse ó tren do progreso e dinamismo.

Jose_Luis_Castineiras_2

– A nivel galego o PP é quen goberna e o anterior presidente da Xunta agora preséntase ás eleccións ao presidente do Goberno. Consideras que isto vos pode axudar?

– As eleccións municipais (sen ter en conta as grandes cidades) non son extrapolables a outro tipo de eleccións coma as autonómicas ou estatais. A ninguén se lle escapa que si conseguimos a alcaldía, tódalas conversas previas con conselleiros e conselleiras do actual goberno da Xunta, entrevistas cos vicepresidentes e co presidente Alfonso Rueda, permitirannos poder desenvolver unha serie de proxectos que doutra forma sería máis complicado.

– Como cres que foi o traballo do actual goberno municipal nestes últimos catro anos?

– Sinceramente, creo que nestes últimos catro anos foron a evidencia do esgotamento do proxecto BNG-PSOE pero dende hai 8 anos xa estamos sufrindo este deterioro e abandono do pobo. A “puntilla” a todo isto foi a cacarexada construción do centro de día, que se vendeu coma unha realidade inminente e que a día de hoxe non teñen nada desenvolto. Pero o peor, baixo o meu punto de vista, foi o engano á mantenta, de toda a xente que estaba ilusionada con ese proxecto.

– Como cualificarías o traballo de oposición da túa formación na última lexislatura?

– Mellorable. Na primeira parte da lexislatura comezaron moi activos, cunha serie de propostas e iniciativas boas, pero a medida que pasou o tempo producíronse varias baixas e desencontros dentro da agrupación que provocaron que ese labor de propostas, iniciativas e control por parte da nosa agrupación quedase mermada.
Quixera destacar a implicación e compromiso de Alicia (nº 3 da miña candidatura) que sempre mantivo esa implicación persoal co proxecto do PP de Rianxo e sentido da responsabilidade do cargo que ocupaba como membro da corporación e que representou fabulosamente a esta agrupación en tódolos actos institucionais.

– Imaxina que es elixido alcalde. Cal sería a primeira medida que tomarías?
– Reunirme cos tres alcaldables e solicitarlles colaboración para cooperar no proxecto común que é Rianxo. Eu teño claro que esta tarefa nos implicaa todos… Como di o noso lema: Rianxo enre todos. E entre todos faremos que este concello medre e prospere en tódolos ámbitos.
A segunda, quitar a barreira, situada nas escaleiras de subida á alcaldía e que impide falar co alcalde directamente.

– E que outra medida, máis de longo alcance, consideras imprescindible abordar en Rianxo?

– Fálasme de largo alcance, pois agora estamos pagando o abandono das lexislaturas pasadas, cando estamos no 2023 reclamando a día de hoxe un Centro de Día, PXOM, apeadeiro autobuses, saneamento integral, plan de revitalización do casco histórico, ….
Todo isto deberíase ter xa executado e posto a disposición dos rianxeiros para o seu uso e desfrute. Este goberno BNG-PSOE de coalición, foi un despropósito, tiveron tempo e medios para ter feito todo isto e agora tocaralle ó novo goberno que saia neste 28 de maio porse mans á obra e avanzar neste sentido. Pero reitérome no que digo sempre, o Centro de Día é prioritario, se podemos facelo en dous anos que non sexa en catro.

– Vaiamos ao programa do PP. A nivel económico, que propostas tedes?

– Primeiramente facer un balance real de contas e ver cal é a situación económica real, ver as facturas pendentes de pago e, seguidamente, planificar a actividade para buscar liquidez canto antes, xa que isto nos permitirá optar a subvencións e realizar proxectos interesantes. É importantísimo facer unha administración dinámica e áxil. Cantos máis permisos e licencias se tramiten, máis ingresos se obterán nas arcas municipais, e con isto máis recursos para investir no noso concello. Outra ferramenta importante será a captación de fondos e investimentos. Para iso, traballaremos para que as axudas da Xunta, Deputación, Estado Español ou Europa recaian no noso concello. Temos que aproveitar os fondos que as diversas institucións poñen á nosa disposición.

Jose_Luis_Castineiras_3

– Unha cuestión da que se fala dende hai anos é do esmorecemento do comercio local. Cales serían as vosas ideas neste tema?

– Para conseguir esa vitalidade do comercio debemos atacar varios frentes. Un, gañar poboación no casco histórico. Esto é fundamental, os habitantes e residentes somos os que imos demandando comercios e servicios, esta é a forma natural de desenvolvemento. É un equilibrio entre a “lei da oferta e da demanda”.

Dous, facilitar os trámites para apertura de comercio e aplicarlles algún tipo de bonificación. Todos sabemos que os comenzos dunha actividade son os máis difíciles.

E tres, colaborar coas distintas asociacións empresariais para impulsar os seus proxectos, pero tamén debemos intentar a súa unificación. Unha asociación única e forte obtería mais beneficios e sería moito máis eficaz na súa labor.

– A nivel social, que propoñedes na vosa axenda política?

– Creo que quedou claro que nesta lexislatura os temas sociais van a ser determinantes e prioritarios. Ese é o noso obxectivo, conquerir e mellorar os servicios sociais deste concello.
O Centro de Día: comprométome a sacalo a diante, será unha realidade.
Servicio de Axuda no Fogar: temos que dotalo de máis fondos. Actualmente temos máis de 30 familias en lista de espera por este servizo. A Xunta achega anualmente preto de 670.000€ (un 82% do custo do servizo), as familias mediante copago o 16% mentres que o concello de Rianxo soamente contribúe co 2%. Traballaremos para que a lista de espera deste servizo sexa de 0 persoas.
Centro da Terceira Idade: volveremos a traballar para conseguir o desexado centro.
Acondicionamento de espazos: escolas unitarias abandonadas, centros culturais, edificacións municipais. Posta en valor con uso específico e con equipación de mobiliario destes locais.

Jose_Luis_Castineiras_4

– Se houbese que determinar as dúas queixas habituais dos veciños, seguramente serían o asfaltado das pistas e a limpeza da vexetación. Como abordarías estes temas?
– É certo, son dúas das tres queixas mais xeralizadas dos veciños.
Asfaltados: son prioritarios e temos que facer un esforzo inversor para solucionar este abandono. Así mesmo, debemos priorizar as actuacións; de nada me serve reasfaltar zonas en bo estado cando temos outros lugares con fochancas nas pistas. O exemplo témolo este ano na entrada a Rianxo, unha estrada en bo estado que se volveu a asfaltar de xeito previo ás eleccións.
Limpeza da vexetación: actualmente soamente se limpan as cunetas cando hai festa nas aldeas. Debemos cambiar esta situación. Faremos unha planificación para ser máis activos nestas tarefas e actuar con máis frecuencia, optimizando os medios dos que dispón o Concello.
Falta de atención e resposta ós veciños e veciñas: é unha queixa xeralizada a falta de respostas e solución ás demandas e queixas veciñais. Teño claro que somos un servizo público e que o noso traballo consiste en axudar a veciñanza. Debemos mellorar o servizo e prestar unha mellor atención ó público.

– Que outras cuestións do voso programa político destacarías?

– Outras das aspiración que temos, é a potenciación da franxa costeira do Concello. Queremos ampliar o paseo e amplialo nas dúas marxes, chegando ata o porto de Taragoña con continuación ata Beluso. E, pola outra marxe, mellorar a zona de Punta Fincheira e chegar ata Leiro. Rianxo está nun enclave idílico e debe pór en valor toda a súa riqueza paisaxística, cultural e patrimonial. Apostamos forte pola creación de sendeiros amigables coa natureza nos que se poida pasear e ir en bici e que estean relacionados co noso patrimonio (miradoiros, mámoas, cruceiros, casco de Leiro, muíños, hórreos, ríos…).

– Algo que sempre dá moito que falar é o soldo de alcalde. Consideras que a remuneración actual é adecuada? Propoñedes algún cambio?

– Este non é un tema acuciante. Se che digo a verdade, non sei o que cobra exactamente o alcalde. Tendo en conta a responsabilidade que conleva o cargo, considero que este posto debe estar ben retribuído e valorado. Outra cousa é que a execución dese traballo ou o rendemento asociado a ese labor non sexa acorde ó soldo establecido. O importante é xestionar ben, de nada serve ter un alcalde que cobre pouco se co seu traballo non consegue ofrecer beneficios ou melloras para o pobo.

– Cal serían para ti uns bos resultados e cales serían uns malos resultados nestes comicios? Cales son os obxectivos da vosa formación?

– Coma en todos os concellos, o PP debe sacar matrícula de honra para gobernar, xa que o tema de pactos o temos complicado.
Co panorama político actual, presentámonos catro agrupacións, penso que acadar a maioría absoluta vai ser complicado. Nós aspiramos a gobernar, temos moi boas propostas, capacidade de execución e un grande equipo para conseguilo. Así mesmo, un bo resultado sería conseguir ser a lista máis votada e tentar chegar a algún tipo de acordo coa oposición.

Nun escenario político onde as maiorías absolutas son cada vez máis complicadas de conseguir, considerades factible tela en Rianxo? Estades abertos a pactos con outras formacións?

– Na vida, como na política, o dialogo é primordial e entre veciños aínda máis. Se temos posibilidade de facer goberno con outras formacións intentarémolo, iso dende logo, pero cun obxectivo claro, o concello de Rianxo como prioridade.

– O PP nunca gobernou en Rianxo, aínda que si chegou a ser a formación máis votada nunha ocasión nas municipais e é habitual que sexa o partido máis votado nas autonómicas ou nas xerais. Por que cres que ata o de agora non conseguiu a alcaldía rianxeira?

– É certo, o PP ten potencial no Concello pero, por diversos motivos, nas municipais non acada bos resultados. Tamén é certo que con cabeza de lista foráneos poñémolo difícil para acadar a maioría. Os mellores resultados do PP acadáronse nunha situación similar á actual, na que tódolos candidatos que concorrían para alcalde non exerceran nunca nese posto. Polo tanto, partimos dunha situación propicia para repetir a maioría de votos. O mellor desta candidatura é o equipo que me acompaña, por iso, nestas eleccións, conseguiremos un resultado magnífico.

–  Por último, a pregunta que sempre facemos. Por que os veciños de Rianxo deberían votar por ti nestas eleccións?

– Se queremos que a situación actual en Rianxo mellore, é necesario un cambio de goberno. Tanto o BNG coma o PSOE tiveron as súas oportunidades. Por qué deberían votarme? Porque estou completamente convencido de que podemos cambiar o rumbo de Rianxo, porque contamos cos apoios necesarios para sacar adiante os proxectos que levamos no programa e porque queremos que a casa do concello sexa, por fin, un lugar que ofreza solucións ás demandas dos veciños e veciñas.
Pídovos que valoredes racionalmente a evolución de Rianxo nestes últimos anos e votedes en consecuencia o 28 de maio. Se nos dades unha oportunidade, demostraremos que un Rianxo mellor é posible.

Deixar un comentario