Entrevista a Xusto Ordóñez, candidato á alcaldía de Rianxo polo BNG

22 Mai

Velaquí o cuestionario que lle realizamos a Xusto Ordóñez, que se presenta nestas eleccións á alcaldía de Rianxo co BNG.

– Cóntanos un pouco sobre ti (onde vives, a que te dedicas, experiencia…).

– Son veciño do Araño. O meu traballo é o da panadeiro, unha ocupación que me vén de tradición familiar: como ben sabedes chámanme Tito o Dulceiro. Fun unha persoa activa na vida asociativa, ANPAS, Asociacións culturais e deportivas, unha persoa moi curiosa polo noso patrimonio. Por outra banda, dende hai oito anos son concelleiro e con responsabilidades no goberno local, asumindo asumido responsabilidades en Deportes, Patrimonio e Seguridade Cidadá.

– E agora cóntanos como é a candidatura do BNG. Como resumirías a xente que vai nas listas nesta eleccións?

– É unha candidatura que levará á corporación persoas cunha experiencia importante na política municipal e, á vez, incorporaranse compañeiras e compañeiras que será a primeira vez que asuman responsabilidades na política municipal. É unha candidatura que procura a igualdade na presenza da muller, que incorpora en postos importantes persoas moi mozas. Trátase dunha candidatura, diversa, ampla aberta, moi identificada co BNG e coas preocupacións das mulleres e homes de Rianxo.

– Tócache darlle o relevo a Adolfo Muíños, que é a cara máis coñecida do Bloque en Rianxo. Que consello che dou para afrontar estas eleccións?

– Repítemo a miúdo: atención e escoita atenta ás persoas. As súas preocupacións teñen que ser as nosas preocupacións máis importantes. Humildade e paciencia, saber escoitar coa actitude humilde e paciente de quen sabe que a toma de decisións axeitada é aquela que toma en consideración as opinións de todas as persoas.

– O BNG leva gobernando en Rianxo dende hai tres lexislaturas. Consideras que hai un desgaste da formación?

– O verbo desgastar ten unha connotación negativa. As persoas contribuímos con canto podemos á vida comunitaria dende responsabilidades diversas, e o importante é esa achega á sociedade, independentemente dos cargos que ocupemos. O importante é a achega e as persoas, non os cargos. Que as persoas cambiemos nas nosas responsabilidades é o normal e se incorporen novas persoas á vida institucional municipal é o bo e o desexable.

Xusto_Ordonez_BNG_2

– Por que te presentas ás eleccións á alcaldía de Rianxo?

– Por proposta da Asemblea Local e por aceptación miña. A Asemblea Local pensou no seu momento que eu podía ser a persoa que levase con acerto a voz do BNG na política municipal de Rianxo. Para min é unha responsabilidade aceptar a súa proposta e, á vez, é unha honra moi grande que me outorgan as miñas compañeiras e compañeiros.

– Como cres que foi o traballo do actual goberno municipal nestes últimos catro anos?

– Foi un traballo que conseguiu avanzar en retos moi importante a pesar, por unha parte, do que supuxo a COVID e, pola outra parte, da recente crise económica e enerxética que aínda temos. Ampliouse o servizo familiar de atención ás persoas maiores e dependentes mais coñecido como SAF, incorporáronse ao cadro de persoal municipal persoas con responsabilidades administrativas importantes, afrontáronse obras de saneamento de renovación das luminarias no rural, chegouse a un acordo coa Deputación para a construción e posta en funcionamento dunha residencia para as persoas maiores en Rianxiño, completouse a ocupación do chan industrial, consolidouse unha oferta cultural, formativa e deportiva moi importante e singular, afondouse nos compromisos coa igualdade da muller na toma de decisións e, finalmente, se cadra, un dos logros máis importantes: aprobouse o Plan Xeral de Ordenación (PXOM).

– É a primeira vez que te presentas como candidato á alcaldía, pero levas traballando xa un tempo na corporación municipal. A túa sería unha liña continuista ou cambiarías cousas con respecto á xestión realizada nos últimos anos?

– Coma a palabra desgaste, tamén os termos continuista ou rupturista son palabras con significados moi negativos. Adolfo, nuns tempos moi determinados, nunhas condicións moi determinadas, buscou o mellor para Rianxo e esa mesma vai ser a miña preocupación, en compañía das persoas que me acompañan na candidatura, buscar o mellor para as persoas de Rianxo: homes, mulleres, nenos e nenas, mocidade, xente maior.

– Imaxina que es elixido alcalde. Cal sería a primeira medida que tomarías?

– No caso de ter honra de ser proposto para a alcaldía de Rianxo e de ser electo alcalde, non podo avanzar cal pode ser a medida que nese momento apreme e urxa máis ao Concello. O que máis me gustaría si podo dicilo: o futuro dos pobos está nos meniños e nas meniñas, o que eu desexaría como primeira actuación para Rianxo sería resolver todas as dificultades que agora temos e que impiden que a nosa Galiña Azul poida acoller as demandas de escolarización de todas as familias de Rianxo que necesiten deste servizo.

– E que outra medida, máis de longo alcance, consideras imprescindible abordar en Rianxo?

– Son de aldea, son do Araño, unha preocupación fundamental será sen dúbida facer dos nosos lugares e parroquias, lugares acolledores, ben dotados de servizos, alegres, nos que estar e vivir sexa un desexo que se poida realizar con agrado.

Xusto_Ordonez_BNG_4

– Vaiamos ao programa do BNG. A nivel económico, que propostas tedes?

– Todos os concellos están sometidos a presións económicas cada vez mais fortes, as gastos increméntanse por causa dunha inflación que afecta fundamentalmente aos gastos ordinarios e estruturais que teñen que facer anualmente os concellos: electricidade, combustible, insumos diversos para o mantemento de instalacións, licitacións. Os ingresos ordinarios procedentes das administracións do Estado, da Comunidade Autónoma e das Deputacións, no lugar de expandirse, encollen. Nesta situación, a posición dos concellos a través dos seus representantes FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) e FEMP (Federación Española de Municipios) , non pode ser outra que a de esixir ao Estado e ao resto de Administracións que amplíen as súas achegas para que os concellos poidan facer fronte ás sús obrigas competenciais.

Por suposto, temos que manter a racionalización, disciplina no gasto, pero con isto non é suficiente, os concellos teñen que ter máis recursos. Como digo, esta petición de maiores recursos debe ir acompañada de medidas que optimicen os recursos escasos que temos, o que debe implicar: revisión de contratos, revisión tamén das licitacións, valorar a municipalización de servizos. En fin, os concellos teñen que recuperar a súa capacidade económica, á vez que temos que ser disciplinados na xestión dos recursos.

– Unha cuestión da que se fala dende hai anos é do esmorecemento do comercio local. Cales serían as vosas ideas neste tema?

– Penso que non é xusto falar de esmorecemento. E certo que hai establecementos que están a pasar por dificultades pero tamén é certo que en Rianxo hai establecementos comerciais e ofertas de servizos diversos que están a demostrar que é posible emprender actividade económica de escala local en Rianxo, exitosa. Non é aquí o momento para analizar polo miúdo isto, pero tampouco é xusto falar de esmorecemento. Por outra parte, o comercio e todos os establecementos que prestan servizos deben ver con claridade quen son os que están a permitir actividades claramente lesivas e desleais co pequeno comercio, quen está a crear lexislacións que están a favorecer aos grandes distribuidores; dende logo que non son os concellos.

Finalmente, o pequeno comercio debe apostar con claridade por asociacións que os representen e os axuden a afrontar as dificultades e a multitude de tarefas administrativas e económicas que teñen que realizar. O Concello vai estar sempre da man do comercio e dos seus representantes para apoialos, para axudarlles a captar recursos, a conseguir melloras que os axuden na súa actividade. Así o estivo a facer ata agora e así o seguirá facendo.

– A nivel social, que propoñedes na vosa axenda política?

– O eido social é moi amplo, deporte, cultura, formación permanente e, por suposto, servizos sociais de emerxencia.. O noso obxectivo é manter os esforzos que viñemos realizando ata agora e seguir afondando na calidade dos servizos á mocidade, ás persoas maiores e dependentes. Penso que o compromiso realizado ata agora nestes eidos foi exemplar. Por suposto que é mellorable, pero tamén penso que é bo recoñecer que o noso concello é exemplar neste eido.

– Se houbese que determinar as dúas queixas habituais dos veciños, seguramente serían o asfaltado das pistas e a limpeza da vexetación. Como abordarías estes temas?

– Eu creo que o concello ten obriga de resolver estes problemas e isto é o noso compromiso, tendo en conta que , como se ven explicando, a mellora das pistas debe ir parella ao establecemento dos servizos de saneamento e auga. E as cortas e desbroces deben facerse con medios que sexan respectuosos co mediambiente.

Xusto_Ordonez_BNG_3

– Que outras cuestións do voso programa político destacarías?

– Como xa indiquei arriba, todo o que ten que ver coa infancia e coa mocidade vai ter prioridade. Vai ter prioridade o compromiso coas políticas de igualdade e de concienciación contra a violencia de xénero. Iniciaremos unha nova lexislatura con retos novos, se cadra un dos fundamentais vai ser o de dar forma e cumprimento ás previsións contidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal, o PXOM.

– Algo que sempre dá moito que falar é o soldo de alcalde. Consideras que a remuneración actual é adecuada? Propoñedes algún cambio?

– Na rúa non se fala diso, como non se fala dos soldos dos demais traballadores traballadoras. Un alcalde ou alcaldesa se ten dedicación exclusiva debe ter un salario digno coma calquera outra persoa.

– Cal serían para ti uns bos resultados e cales serían uns malos resultados nestes comicios?  Cales son os obxectivos da vosa formación?

– O noso compromiso e a nosa responsabilidade nesta campaña é explicar aos nosos veciños que nós fomos útiles gobernando o Concello e, polo tanto, aspiramos a seguir gobernando, mais temos tamén moi claro que serán os veciños e veciñas os que terán que decidir e os mellores resultados van ser os que resulten desa decisións libre, responsable e informada dos nosos veciños e veciñas.

– Nun escenario político onde as maiorías absolutas son cada vez máis complicadas de conseguir, considerades factible tela en Rianxo? Estades abertos a pactos con outras formacións?

– O importante é a capacidade de diálogo e de escoita, cos resultados que un teña. Estas actitudes son determinantes: conseguir que as decisións se adopten co maior consenso posible e iso non depende da cantidade de concelleiros e concelleiras que teña unha organización, senón do compromiso das organizacións cos procedementos participativos e democráticos. Nós demostramos que somos capaces de chegar a acordos importante e estables, demostramos moita madurez, moito compromiso cos principios democráticos, máis alá da concreción dos números de escanos que os veciños e veciñas nos outorguen.

– No caso de estar abertos a pactos, cales serían para vós as liñas vermellas ou innegociables?

– Ningunha, mais alá de procurar acordos que servan para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas, de nenos e nenas, mocidade, persoas maiores, mulleres.

– Por último, a pregunta que sempre facemos. Por que os veciños de Rianxo deberían votar por ti nestas eleccións?

– Os veciños non teñen que votar pola organización e candidatura que eu represento por máis razón que pola de valorar que xunto coas demais organizacións nós imos ser unha organización útil para eles e elas, atenta e sensible ás súas preocupacións, respectuosa cos principios da democracia e comprometida cos valores humanos que a todos nos unen, a sensibilidade coas persoas que sofren, o compromiso coa igualdade de homes e mulleres, compromiso co futuro das nosas rapazas e rapaces, querenza as nosos maiores.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: