Arquivo | O Araño RSS feed for this section

Falece o mestre e articulista Manuel Dourado

26 Dec

Acábome de enterar de que hoxe morreu Manuel Dourado.

douradook

Era unha persoa moi coñecida en Rianxo, pero non está de máis comentar quen era segundo recolle na súa autobiografía. No seu facebook recolle o seguinte: “Son fillo de labregos. Como Autodidacta, despeguei ao luminoso mundo da Cultura a travén da música. Estudos medios, Maxisterio, e Dereito. Nunca exercín como avogado: chocaba coa miña ética. Exercín Maxisterio durante 3 xeracións”.

Naceu no Araño o 30 de agosto de 1929, no seo dunha humilde familia labrega. El mesmo practicou a labranza na casa de seus pais ata a súa xuventude.

Intentou estudar dun xeito autodidacta, para o que tivo que procurarse medios materiais mínimos para facer fronte aos custos que ese afán conlevaba. Por ese motivo percorreu Galicia, coma músico de aldea, tocando en bandas e orquestras populares para se poder pagar os estudos.

Despois dun Ensino Primario rudimentario, fragmentado polas fatídicas incidencias da Guerra Civil do 36, superou esas carencias con don José Bandín Figueira, Mestre sen oposición que recalou en Asados. A este Mestre debe a apertura das vías que o levaron aos estudos de Bacharelato, nos que se graduou con Premio Extraordinario, e de Maxisterio en Santiago de Compostela, carreira que simultaneou cos estudos na Facultade de Dereito que lle permitiron obter tamén o título de Licenciado en Dereito pola Universidade Compostelá. A súa vocación predominante foi a docencia, á que se dedicou con verdadeiro apaixonamento creativo. A outra gran paixón é a de escribir. As circunstancias fixeron que se decantase moi especialmente polo periodismo, particularmente o xornalismo de opinión.

Colaborou en La Noche, de Santiago. A partir de 1970, simultaneou periodismo de información co de opinión en El Faro de Vigo e La Voz de Galicia, sobre temas das populosas comarcas do Barbanza e A Arousa, que abranguían desde Sanxenxo a Muros. Algúns dos seus máis polémicos comentarios sobre a realidade socio-política imperante tiveron bastante repercusión na Galicia da Diáspora arxentina (periódico Galicia, do Centro Gallego de Bos Aires) e nas emisións radiofónicas do programa dominical Sempre en Galiza patrocinado polo Padroado de Cultura Galega de Montevideo.

Tamén foi colaborador habitual de El Correo Gallego e de Galicia Hoxe, tarefa que simultaneou como membro do Consello de Redacción de Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián, onde publicou algúns estudos. Foi galardoado co premio de xornalismo Ruta Xacobea 1991. Publicou o libro Conversas con Teresa Castelao (Anecdotario dun século de vida) (Sotelo Blanco Edicións, S.L., 1999). Un segundo libro sobre Maruxa Villanueva, unha Galega de excepción, que se titula A Mestresa da Casa-Museo: Unha Rosalía rediviva, en 2009.

Información sacada da web da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Imaxe

O millo xa está collido

25 Nov

Magosto popular no Araño

23 Nov

O día 1 de decembro, pola tarde, a Asociación de Veciños do Araño organiza un magosto popular. Será a partir das 16.00 horas e ademais de castañas hai moitas máis actividades:

 

Fotos da inauguración do Centro Social do Araño

15 Out

Quero dar as grazas a Eduardo Moares, da xunta directiva da Asociación de Veciños do Araño por pasarme estas fotos da inauguración do Centro Social da parroquia.

Muíños abandonados en Buhía

13 Ago

Fotos das festas do Araño 2012

11 Ago

O Vilar

10 Xul

Aldea do Vilar, no Araño.

Capela de San Xoán da Hermida

2 Xul

O mirador do Pico Muralla

27 Xuñ

As pontes sobre o río Té, arranxadas

21 Mai

Teño que dicir que xa tiña un post medio crítico co tema das pontes destrozadas no sendeiro do río Té por no inverno de 2011, en canto que en abril pasara un ano dende que o BNG no seu blog (e cando estaba na oposición), pedira que se arranxara.

O caso é que desta vez teño que dicir que cumpriron e deron mostra de coherencia, facendo algo que pediron no seu día. E aínda que cando saquei as fotos, en febreiro deste ano, as pontes non estaban arranxadas, cando menos no mes de abril si que o deixaron todo perfecto para aqueles que queiran desfrutar dunha xornada de sendeirismo a carón do noso río qu e atravesa O Araño, Asados e Taragoña.

Arriba vedes a imaxe da ponte en febreiro, e abaixo, xa arranxada, no mes de abril.

Velaquí as imaxes da outra ponte antes do arranxo:

E velaquí a actuación no lugar, sacando a ponte e habilitando a zona para que se poida pasar:

O dito, parabéns ao Concello por este traballo de cara ao bo tempo e, sobre todo, pola coherencia á hora de facer o que se pide, algo moi raro hoxe en día na política.