Falece o mestre e articulista Manuel Dourado

26 Dec

Acábome de enterar de que hoxe morreu Manuel Dourado.

douradook

Era unha persoa moi coñecida en Rianxo, pero non está de máis comentar quen era segundo recolle na súa autobiografía. No seu facebook recolle o seguinte: “Son fillo de labregos. Como Autodidacta, despeguei ao luminoso mundo da Cultura a travén da música. Estudos medios, Maxisterio, e Dereito. Nunca exercín como avogado: chocaba coa miña ética. Exercín Maxisterio durante 3 xeracións”.

Naceu no Araño o 30 de agosto de 1929, no seo dunha humilde familia labrega. El mesmo practicou a labranza na casa de seus pais ata a súa xuventude.

Intentou estudar dun xeito autodidacta, para o que tivo que procurarse medios materiais mínimos para facer fronte aos custos que ese afán conlevaba. Por ese motivo percorreu Galicia, coma músico de aldea, tocando en bandas e orquestras populares para se poder pagar os estudos.

Despois dun Ensino Primario rudimentario, fragmentado polas fatídicas incidencias da Guerra Civil do 36, superou esas carencias con don José Bandín Figueira, Mestre sen oposición que recalou en Asados. A este Mestre debe a apertura das vías que o levaron aos estudos de Bacharelato, nos que se graduou con Premio Extraordinario, e de Maxisterio en Santiago de Compostela, carreira que simultaneou cos estudos na Facultade de Dereito que lle permitiron obter tamén o título de Licenciado en Dereito pola Universidade Compostelá. A súa vocación predominante foi a docencia, á que se dedicou con verdadeiro apaixonamento creativo. A outra gran paixón é a de escribir. As circunstancias fixeron que se decantase moi especialmente polo periodismo, particularmente o xornalismo de opinión.

Colaborou en La Noche, de Santiago. A partir de 1970, simultaneou periodismo de información co de opinión en El Faro de Vigo e La Voz de Galicia, sobre temas das populosas comarcas do Barbanza e A Arousa, que abranguían desde Sanxenxo a Muros. Algúns dos seus máis polémicos comentarios sobre a realidade socio-política imperante tiveron bastante repercusión na Galicia da Diáspora arxentina (periódico Galicia, do Centro Gallego de Bos Aires) e nas emisións radiofónicas do programa dominical Sempre en Galiza patrocinado polo Padroado de Cultura Galega de Montevideo.

Tamén foi colaborador habitual de El Correo Gallego e de Galicia Hoxe, tarefa que simultaneou como membro do Consello de Redacción de Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián, onde publicou algúns estudos. Foi galardoado co premio de xornalismo Ruta Xacobea 1991. Publicou o libro Conversas con Teresa Castelao (Anecdotario dun século de vida) (Sotelo Blanco Edicións, S.L., 1999). Un segundo libro sobre Maruxa Villanueva, unha Galega de excepción, que se titula A Mestresa da Casa-Museo: Unha Rosalía rediviva, en 2009.

Información sacada da web da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Unha resposta a “Falece o mestre e articulista Manuel Dourado”

  1. Ramón Torrado Romero 12/26/2012 ás 23:15 #

    O meu respecto e grande pesar polo pasamento deste amigo da miña familia e meu, un home admirable en moitos aspectos, gran defensor de Castelao, de Rianxo e da nosa terra.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: