Coma cada ano, os rianxeiros e rianxeiras encargáronse de confeccionar as alfombras florais, mágoa que este ano por mor da choiva que tivemos estes meses atrás non foron tan coloridas coma outros anos anteriores.
Como en edicións anteriores, xa dende hai uns meses mulleres e homes da vila (cada vez vense máis homes nestas tarefas), encargáronse de recoller, cortar o verde e poñer a secar as flores que ían adornar as rúas da vila.
E o desenlace poidémolo ver este domingo coas alfombras do día de Corpus, no que este ano como novidade fixeron tamén alfombras por detrás do adro da igrexa.
As da Praciña.
Por diante do consistorio vello.
Na praza de Rafael Dieste.
Na rúa de Abaixo.
Na praza de Castelao.
E na rúa do Medio.
Xa ben entradiña a tarde, foron numerosos os fieis e curiosos que se achegaron para asistir, observar e mesmo afotar a procesión, cos nenos e nenas que fixeron a comuñón á fronte.
Agardemos que para o ano que vén o tempo non sexa tan malo para as flores, sobre todo para as hortensias que tanto en falta se botaron nas rúas de Rianxo.
Xa por último, na praza de Castelao e pola noite, encargáronse de poñer o broche final ó íia os da orquestra Abanico, que ben seguro fixeron bailar e troular ós que aguantaron até altas horas da madrugada.
Parabéns ás xentes que tanto traballo e tantas horas pasaron para que a vila lucira tan fermosa.