Tag Archives: rúa de Arriba

A Rúa de Arriba

11 Ago

Nela non viviron nin Manuel Antonio, nin Dieste nin Castelao. Nin falta que fai.
Nos seus 100 metros non hai o bulicio de xente doutras rúas da vila. Nin tampouco o necesita.
Ao seu paso non hai terrazas que esquivar, nin luces de neón. Só unha pequena perruquería. A vista do transeúnte ten tempo para admirar as pequenas e humildes vivendas, nas que habitan rianxeiros tamén humildes, boa xente que non precisa ser un Manuel Antonio para ver que a súa calzada contén poesía e historia.
De noite vólvese máxica. As súas luces descubren recunchos, balcóns, sombras na pedra, curvas nas fachadas, esconden cables e iluminan os vidros dos seus senlleiros edificios.
É a rúa de Arriba. Cando vaias por ela, ben para conectar co Campo ou coa rúa do Hospital, detente só un anaco, xira en derredor e verás que as rúas sinxelas e modestas son as máis fermosas.

_MG_3009