Tag Archives: valoración

Valoración do PP deste primeiro ano de goberno municipal en Rianxo

28 Mai

Con motivo de que se cumpre un ano dende que houbo eleccións municipais en Rianxo e un cambio de goberno no noso concello, quixemos preguntarlle á oposición, liderada por Vanessa Martínez Durán, como foron estes doce meses e como valora as actuacións da alcaldía de Adolfo Muíños.

– Como valoras este primeiro ano de goberno en Rianxo de BNG-PSOE?
– Un ano perdido, xa que non se solucionou o maior problema do noso Concello, pois seguen aumentando a débeda, como exemplo teñen que acceder ó Plan de Axuste do Goberno Central por unha contía de 1,2 millóns de Euros, o que os obriga a subir os impostos do IBI no 10% o primeiro ano, o 5% no segundo e o 8% no último ano. Por outra banda, prevese este ano, unha operación de tesourería por valor de 400.000 euros para pagar soldos, que hai que devolver neste ano. Todo isto engadido, á débeda que traen arrastrada dos 4 millóns de euros que se pediron no Plan de Saneamento do 2009, onde o Sr. Carlos Gey era o asesor do Alcalde e polo cal, actualmente estamos a pagar 1,1 millón de euros en intereses.

– Cales cres que son as principais carencias do concello ás que non se atenderon neste tempo?
– Ese é o problema, que neste ano non se lle dou solución a ningunha das carencias do noso Concello. Prometeron cousas tan necesarias como: o Centro de día, o saneamento integral en todas as parroquias, o Centro social,… e non se cumpriu nada do que prometeron

– Foi colaborativa a actitude da alcaldía con vós?
– En ningún momento.

– Como foi o voso traballo na oposición?
– Intentamos dar voz ó pobo transmitindo as súas inquedanzas e demandas non resoltas. A partir de aí, o pobo é quen ten que valoralo.

– Cales son as propostas/cousas que vos comenta a xente que son precisas en Rianxo?
– O que comentei anteriormente, Centro de día, o saneamento integral, un Centro Social, pero do que máis se queixan é da famosa promesa incumprida do BNG de facer unha auditoría externa no Concello.

– Cres que o PP de Rianxo seguiu crecendo neste último ano?
– Si, pois o goteo incesante de novos afiliados e colaboradores, así no lo amosa.

– Sodes o partido que máis importancia lle está dando ás redes sociais e mesmo potenciastes moito a vosa web poñendo información dos plenos. Considerades que son unha canle imprescindible para chegar á xente?
– A páxina web é unha forma de amosar a certos sectores poboacionais o que está pasando nos Plenos do noso Concello e as redes sociais é unha forma de estar en contacto coa xente para recoller inquedanzas. ¿Imprescindibles? Non, pois a maioría da poboación rianxeira non fai un uso cotián delas, ben porque non a usan a cotío ou ben porque en moitos lugares do noso Concello non chega a rede de internet. A pesar disto, nós vamos a seguir empregándoas porque o consideramos positivo.

– Cales serán os seguintes pasos do PP de Rianxo?
– Traballar, traballar e traballar por e para Rianxo.

Advertisements