– Que vos pareceron os resultados das eleccións en Rianxo?
– Os resultados das eleccións foron moi sorpresivos para nós, posto que agardábamos desde o BNG de Rianxo unha suba de votos polo traballo realizado desde a oposición, pero non debuxar un panorama onde o BNG superase ao PSOE en votos e concelleiros. De todos os xeitos, cómpre lembrar que as diferenzas entre todos os grupos non van máis alá de 400 votos, polo que estamos diante dunha moi apertada e equilibrada votación.
– Que cres que pasou para que o PSOE pasase de ter maioría absoluta a ser a forza menos votada?
– Penso en varios factores, non nun só elemento. É evidente un cansazo na xente e o esgotamento da fórmula da maioría absoluta en Rianxo destes 32 anos, que deu nun último mandato anémico. Isto si que se vía chegar. Xunto a isto a retirada dun alcalde emblemático que xuntaba votos non ligados estritamente ao partido e que, desta volta, liberados, marcharon, principalmente ao PP e, en menor medida, ao BNG. En terceiro lugar a onda que se formou no mar do Estado chegou tamén a Rianxo, castigando a Zapatero no lombo do PSOE local. Esas tres situacións negativas para o PSOE concorreron desta volta.
– E para que o PP fose o partido con máis apoios?
– Na última clave dita, o PP beneficiase dunha vaga xeral de apoios a Rajoy e contra o actual goberno do Estado. Sen esquecer, ollo, que o PP viña colleitando nalgunhas autonómicas en Rianxo un apoio similar ao acadado nestas eleccións. O que logrou foi conseguir mobilizalo tamén para as municipais, algo que se lle escapaba e en maio acertou.
– Durante estes últimos días especulouse moito co acordo entre BNG e PSOE, mesmo que era moi difícil. Realmente se partiu dunha situación complicada para chegar a un entendemento?
– Era difícil pois partíamos dunhas declaracións na noite das eleccións nas que se manifestaba por parte do PSOE a vontade de ir á oposición e deixar gobernar ao Partido Popular. Imaxino que é moi duro perder unha alcaldía como Rianxo despois de tantos anos! Fronte á miña chamada inmediata nos medios ao diálogo para estabelecer unha alternativa local ao PP, o PSOE sinalaba o seu destino na oposición. Até despois dunha semana non se produciu ningún achegamento. Logo si que, con sinceridade, foi máis doado ao descubrirmos máis puntos de encontro na negociación: austeridade e equilibrio financeiro, buscar maior transparencia e racionalidade, formar un equipo único, non unha bicefalia.
– Sorprende que tendo máis edís o BNG haxa un reparto equilibrado de concellarías.
– As diferenzas son mínimas entre os tres grupos tanto en votos como concelleiros/as. O BNG non pretendía gañar na negociación o que xa veu expresado nas eleccións, senón buscar estabilidade dentro dun equipo de goberno coa alcaldía do BNG. Acadar unha maioría suficiente para sacar adiante con solvencia proxectos que Rianxo precisa: ese era o obxectivo da negociación. Ir negociar co desexo de machacar ao contrario, ese non é nin o meu estilo, ni sería positivo para un goberno unido a catro anos, onde a gobernabilidade do Concello era o que se buscaba e estar cómodos e con confianza uns e outros.
– No voso blog unha persoa comenta que se sente decepcionada porque claudicastes ás esixencias do PSOE, que foron os perdedores destas eleccións. Que lles dirías aos que, coma el, cren que se cedeu en exceso ante os socialistas?
– Un goberno en minoría de seis edís contra once era a alternativa? Coa situación actual de asfixia e anemia das arcas municipais e o panorama global nas demais institucións pensamos que o camiño era este: unha maioría para garantir a gobernabilidade e os votos necesarios en cada votación plenaria. Eu non podería permitir tampouco un goberno do PP en Rianxo. Mentras teña forza abondo. Polo tanto, as claudicacións non foron tales, pois conseguimos o que buscábamos: ter un alcalde do BNG nun dos concellos máis emblemáticos do País. Se alguén valora menos este obxectivo que ceder parcelas de poder ou centrarse en que non lle gusta o candidato do PSOE, síntoo, pero buscábamos cousas diferentes. O tempo dirá quen erraba.
– Cales serán os grandes retos do voso goberno nestes catro anos?
– Conseguir unha boa ocupación do polígono empresarial, completar a rede de equipamentos de benestar (centro de día), impulsar o saneamento e abastecemento das parroquias e unha depuradora acorde á poboación actual e futura, poñernos ao día nas ferramentas urbanísticas cun Plan Xeral, mellorar a xestión dos equipamentos que temos, abrir canles para a participación veciñal… Son algúns dos grandes obxectivos e que darían novo pulo ao noso municipio e xerarían outro estado de ilusión e ánimo na xente.
– Partides dunha difícil situación económica na alcaldía. Como pensades paliar esta carencia?
– Sendo austeros nos gastos superfluos e eficaces na xestión dos ingresos. Acabamos xa de reducir os custes globais das dedicacións exclusivas, prescindimos de figuras de gabinete e eventual. Pero son poucas, aínda que moi simbólicas en comparación con mellorar o control dos ingresos, que todo o mundo con obrigas as pague. Na medida en que se ocupe o parque empresarial tamén se ingresará máis en impostos. O PXOM é unha aposta a medio prazo por abrir posibilidades de desenvolvemento urbanístico que redundará tamén en beneficios colectivos.
E a outra medida será a peregrinaxe que iniciarei axiña consellería a consellería, na Deputación da Coruña, nos Ministerios, cos proxectos de Rianxo baixo o brazo para acadar o financiamento preciso. Agora ben, penso que de equipamentos estamos ben (agás rematar varios pendentes incompletos e o mencionado centro de día), o que nos faltan son recursos humanos e económicos para optimizar os que temos.
– Que tal foron estes primeiros días á fronte da alcaldía?
– Duros. Hai moito que aprender en pouco tempo para coller axiña ao temón. Enfrontarse á situación económica e ás carencias laborais e ás necesidades dos teus veciños non é agradábel, ao non estar na túa man inmediata poder resolvelas. Vin xa moitos problemas veciñais enquistados desde hai tempo de difícil encaixe. Mais agora, coa entrada dos concelleiros das áreas e confeccionado o equipo de traballo, agardamos ir dando os pasos precisos para acadar mellor benestar para as nosas xentes, dentro do marco global e da situación que herdamos, que nos obrigará a ser lentos nos avances.
Por que cando se che preguntaba nos mitins ou pola rúa antes do 22M non deixastes claro que ías pactar co PSOE?? Por que non dicías abertamente que a ansia era ser alcalde fose como fose?? Sinceramente Adolfo, ó igual que a persoa que escribiu no voso blogue (por certo, acabaron as eleccións e morreu??), a min tamén me decepcionastes, pactando cuns mercenarios, que o único que buscan son cartos, como vai quedar refrectado na constitución do goberno de mañá: o número 3 do PSOE de Rianxo vai renunciar á súa acta, porque como non vai ter dedicación para poder pedir unha excedencia, non pode compatibilizar o seu traballo coa administración, a caso isto non o sabía de antemán?? Que demostra isto?? Pois que só quería cobrar do concello. Evidentemente non estiven na negociación BNG-PSOE, pero estou convencido de que unha das cousas a negociar, foi unha dedicación para esta persoa, trabúcome??. Sen falar de Gey, que de “figura de gabinete” (como dis ti), vai pasar a tenente alcalde, pero mira ti, cunha dedicación exclusiva, que ó fin e o cabo vai ser o mesmo. Agora só queda ver canto ides cobrar, a ver se demostrades a “austeridade nos gastos superfluos”.
Comentas que “faltan recursos humanos e económicos”, no dos económicos estou de acordo, situación herdada das políticas desenvolvidas ata agora onde a construción era a principal fonte de ingresos, e claro, pasou o que pasou, e xa non hai tantas solicitudes de licenzas que traian os cartos, nas vosas mans está atraer fondos para o concello, tarefa complicada dende logo, pero tócavos roer esta situación. No que non compaxino contigo é na falta de recursos humanos. Se coma #6ferrados (gracias por certo) di, de forma permanente traballan para o concello unhas 90 persoas, para un concello que non chega ós 12.000 habitantes penso que é unha cifra dabondo como para non carecer de recursos humanos, é máis penso que sobrarían polo menos un terzo. Outra cousa é que sexan recursos humanos cualificados para facer que o concello funcione. Lémbroche que ti criticastes a forma de contratación de Pedro, pero claro agora como vas gobernar cos seus herdeiros pois tamén terás que roelos. Se un vale para o seu posto vale, pero se non, hai xente preparada de abondo para poder traballar para un concello coma Rianxo, que isto non é a NASA. Como pode ser que aínda tendo semellante número de traballadores, os museos, por poñer un exemplo, non están abertos tódolos días?? Tanto falar do turismo, pero se chega alguén de fora para ver o Museo do Mar ou a Casa de Manuel Antonio, e non pode porque non hai ninguén para atendelo, que imaxe se vai levar de Rianxo?? Que pasará se algún día se consegue facer o mesmo coas casas de Dieste ou Castelao?? Para telos pechados é mellor non facer nada. De verdade que desas 90 persoas non hai dúas para abrir estes dous museos 4 horas polas mañás e 4 polas tardes, se ata terían tempo de organizar algo máis traballando dende esas instalacións, en lugar de ter que estar no Cuartel Vello ou no Auditorio. Optimización de recursos é o que fai falla e non máis persoal nin máis instalacións.
Por outra banda, estou canso de escoitar de que Rianxo é moi importante para todos os partidos. Que si para o PP, que por iso estivo tantas veces Feijoo por aquí como dixo Vanessa; para o PSOE, porque dende a democracia sempre gobernou en Rianxo, e agora ves ti dicindo: “conseguimos o que buscábamos: ter un alcalde do BNG nun dos concellos máis emblemáticos do País”. Baixade da burra anda, Rianxo é moi importante para os rianxeiros, e nada máis, Rianxo non é motor en ningún aspecto, nin tan sequera dentro do Barbanza, como para que veñades todos a vendernos a moto da importancia que ten Rianxo. Sede realistas, e traballade con obxectivos claros de ir mellorando o que xa temos, ou pensas que ides encher o polígono nesta lexislatura??? Rianxo só supón o 5% da facturación empresarial da península do Barbanza, repartíndose o resto case a partes iguais entre os outros concellos (isto non mo invento: pax 20 http://www.camaracompostela.com/boiro/cb.pdf ).
E Adolfo, hai unha contradición cando dis que non claudicástedes xa que obtivéstedes unha alcaldía, aínda que “cedéstedes parcelas de poder”, ó fin é o cabo, de que vale ser a imaxe de algo se non es ti o que leva o temón?? É máis, isto é contraproducente, xa que vai ser o BNG (e non só ti) o que vai sufrir as posibles desfeitas de pactar cun modelo de goberno ó que criticastes nos anteriores anos. “O tempo dirá quen erraba”, frase certa, e oxalá che saia ben, pero hai que ser previsores, e coido polas túas declaracións, que igual estabas un pouco obsesionado con conseguir ser alcalde a toda costa, e insisto, oxalá non che saia caro, como xa lle pasou ó BNG noutros lados (sen ir máis lonxe en Boiro), quizais conseguirías maior apoio facendo unha oposición construtiva como viñestes facendo ata o de agora, sabéndote posuidor dun gran apoio por parte dos rianxeiros defraudados pola política desenvolvida polo PSOE local, e que vían en ti unha alternativa progresista pero máis racional.
En fin, tes 4 anos para demostrar que non es ti o que se trabuca, aínda que se ides perder 6 meses (xa vai case un, para chegar a un acordo común, mal empezamos). Ánimo, e polo menos espero que ti e o tenente alcalde vos gañedes o soldo, ó resto da corporación non teño nada que esixirlles, pero a vos si, non valen escusas.
A min non me sorprendeu o pacto PSOE-BNG pois vense repetindo en concellos , xunta e deputacións nos últimos anos case como norma . Parece que estas dúas formacións que , alo menos no discurso , están distanciadas ideolóxica e programáticamente , á hora de repartirse o poder , os soldos e as dedicacións exclusivas chegan facilmente ó acordo . Para min , nacionalista de esquerda , e vergoñoso ver como a todo o ancho do país son elexidos alcaldes do PSOE co apoio dos edís do BNG . Por iso non fun a votar .