Os seis candidatos á alcaldía de Rianxo participaron no día de hoxe nun debate organizado polo movemento veciñal Fousas ao Monte. No marco da I Romaría das Fousas, celebrada en Filgueiras (Taragoña), os aspirantes a facerse co mando do Concello expuseron as súas propostas en materia de medioambiete e de política forestal.
Adolfo Muíños Sánchez, o novo alcalde de Rianxo, coméntanos as súas impresións sobre a nova situación política en Rianxo
26 Xuñ– Que vos pareceron os resultados das eleccións en Rianxo?
– Os resultados das eleccións foron moi sorpresivos para nós, posto que agardábamos desde o BNG de Rianxo unha suba de votos polo traballo realizado desde a oposición, pero non debuxar un panorama onde o BNG superase ao PSOE en votos e concelleiros. De todos os xeitos, cómpre lembrar que as diferenzas entre todos os grupos non van máis alá de 400 votos, polo que estamos diante dunha moi apertada e equilibrada votación.
– Que cres que pasou para que o PSOE pasase de ter maioría absoluta a ser a forza menos votada?
– Penso en varios factores, non nun só elemento. É evidente un cansazo na xente e o esgotamento da fórmula da maioría absoluta en Rianxo destes 32 anos, que deu nun último mandato anémico. Isto si que se vía chegar. Xunto a isto a retirada dun alcalde emblemático que xuntaba votos non ligados estritamente ao partido e que, desta volta, liberados, marcharon, principalmente ao PP e, en menor medida, ao BNG. En terceiro lugar a onda que se formou no mar do Estado chegou tamén a Rianxo, castigando a Zapatero no lombo do PSOE local. Esas tres situacións negativas para o PSOE concorreron desta volta.
– E para que o PP fose o partido con máis apoios?
– Na última clave dita, o PP beneficiase dunha vaga xeral de apoios a Rajoy e contra o actual goberno do Estado. Sen esquecer, ollo, que o PP viña colleitando nalgunhas autonómicas en Rianxo un apoio similar ao acadado nestas eleccións. O que logrou foi conseguir mobilizalo tamén para as municipais, algo que se lle escapaba e en maio acertou.
– Durante estes últimos días especulouse moito co acordo entre BNG e PSOE, mesmo que era moi difícil. Realmente se partiu dunha situación complicada para chegar a un entendemento?
– Era difícil pois partíamos dunhas declaracións na noite das eleccións nas que se manifestaba por parte do PSOE a vontade de ir á oposición e deixar gobernar ao Partido Popular. Imaxino que é moi duro perder unha alcaldía como Rianxo despois de tantos anos! Fronte á miña chamada inmediata nos medios ao diálogo para estabelecer unha alternativa local ao PP, o PSOE sinalaba o seu destino na oposición. Até despois dunha semana non se produciu ningún achegamento. Logo si que, con sinceridade, foi máis doado ao descubrirmos máis puntos de encontro na negociación: austeridade e equilibrio financeiro, buscar maior transparencia e racionalidade, formar un equipo único, non unha bicefalia.
– Sorprende que tendo máis edís o BNG haxa un reparto equilibrado de concellarías.
– As diferenzas son mínimas entre os tres grupos tanto en votos como concelleiros/as. O BNG non pretendía gañar na negociación o que xa veu expresado nas eleccións, senón buscar estabilidade dentro dun equipo de goberno coa alcaldía do BNG. Acadar unha maioría suficiente para sacar adiante con solvencia proxectos que Rianxo precisa: ese era o obxectivo da negociación. Ir negociar co desexo de machacar ao contrario, ese non é nin o meu estilo, ni sería positivo para un goberno unido a catro anos, onde a gobernabilidade do Concello era o que se buscaba e estar cómodos e con confianza uns e outros.
– No voso blog unha persoa comenta que se sente decepcionada porque claudicastes ás esixencias do PSOE, que foron os perdedores destas eleccións. Que lles dirías aos que, coma el, cren que se cedeu en exceso ante os socialistas?
– Un goberno en minoría de seis edís contra once era a alternativa? Coa situación actual de asfixia e anemia das arcas municipais e o panorama global nas demais institucións pensamos que o camiño era este: unha maioría para garantir a gobernabilidade e os votos necesarios en cada votación plenaria. Eu non podería permitir tampouco un goberno do PP en Rianxo. Mentras teña forza abondo. Polo tanto, as claudicacións non foron tales, pois conseguimos o que buscábamos: ter un alcalde do BNG nun dos concellos máis emblemáticos do País. Se alguén valora menos este obxectivo que ceder parcelas de poder ou centrarse en que non lle gusta o candidato do PSOE, síntoo, pero buscábamos cousas diferentes. O tempo dirá quen erraba.
– Cales serán os grandes retos do voso goberno nestes catro anos?
– Conseguir unha boa ocupación do polígono empresarial, completar a rede de equipamentos de benestar (centro de día), impulsar o saneamento e abastecemento das parroquias e unha depuradora acorde á poboación actual e futura, poñernos ao día nas ferramentas urbanísticas cun Plan Xeral, mellorar a xestión dos equipamentos que temos, abrir canles para a participación veciñal… Son algúns dos grandes obxectivos e que darían novo pulo ao noso municipio e xerarían outro estado de ilusión e ánimo na xente.
– Partides dunha difícil situación económica na alcaldía. Como pensades paliar esta carencia?
– Sendo austeros nos gastos superfluos e eficaces na xestión dos ingresos. Acabamos xa de reducir os custes globais das dedicacións exclusivas, prescindimos de figuras de gabinete e eventual. Pero son poucas, aínda que moi simbólicas en comparación con mellorar o control dos ingresos, que todo o mundo con obrigas as pague. Na medida en que se ocupe o parque empresarial tamén se ingresará máis en impostos. O PXOM é unha aposta a medio prazo por abrir posibilidades de desenvolvemento urbanístico que redundará tamén en beneficios colectivos.
E a outra medida será a peregrinaxe que iniciarei axiña consellería a consellería, na Deputación da Coruña, nos Ministerios, cos proxectos de Rianxo baixo o brazo para acadar o financiamento preciso. Agora ben, penso que de equipamentos estamos ben (agás rematar varios pendentes incompletos e o mencionado centro de día), o que nos faltan son recursos humanos e económicos para optimizar os que temos.
– Que tal foron estes primeiros días á fronte da alcaldía?
– Duros. Hai moito que aprender en pouco tempo para coller axiña ao temón. Enfrontarse á situación económica e ás carencias laborais e ás necesidades dos teus veciños non é agradábel, ao non estar na túa man inmediata poder resolvelas. Vin xa moitos problemas veciñais enquistados desde hai tempo de difícil encaixe. Mais agora, coa entrada dos concelleiros das áreas e confeccionado o equipo de traballo, agardamos ir dando os pasos precisos para acadar mellor benestar para as nosas xentes, dentro do marco global e da situación que herdamos, que nos obrigará a ser lentos nos avances.
Resultados das eleccións municipais en Rianxo por parroquias
28 MaiUn dos lectores deste blog (ao que lle agradezo publicamente o xesto) envioume o detalle dos votos nas eleccións municipais de Rianxo por parroquias.
En primeiro lugar lugar o que podemos ver é que o PP foi o parido máis votado no Araño (seguramente tivo moito que ver o traballo destes últimos anos da súa número tres, Nieves), en Isorna (practicamente dobrando en votos ao PSOE e ao BNG), en Leiro e en Taragoña (a candidata á alcaldía, Vanessa Martínez, é desa parroquia, polo que era algo bastante esperable).
Pola súa banda o BNG foi o máis votado en Asados (tres votos máis ca o PSOE, pero gañándolle a Carlos Gey na súa propia parroquia) e tamén en Rianxo (o candidato á alcadía, Adolfo Muíños, está moi vencellado a nivel cultural coas asociacións do lugar).
O PSOE vemos que non foi o máis votado en ningures e como moito puídose conformar con ser o segundo con máis papeletas no Araño, en Isorna, en Leiro e en Taragoña (pero en moitos destes lugares con poucas papeletas de diferenza).
Vemos que hai bastante polarización por parroquias entre os partidos máis votados. Así, no Araño o PP ten 176 votos máis ca o BNG, en Isorna esa cifra chega aos 212, en Leiro aos 46 e en Taragoña ao 95. Vemos que nas parroquias do rural é onde máis forza ten o Partido Popular (seguramente tamén se sente as máis esquecidas polo Concello) e tamén en Taragoña porque Vanessa é dalí.
Non obstante, no centro urbano é onde o BNG se perfila como o partido máis forte e onde logrou recurtar parte da desvantaxe fronte aos populares noutros lugares: en Rianxo tivo 168 votos máis.
Entrevista a Adolfo Muíños, candidato á alcaldía de Rianxo polo BNG
8 Mai16.02 minutos da tarde. Miro dentro do Memphis e Adolfo aínda non chegou. Por primeira vez non me retraso a unha cita. Sesenta segundos máis tarde véxoo aparecer pola rúa, saudámonos por primeira vez e entramos para tomar un café mentres fago a entrevista. Descafeinado de sobre para min e un cortado para el. Pregúntolle pola campaña mentres saco a gravadora e o caderno coas preguntas. De fondo, no bar, escóitase a narración dun partido de tenis. Creo que xoga Nadal. Máis alá, no pazo de Martelo, chegan os sons de gaitas e pandeiretas. Comezamos a entrevista que paso a transcribir na súa práctica totalidade (sei que é longa, pero intento reflectir todo o que se me dixo).