Entrevista a Rabunho Rexeita

12 Xul

De seguro que xa coñeces Rabunho Rexeita, unha páxina no facebook na que hai un feixe de fotos antigas do Araño e de Rianxo, onde te podes enterar de historias, curiosidades, información sobre o patrimonio rianxeiro, vídeos antigos… Vamos, que día a día é unha páxina de referencia para coñecer e redescubrir todo o que está ao noso arredor. Pero como somos curiosos, tamén nos preguntamos quen está detrás de Rabuno Rexeita, quen é esa persoa que cada día alimenta as nosas mentes con novas e interesantes cousas sobre Rianxo e O Araño. Hoxe imos descubrilo neste blog a través de fotos e dunha entrevista.

quene

No Araño xa o coñecen moito, porque Rabunho Rexeita equivale a Tito o Dulceiro, que vive na recta do Araño, onde hai tempo había unha panadería e un ultramarinos. Levántase todos os días moi cedo polas mañás, pero despois dunha dura xornada de traballo, cóntanos a través do Facebook mil e unha cousas.

– Como xorde a idea de crear unha páxina no Facebook para dar a coñecer tantas historias e contidos (fotos, mapas, gráficos…) relacionados coa historia do Araño e de Rianxo?
– A idea xorde porque na “arañeira” no había nada que falase da ampla e abondosa historia, do noso patrimonio e da rica natureza que ten o meu pobo, e que a maioría descoñece. É dicir, pór en valor o noso pobo.

-Por que o nome de Rabunho Rexeita?
– O de Rabunho vén porque xa hai moitos anos a xuventude, chamabámoslle Rabunho, galeguizando o nome do Araño. E o de Rexeita, porque quixen recalcar o abandono que sufrimos en todos os eidos, e intentar que Rabunho sexa coñecido, non só por “empanadas” e pola “lotaría”. Senón que hai máis valores na nosa vila temos que resaltar e dos que estar orgullosos.

tito1

– Se non me equivoco, visto o éxito, a túa idea é crear tamén unha web na que publicar e difundir este tipo de contidos.
– A miña idea era xa dende un principio facer unha web, pero por comodidade na rapidez de amosar o que escribes e a rapidez con que chega a os amig@s que che seguen, decidinme polo Facebook, aínda que xa estou a traballar nela.

-Consideras que moita xente, grazas ao teu traballo, está a redescubrir o lugar no que vive e a darlle máis importancia á súa historia e ao que ten arredor?
– Eu só busco que se saiba o que Rabunho significou non hai moito tempo na historia, cando o Pazo dos Calotes era o vértice arredor do cal se movía todo. Penso que a maíoria xa sabiamos estas historias, o único que fago é buscar datos e escoitar as persoas maiores que na maioría dos casos son quen mas transmite.

tito2
-Polo que vexo, ségueche moita xente que tivo que emigrar, pero que non por iso deixan de perder o contacto co seu lugar de orixe. Dende onde te seguen?
– Aí si que estou sorprendido. Non esperaba que a páxina tivese tanta repercusión fóra de Rabunho, e en verdade séguenme moitos emigrantes, persoas ás que eu respecto e admiro porque teñen que deixar esta nosa terriña, para intentar saír adiante. Dende fóra, tanto antes como agora, levantaron e levantan o noso país. Ten en conta que meu bisavó foi emigrante na Arxentina e os meus pais en Francia. É dicir, sei o que se sente estando lonxe, e xa o dicía Castelao: “O galego non pide, emigra”.

Déixovos as estatísticas de facebook desta sema en canto ao alcance no estranxeiro: 5480 España, 112 Estados Unidos, 48 Francia, 44 Suíza, 29 Arxentina, 27 Uruguai, 27 Reino Unido, 25 Portugal, 16 Alemaña, 15 Australia, 14 Brasil, 13 México, 10 Camerún, 7 Bélxica, 5 Italia, 5 Venezuela, 5 Kenya, 5 Indonesia, 4 Canadá e 4 Chile.

– A historia que máis repercusión tivo foi precisamente a dun mozo, Santi o da Casilla, que hoxe en día está a traballar en Australia, non é así?
– Iso puido ser debido a unha serie de circunstancias que coincidiron para que isto tivese lugar. Primeiro que me une unha grande amizade a toda familia de Santi, outra e a máis importante que Santi é un gran chef que xa o demostrou por medio mundo. A seguinte casualidade foi que Xoán Xosé Vicente un dos seguidores da páxina e técnico de son na Radio Galega e coñece a Xosé Manuel García do progama “Come e Fala”, por traballar con el e comentoulle o de Santi. De aí saíu esa famosa entrevista na que se valora e destaca a este gran rapaz de Rabunho pola súa labor tan lonxe da casa.

tito3

– Cal foi a historia das que levas publicadas que máis che sorprendeu ata o momento?
– Hai varias: a do cura bandoleiro, a do sarcófago suevo que se utiliza como pía para a auga bendita ou que o tema de Emilio Cao “Fontes do Araño” , que a maioría da xente descoñecía. Tamén en Rabunho Rexeita polo mundo sorpréndeme como me chegan fotos co logo de Rabunho rexeita, dende todas as partes do mundo e casos como o de Víctor Diego García Rey que dende a Baixa California (México), sube co logo ao lombo (aínda que non pese) ao punto máis alto de Baixa California a 2.800m, na serra de San Pedro Mártir, que é coñecida por ser un dos mellores lugares do mundo para a observación astronómica. Dime ti se non é de agradecer como todos os que recibín nesta sección.

-E cal é a historia da que andas pendente ou che gustaría confirmar pero aínda estás con ela ás voltas?
– O camiño dos mortos, que baixaba dende as nosas aldeas que temos na zona alta de Rabunho, Cerqueiras, Vilar e Campelo, q creo que vai a ser unha boa historia.

-Como consegues todo o material que difundes? Hai que ter en conta que non só recompilas fotos antigas, senón tamén documentos históricos de gran valía.
– O das fotos antigas teño que agradecerlle moito, e sempre me quedaría curto, a moitas persoas de Rabunho que desinteresadamente comparten imaxes das súas familias. En canto aos documentos, como xa che comentara, a miña dona foi a derradeira persoa que naceu no Pazo dos Calotes. Por aí comecei a tirar, pedindo documentos dos seus antepasados e de Rabunho aos Arquivos do Reino de Galicia, do Ministerio de Cultura, documentos que che envían despois de pasado nalgún caso un longo período de tempo e, como non, pasando pola caixa. E despois buscando en hemerotecas e outro tipo de arquivos.

– A túa familia tamén ten historia. No seu día, as perruquerías, os bares e os comercios eran os grandes centros das parroquias, a partir dos cales se coñecía todo. E a túa casa albergaba un ultramarinos. Sabes en que ano se abriu?
– Na miña casa ao primeiro houbo panadería e, segundo os papeis que teño déuselle autorizacion de Industria para o inicio da actividade o 17 de decembro de 1956 e a taberna, segundo os documentos que teño da Mutualidad de Trabajadores Autonómos, ten a data de iniciacion do 20 de xullo de 1960.

tito4

– De onde vén o nome do Dulceiro?
– Do meu avó materno, José Figueira Romero. Dende mozo marchou a Vilagarcía a aprender o traballo de pasteleiro (Dulceiro), despois montou un “despacho” en Asados, a súa terra natal, e por últimos, despois de casarse, fixo a panaderia e “dulcería” no Rabunho, onde poucos anos despois montaría un ultramarinos xa chamado a do “Dulceiro”. Eu levo a moita honra ese apodo o do “Dulceiro”, do que me sinto moi orgulloso.

Advertisements

5 Respostas to “Entrevista a Rabunho Rexeita”

  1. Bastos de Asados 07/12/2013 ás 18:46 #

    Este Tito é un crack.
    Como teño publicado nalgún sitio… Xente á que non lle fai falta pasar anos na universidade para ser un auténtico historiador e un maestro.

  2. coco 07/13/2013 ás 08:17 #

    Eres un fenomeno

  3. miguel 07/19/2013 ás 22:31 #

    Entrei por primeira vez, hoxe,en contacto con Rabunho rexeita,e podo decir, que aparte de coñecer persoalmente a “Tito”,síntome moi orgulloso,do traballo,que estas facendo.
    Dende logo,eu, quedei prendado das historia/s do noso Araño,como se nota o cariño que lle tes.
    Moitas Gracias Tito!!

  4. miguel 07/19/2013 ás 22:35 #

    Unha humilde suxerencia,e se recopilas os alcumes ou apodos no Araño?
    Unha aperta, fenómeno.

  5. José Fdez Figueira (Ché o Golias) 12/22/2013 ás 19:18 #

    Periodismo ou Historia, como ben comenta Bastos, Tito non necesitou pasar pola Universidade para facer carreira, él en si, é todo unha “Facultade”. Amigo dende neniños (casas próximas), foi o que me fixo sentir paixón polo Atlético de Madrid (aínda xogaba Luís Aragonés, naquela final Copa Europa contra o Bayern M. que tamén era outro favorito meu). Moitas vivencias, anotadas na memoria do tempo….

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: