Como cada venres, traémosvos unha nova entrevista a alguén que apecerá a finais de ano na exposición Ruanxo Rianxo, que presentaremos no auditorio. Desta vez, temos a oportunidade de coñecer a Sabela Galbán Rodríguez, que de seguro a tedes visto en máis dunha ocasión tocando coa banda de música, acompañando á charanga NASA ou ben animando cos Carapaus.
– Cando empezaches a tocar?
Comecei con 5 anos. A miña nai apuntoume a clases de solfexo e piano no Liceo Marítimo de Rianxo, e alí estiven ata os 11. Foi con 12 anos que me apuntei no que eran as raíces da actual Escola de Música de Rianxo. Alí escollín a frauta traveseira e pasei formar parte da banda de música. Na música tradicional galega comecei un chisco máis tarde, debía ter arredor de 16 anos.
– Tocas o acordeón e tamén a frauta. Son instrumentos moi distintos. Que che gusta de cada un?
Si, son instrumentos moi distintos, precisamente por iso acabei tocando o acordeón, porque pode proporcionar cousas que a frauta non. O querer aprender a tocar a frauta tíveno claro dende moi pequena. A miña mestra de infantil, Merce, traía a súa frauta traveseira á escola e tocaba con ela, pódese dicir que me deixou marcada dende aquela. Da frauta gústame todo en xeral, o son, as posibilidades técnicas e de interpretación que ofrece, etc.
Do acordeón valoro a posibilidade de facer soar melodía e acompañamento ao mesmo tempo, e poder cantar á vez que estás tocando, cousa que na frauta é imposible. Para min é o instrumento festeiro por antonomasia.
– Tocas algún outro instrumento?
Vou a clases de gaita e contrabaixo tamén. E na miña época como pandeireteira aprendín a tocar a pandeireta, o pandeiro, etc. Toquei tamén unha temporada o saxofón coa charanga NASA. Son bastante mediocre neste sentido, gústame saber de moitos instrumentos, pero de todos eles non se pode dicir que saiba tocalos ben. Divírtome facéndoos soar e vendo as posibilidades que teñen, é un “visio” coma outro calquera.
– Cal é a túa formación musical?
Estudei Grao Profesional nos conservatorios de Noia e de Santiago, e actualmente estudo Grao Superior na especialidade de frauta traveseira no Conservatorio de Música Superior da Coruña. Pero a miña formación forxouse na Escola de Música de Rianxo e nas bandas onde estiven antes de cursar estudos no conservatorio. Tiven a sorte de atopar a Rafael Collazo, o actual director da Escola de Música de Rianxo, que me guiou por todo este mundo canto me foi necesario. Admiro todo o traballo que fixo arredor da escola de música dende moi novo, e iso levou a que moitos sintamos a Escola de Música e a banda coma a nosa casa.
A formación na música tradicional fíxena na Asociación Vai de Roda, e pódese dicir que case toda da man de Emilio Lois, dende acordeón ata gaita, e pasando pola ensinanza da “vida ghaiteiril”. As escolas de música, as asociacións de música tradicional e as bandas de música son unha gran canteira de músicos, e eu tiven a sorte de atopar mestres dos que eu digo que son de vocación. Mestres que desfrutan ensinándolle os seus coñecementos aos seus alumnos, e non dos que viven do ensino sen chegar a desempeñar o que realmente a palabra expresa: ensinar. Débolle moito a moita xente, pero como sería imposible chegar a pagarlle a todos, fágoo tomando exemplo e intentando que aos meus alumnos e alumnas lles cheguen os meus coñecementos con cariño e ilusión, tal como fixeron e fan moitos comigo. (Outros non, pero deses é mellor non falar…).
– Lembras como foi a primeira vez que actuaches en público?
Da primeira vez gardo un vago recordo. Foi con 5 anos, no meu primeiro festival de fin de curso no Liceo Marítimo.
A que si recordo perfectamente é a que foi a primeira actuación coa banda de música. O 31 de xaneiro do 2002, nunha homenaxe a Castelao en Rianxo. Debutar coa banda interpretando o himno galego ante o busto de Castelao é algo que ocupará un lugar privilexiado na miña memoria.
– Actúas con Carapaus, coa charanga NASA e tamén coa banda de música de Rianxo. Son estilos moi distintos. Que che proporciona cada un?
Aínda que son estilos moi distintos, todos ofrecen o feito de tocar en público. Penso que o fin de todo músico é buscar o entretemento e o desfrute de quen o escoita, ademais do propio, claro.
Da Charanga NASA, quédome coa “informalidade” no bo sentido da palabra; estar tocando e estar de festa ao mesmo tempo.
A Banda da Escola de Música de Rianxo apórtame o saber tocar nunha formación grande como é a banda. Cando chegas ao conservatorio, e ao longo de toda a carreira musical nótase moito cal é o músico que está afeito a tocar en conxunto, e o que en cambio está afeito a tocar só. Ademais tocar nunha banda de música, e traballar tamén como músico de aluguer noutras bandas, axuda a axilizala lectura musical a primeira vista.
Carapaus aportoume moito na miña vida musical. Cinco persoas fronte ao público, xa non é o mesmo que tocar arroupado por corenta ou cincuenta, coma na banda de música. Está claro que tes que defender o teu papel, senón a cousa non vai funcionar, non te van “tapar” os outros catro que tocan o teu mesmo instrumento, porque non os hai. Tamén destacaría o feito de entrar nun estudo de gravación profesional como é Casa de Tolos, e gravar un CD enteiriño. Entrar tódalas mañás dunha semana e traballar sobre el. Cando o tiven nas mans fíxome unha ilusión tremenda. Por último de Carapaus resaltaría a sorte que teño de estar acompañada por catro profesionais do mundo da música tradicional, grandes músicos e grandes persoas ás que admiro, e das que aprendo día tras día.
– Se puideras centrarte nun só estilo, que tipo de música che gustaría tocar ou cal che enche máis?
Puf, tería que existir un novo estilo que representase todos nos que participo! Sería difícil escoller, cada un apórtame cousas distintas, pero todas necesarias. Quizais nestes intres me quedaría coa música tradicional, e máis concretamente con Carapaus, polo feito de traballar con catro persoas que teñen como profesión precisamente a música. Vai haber implicación e compromiso sempre, o cariño polo traballo vai selo mesmo ca o meu, apostas sobre seguro.
– De seguro que tes un feixe de anécdotas das túas actuacións, pero algunha que lembres especialmente?
Tería para escribir un libro de relatos! Pero quedaríame coa actuación que fixemos Carapaus nas festas do San Froilán de Lugo o ano pasado. No coñecido Domingo das Mozas, un lote de grupos enchemos as rúas de Lugo de música tradicional. Á tardiña, despois de estar trouleando durante todo o día, baixabamos dando un pasarrúas cando atopamos unha zapatería aberta, e sen pensalo dúas veces, entramos nela e tocamos dentro. Foi un sitio pouco habitual para tocar, mais os zapatos e a zapateira quedaron ben contentos.
– Es moi nova, pero creo que estás bastante comprometida politicamente. Cres que os mozos viven a política ou teñen certo desapego?
Non vexo mellor maneira de respostar a esta pregunta, ca cunha cita do Sempre en Galiza de Castelao: “Lémbrome dalgúns galegos que viven para o seu bandullo, porque son ben asisados e non sofren as inquedanzas dos demais.
…
Estes son os que din:
-Eu non sinto a necesidade de falar galego (porque esa necesidade non se sinte no bandullo).
-Eu atópome ben onde poida vivir con desafogo (porque levan a patria na sola dos zapatos).
-Eu non creo en ninguén (porque tampouco creen en si mesmos).
-Eu renego da política (porque saben que a política dá disgustos).
-Eu ríome dos políticos (porque cicais non atoparon a ocasión de lamberlles os pés).
-Eu non perteñezo a ningún partido (porque non queren comprometer a súa tranquilidade).
…
Calquer día un destes galegos que non quere meterse en política, pasa, de súpeto, a ser directivo dunha entidade que defende intreses, e védelo sentado nun baquete, a carón de calquera político inmundo”.
A mocidade de hoxe en día ten moito desapego cara a política. Por unha banda, non é de estrañar, pois vendo o que se coce polos altos cauces españois e españolistas, calquera escaparía do tema. Pero por outra banda, considero que se as cousas queren cambiarse, hai que facelo utilizando os poucos dereitos que nos quedan, e para min o primordial é o dereito a exercer o voto. O sistema de voto non é o mellor, pero para cambialo haberá que poñer a nosa confianza en xente que coma nós queira mudar o rumbo. Non comparto a afirmación de “todos son iguais”, considero que si hai xente válida e que realmente defende os intereses do pobo, e non os do seu propio cúu Pero tamén teño claro que esta xente non se atopa no instaurado bipartidismo no que se leva vivindo dende hai tempo; hai que buscar nas minorías. Á xente da miña xeración nunca lles diría que pensasen o que eu penso, simplemente lles diría que pensasen.
– Que é o que che gusta a ti da política? Cales son as ideas polas que loitas?
Eu non desfruto coa política, pero considero que é necesaria para defendelos intereses de todos nós. Creo nun país galego, no idioma galego, na cultura galega, na Terra galega, na idiosincrasia galega, nos galegos e galegas… Loito pola igualdade entre a muller e o home, por un ensino público e galego, por unha sanidade pública, e non pola privatización que se está a levar a cabo. Loito contra os que, como dicía Castelao, viven para o seu bandullo. Loito contra políticos inmundos que recurtan día a día os nosos dereitos, que cosen e descosen para os que durmen enriba dun colchón cheo de billetes de 500€, e non para os que pelexan por saír adiante a diario. Para min a política actual dos que teñen o poder do estado e do país está chegando a límites insospeitables. Hai moito tempo que se lle perdiu o respeto ao pobo, que non se fai máis que tomarlles o pelo; e as cousas deben mudar.
Remato con outra cita do Sempre en Galiza: “A realidade actual dá noxo; pero non podemos fuxir dela por escrúpulos inúteis, pois para modelar un pobo de barro é forzoso luxar as mans.”
Moi boa entrevista e moi axeitadas respostas.
Moi boa tanto polo entrevistador como pola entrevistada
Ben falado!