Na exposición de Ruando Rianxo, que estará no Auditorio no mes de novembro e que conta co apoio do Concello, queremos contar pequenas historias de ducias de rianxeiros. Porque somos unha localidade moi rica en canto a persoas. Con algunhas delas tratamos a miúdo, como é o caso de José Abuín Tubío un carniceiro moi novo (17/07/1987) que sempre nos recibe cun sorrise na praza de abastos de Rianxo. Falamos con el dos hábitos “carnívoros” dos nosos veciños.
– Dende cando es carniceiro?
– Dende os 18 anos estou nesta profesión.
– Creo que a profesión xa vén de familia, polo que non sei se lle foches collendo o gusto pouco a pouco, xa tiñas claro dende o principio a que te ías adicar ou no seu día preferías facer outra cousa?
– Eu dende que nacín, fun criado nisto, por iso me gustou dende un principio. Cando era pequeno ía ás feiras co meu pai mercar animais para depois vendelos na carnicería. Probei tamén a traballar de albanel, cousa que non me gustou.
– Es moi novo, pero todo o mundo coincide en que es moi profesional no teu traballo. Cres que hai certas ideas preconcebidas e falsas de que a mocidade non se toma en serio aquilo que fai?
– Eu penso que hai moita mocidade á que llo dan feito todo e entón non collen as cousas en serio. E tamén che ten que gustar a profesión que escollas, porque así lle pos máis interese ao que fas.
– Cal é a carne que máis consumen os rianxeiros?
– Pois neste momento de crise é a carne de porco e a de polo, pero non polo sabor senón polo prezo, xa que é a máis barata. A fin de semana e durante as festas (xa que a xente ten convidados) consómese máis a de tenreira, a de cordeiro, a de galo e a de coello.
– E ti cal é a que prefires e que parte en concreto?
– A min a que máis me gusta é a de ternera, en concreto a parte do xarrete. Gústame estofado na tarteira con patacas amarelas, porque é moi substanciosa e branda.
– Hai días da semana nos que notes que a xente compra máis?
– Si. Hai dous días nos que se merca máis: o mercores e o domingo, porque hai mercado en Rianxo e a xente acode á praza de abastos a facer a compra. Aparte deses dous días, tamén o sábado, porque a xente adoita comprar para toda a semana.
– E en Semana Santa nótase que a xente deixa de consumir carne ou cada vez menos?
– Agora a xente non fai caso desas cousas. En Semana Santa agora os clientes xa non gardan a vixilia e mesmo nos restaurantes a xente come igual carne. Sempre hai algunha persoa maior que evita comer carne, pero á mocidade gústalle a churrascada.
– Como é o trato coa xente cando traballas?
– Eu trato de ser o máis amable posible e, se cabe un pouco, simpático, para agradar a xente e que volvan comprar. Se son persoas maiores, incluso lles levo os pedidos a domicilio porque elas non poden desprazarse ata a praza.
– Vale máis ser bo carniceiro ou ser simpático e atento cos clientes?
– Nesta profesión hai que ser bo carnicerio, simpático e atento cos clientes, porque como nos atendas ben marchan para a competencia, que diso sobra quen venda hoxe en día con estas grandes superficies.
– Levades un control dos alimentos? É dicir, tedes trato directo cos provedores e vedes os animais, as súas condicións e o proceso de cría e alimentación antes de sacrificalos?
– Si. Nós os animais mercámolos en vivo e vemos as condicións nas que están, ao tempo que miramos na guía que teñen onde naceu e onde foi criado. Despois van para o matadoiro, no que pasan tamén as súas respectivas inspecións veterinarias.
– Non sei se ademais de traballares na carnicería tamén facedes encargos a domicilio, en canto que moita xente aínda segue a criar porcos na casa.
– Si. Facemos encargos a domicilio, xa que non todo o mundo dispón de medio de transporte para vir mercar ou tamén hai persoas maiores que teñen problemas. De todas formas, a xente non cría tanto coma antes. Aínda hai quen segue a criar animais, porque ao traballar no campo dispoñen de maquinaria agrícola para sementar o millo, pero outra non ten esta posibilidade, nin fincas nin tempo para manter na casa porcos ou bois.
– Entendo que algunha vez que tiveches que cortar traballando, pero que sempre tomades as máximas precaucións, non si?
– Si corteime algunha vez pero non foi nada grave, non foron cortes profundos. Sempre tomo as máximas precaucións en canto que para o meu traballo emprego moitas máquinas e ferramentas perigosas. Pero iso de cortarse pode pasarlle ao máis profesional.
Deixar unha resposta