O pasado 30 de maio, tivemos a oportunidade de asistir no salón de actos do auditorio de Rianxo, á presentación do libro de poemas “Remontar o río” da nosa veciña e grande escritora Helena Villar Janeiro.
Ó acto asistiron numerosos amigos e amigas da escritora, que coido lograron proporcionarlle o calor e agarimo que Helena precisaba nunha presentación, se cabe, máis dificil de artellar pola complexidade de facelo na vila onde reside e onde está ambientada a meirande parte dos versos desgranados neste orixinal libro.
A presentación abreuna Adolfo Muíños, que agradeceu a Helena Villar, e a Luz Darriba (ilustradora do libro) a oportunidade de presentar en Rianxo un poemario nestes tempos de crise nos que é tan dificil sacar adiante un proxecto desta envergadura, como é un libro sen contar con editoriais que o respalden e lle dean difusión e orzamento.
Logo tocoulle o turno de presentación a Fernando Lavandeira, que se encargou de darlle o seu toque persoal ás impresións que lle ofreceron as primeiras lecturas deste poemario.
Chegou o turno despois de Luz Darriba, que foi quen se encargou de facer as ilustracións do libro, e que nos contou anécdotas e vivencias que foron acontecendo ó longo do tempo que tiveron que pasar Helena e ela xuntas para sacar adiante este poemario.
O momento álxido da presentación correu a cargo dunha emocionadísima autora que en propias palabras nos dixo que “poucas veces se ten oportunidade de presentar un libro onde se traballou nel e onde as paisaxes que arrodean teñen tanto significado nos seus poemas. Cando isto sucede, como pasou en Rianxo, unha percibe de novo as emocións polas que pasou cando compuxo os versos e dáse conta de que aquel lugar está totalmente enraízado tamén na súa vida”.
Para rematalo acto, como ó principio tivemos a oportunidade de escoitar unha peza interpretada por Sara García e Aldara Muíños, integrantes da Escola de Música de Rianxo.
Tamén, e como non, houbo o momento bolígrafo, en que as autoras asinaron exemplares do libro, que mesmo se podía mercar nese mesmo intre.
Queremos deixarvos, tamén, a modo de anécdota o orixinal formato deste libro, que segundo nos dixo Helena, fai honra ó titulo, pois é como o remontar dun río…
Unha preciosa reportaxe que moito agradecemos a que mostras aquí. Grazas por este traballo día a día. Es, de feito, o cronista de Rianxo. Unha aperta grande.
Grazas Helena.
É tanto para Óscar como para min unha honra que vos guste este noso, voso traballo.
Apertas!!!